De finais do ano 1924 datan as primeiras noticias sobre a aparición, á beira da lagoa de Antela, dun “trozo de alhaja ibérica”. Trataríase da arracada de Vilar de Santos, exemplar singular da ourivaría castrexa datable arredor dos séculos III-II a. C
De finais do ano 1924 datan as primeiras noticias sobre a aparición, á beira da lagoa de Antela, dun “trozo de alhaja ibérica”. Trataríase da arracada de Vilar de Santos, exemplar singular da ourivaría castrexa datable arredor dos séculos III-II a. C. Responde a un tipo de xoias áureas ben coñecidas e do que se conservan diversos exemplares próximos cos que se relaciona directamente, tanto polo seu aspecto formal, como pola técnica e pola decoración.
Presenta un deseño arriscado pola dificultade na súa execución, así como unha minuciosa e detallada elaboración cunha sorprendente decoración volumétrica aplicada que complementa aqueloutra realizada directamente sobre a propia lámina que dá forma á estrutura.
Na súa elaboración combínanse técnicas construtivas e decorativas cun longo percorrido, ausentes nestes territorios ata avanzada a Idade do Ferro e que se presentan como produto das relacións mantidas con culturas mediterráneas
Na súa elaboración combínanse técnicas construtivas e decorativas cun longo percorrido, presentes algunhas xa nas primeiras manifestacións da ourivería peninsular (laminado, levantado, repuxado, puntillado...), con outras que precisan dun alto dominio técnico (obtención de glóbulos e fíos, soldadura, granulado, filigrana...), ausentes nestes territorios ata avanzada a Idade do Ferro e que se presentan como produto das relacións mantidas con culturas mediterráneas.
Incrementa a singularidade da peza limiá a presenza de determinados motivos decorativos aplicados: campánulas, glóbulos”, espiras, etc., pero, e dun xeito especial, as representacións zoomorfas, tan escasas na ourivería castrexa. Trátase da figura dun ornitomorfo (patiño) en vulto redondo e de dous prótomos afrontados doutra ave acuática. Ámbolos dous motivos agochan un profundo significado simbólico que nos estaría falando dun culto solar. O crecente luar que dá forma á parte superior da arracada parece habelo que interpretar como unha representación antagónica á das aves acuáticas.
A arracada de Vilar de Santos é unha peza de singular valor patrimonial que ilustra unha parte importante da historia limiá e que, ao igual que sucedía no mundo antigo, dispón na actualidade dun valor simbólico e de identidade social e cultural
Pero a xoia limiá conserva aínda moita información que haberá que ir descubrindo co avance da investigación, tanto mediante a aplicación de avanzados métodos laboratoriais, como por mor de novos descubrimentos que nos poida proporcionar a arqueoloxía.
Todo isto fainos concluír que a arracada de Vilar de Santos é unha peza de singular valor patrimonial que ilustra unha parte importante da historia limiá e que, ao igual que sucedía no mundo antigo, dispón na actualidade dun valor simbólico e de identidade social e cultural.