Vilar de Santos está decidido a recuperar a aldea para reconvertela nun espazo para "a divulgación da experimentación e aprendizaxe do pasado"
A aldea de Saa, en Vilar de Santos, quedou abandonada no ano 1969. Dende entón houbo algúns intentos para darlle novos usos, coma o convenio asinado hai case dúas décadas entre a Consellería de Industria e o Concello de Vilar de Santos para a súa recuperación turística, pero fracasaron.
Aquel proxecto, consistente na construción dun edificio para cantina e restaurante, apartamentos, unha oficina de información turística, espazos de artesanía, forno, hortas e a posta en valor doutros espazos e elementos de interese etnográfico, quedou polo camiño. De feito, os inmobles que si que chegaron a reconstruír, volveron ficar abandonados, sendo vítimas de ataques vandálicos e roubos.
A aldea de Saa, en Vilar de Santos, quedou abandonada no ano 1969
Agora o Concello de Vilar de Santos está decidido a recuperar a Aldea de Saa para reconvertela nun espazo para "a divulgación da experimentación e aprendizaxe do pasado". O orzamento total da actuación ascende a 29.506 euros, dos que 23.189 proceden do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, co-financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.
O obxectivo é que as novas xeracións coñezan "como eran os procesos de elaboración e uso de ferramentas, os tecidos, a cerámica, os oficios, o traballo no agro ou a relación co medio"
Levaranse a cabo diferentes actuacións de recuperación patrimonial, paisaxística e mellora da contorna do núcleo de interese etnográfico e arqueolóxico da Aldea de Saa para a creación do parque didáctico SApere Aude, co obxectivo de que as novas xeracións coñezan de primeira man "como eran os procesos de elaboración e uso de ferramentas no pasado, os tecidos, a cerámica, os oficios, o traballo no agro ou a relación co medio", explican dende o Concello.
Este é "un primeiro paso necesario" para frear o deterioro que estaba sufrindo o lugar pero que "non será o derradeiro"
As obras comezarán nas próximas semanas e está previsto que queden concluídas á volta do verán. O alcalde de Vilar de Santos, Antonio Miguez, destaca que este é "un primeiro paso necesario" para frear o deterioro que estaba sufrindo o lugar pero que "non será o derradeiro". “As limitacións orzamentarias non nos permiten acometer unha inversión maior coa que recuperar a totalidade das edificacións, pero iso non pode ser escusa para non actuar”, di.
Actuará de complemento ao programa expositivo do Museo Etnográfico da Limia
Máis adiante executaranse accións de recuperación patrimonial de dúas das catro unidades construtivas, convertendo unha nun centro de recepción de visitantes autónomo e outra nunha aula didáctica que deberá actuar de complemento ao programa expositivo do Museo Etnográfico da Limia, situado a pouca distancia do propio núcleo de Saa.
Crearase unha zona de experimentación de ferramentas
Entre outras actuacións, crearase unha zona de experimentación de ferramentas, na que os e as participantes poderán familiarizarse cos utensilios creados dende a Prehistoria para alimentarse e cubrir todas as tarefas. Tamén se instalará unha zona de experimentación de cultivos, "procurando crear un recurso educativo alternativo que favoreza a aprendizaxe activa, por descubrimento e cooperación".