Segundo Alberto Garzón, en 2010 Repsol –con YPF no bandullo– pagou ao Estado español a abraiante cifra de 949 millóns de euros en impostos. A este ritmo, en pouco máis de 10 anos a exemplar compañía estaría en disposición, por exemplo, de financiar os 10.000 millóns de euros que o goberno de Rajoy acaba de acernar da educación e da sanidade públicas. Ou podería, por si mesma, deixar sen efecto os 900 millóns que se calcula reducirá o Estado en Axuda ao Desenvolvemento neste ano. Velaí a súa vital importancia para o futuro do Reino.
É por isto que o presidente, de xira polos dous países máis neoliberais e violentos de América latina –México e Colombia–, non tivo máis remedio que, notoriamente nervioso pola grande intre histórico no que estaba mergullado, enviar unha mensaxe de gran estadista dende a cadeira que lle cedeu Felipe Calderón no estrado do Foro Económico Mundial de Davos-Puerto Vallarta: “Yo trabajaré para que eso no suceda porque eso no sería justo. O dicho de otra manera, eso sería sumamente injusto”.
Tal contundencia e dominio dos xiros lingüísticos espertaron un entusiasmado aplauso de admiración na platea. Aclarar que “eso” son os investimentos de empresas procedentes de terceiros países en América latina, e non as ganancias que a explotación de servizos e recursos naturais lles reportan a estas empresas.
Foros como o de Davos están financiados por un cento de empresas membros
Igualmente indignado nesa praza de elite se mostrou o presidente Calderón, por canto México tamén sae prexudicado ao ter Petróleos Mexicanos (Pemex) o 9,5% de Repsol. Non aclarou se entre as previsións do seu goberno, por iso de dar exemplo, está a de abrir Pemex ao investimento estranxeiro, por exemplo privatizándoa no contexto do TLCAN –ou NAFTA– para instalar maquiladoras petroleiras en Oaxaca, Chiapas e Guerrero. Todo é posíbel.
O affaire YPF entre Repsol e Arxentina, que non entre España e Arxentina, corrobora o feito de que existen unha serie de países, especialmente no cono Sur, que fronte o fracaso neoliberal decidiron exercer a súa soberanía como solución.
Por certo, é importante dicir que foros como o de Davos están financiados por un cento de empresas membros que, en xeral, teñen máis de 5.000 millóns de dólares de facturación e entre as que non está Repsol. Estas empresas pagaban en 2005 unha taxa de entrada duns 35.000 euros, amais dunha anual duns 15.000. No entanto, o foro está aberto a asociados industriais pola módica cifra –aproximada– de 210.000 euros e a asociados “estratéxicos” por só 415.000 euros. A que dá dereito a entrada exactamente non o sabemos, mais é intuíbel.
Xa fóra retrancas, o affaire YPF entre Repsol e Arxentina, que non entre España e Arxentina, corrobora o feito de que existen unha serie de países, especialmente no cono Sur, que fronte o fracaso neoliberal decidiron exercer a súa soberanía como solución. O que contrasta sen dúbida algunha coa estratexia totalmente contraria emprendida polos países do clube da eurozona, sometidos hoxe aos ditados –de ditadura– dun Fondo Monetario Internacional (FMI) que emprega aquí as nocivas tácticas doutrora en América latina. Aos primeiros parece irlle mellor que aos segundos. Ou cando menos nos primeiros as persoas que os habitan –e cando digo persoas non inclúo membros de oligarquías– viven mellor que hai dez anos, cousa que non acontece no segundo dos casos.
De feito, a meirande parte destes países latinoamericanos na década de 1990 caeron baixo o control do FMI –en parceira co Banco Mundial– e os seus plans de axustamento estrutural –hoxe de austeridade–, que só crearon miseria baixo a lousa da débeda, os recortes sociais para reducir o déficit, a invasión de multinacionais e galaxias financeiras e a privatización masiva dos seus recursos naturais, empresas públicas e servizos básicos. Sóavos?
Só foi coa chegada ao poder de gobernos de esquerda de moi diversa índole na década de 2000, hoxe maioritarios no continente, que estes diagnosticaron ben os seus problemas, detectaron o cancro das institucións financeiras internacionais e actuaron soberanamente auditando as súas débedas
Só foi coa chegada ao poder de gobernos de esquerda de moi diversa índole na década de 2000, hoxe maioritarios no continente, que estes diagnosticaron ben os seus problemas, detectaron o cancro das institucións financeiras internacionais e actuaron soberanamente auditando as súas débedas –unha grande parte eran ilexítimas e mesmo odiosas, xeradas por ditaduras– e en moitos casos, como Ecuador, Venezuela, Brasil ou Arxentina, liquidando definitivamente as contas cos prestamistas do FMI. Este feito, xunto a unha mellor redistribución da riqueza aumentando o gasto público e a recuperación do control sobre os seus recursos sacaron da miseria a millóns de persoas nestes países na última década. Moito queda por facer, pero cando menos fan. Quen di que non hai alternativas?