A arte literaria do retrato

Xosé Luís Franco Grande CC-BY-SA Estevoaei

Xosé Luís Franco Grande é unha das figuras máis relevantes das nosas letras. Galicia débelle un retrato a Franco Grande. Aínda que el sempre nos dirá que non

Xosé Luís Franco Grande (Tebra, 1936) é unha das figuras máis relevantes das nosas letras. Dende o “Entre si e o non” á “A ilusión da esperanza” que ven de publicar recentemente, hai un longo treito vital e literario que gaba a súa excelencia como autor firmemente comprometido coa nosa cultura e a nosa lingua. 

Poucas figuras teñen cultivado con tan alta calidade xéneros tan diversos como a poesía, o ensaio, o xornalismo, a crítica, a memoria, etc. Niso inflúe, a bo seguro, a súa ampla formación, o seu fondo humanismo, a independencia de criterio, etc., conformadores de actitudes e principios que inculcan valores que nunca deixou de lado e que van por riba das modas e tendencias para formar parte do seu ideario máis íntimo, aquel debedor da súa procura máis ansiada, a liberdade en todas as súas expresións.

Naqueles “anos escuros” que deu a coñecer por primeira vez nos anos oitenta, moitos descubrimos outra visión doutra Galicia que el reivindicou lonxe dos anatemas, coas súas virtudes e os seus defectos, que de todo sempre hai

Naqueles “anos escuros” que deu a coñecer por primeira vez nos anos oitenta, moitos descubrimos outra visión doutra Galicia que el reivindicou lonxe dos anatemas, coas súas virtudes e os seus defectos, que de todo sempre hai. Acostumados a ver o mundo en branco e negro, Franco Grande revelóusenos aquí como o mestre da arte dos matices. Loitando contra as tebras pero tamén contra as medias verdades, Franco foi un faro de luz ao que sempre teremos que acudir para ter unha visión máis completa do que pasou, de quen eran, que pretendían, aqueles que resucitaban á súa maneira a militancia galeguista. Como será inesquecible para sempre aquel seu Dicionario…

Aínda que el diga que os anos fan estragos, Franco ten unha memoria providencial. Iso non obsta para que as súas afirmacións se apoien en testemuños e documentos que evitan facer concesións ás lagoas marcadas polo paso do tempo. Neste seu libro dos amigos que ven de nos entregar, extensión do publicado a inicios dos noventa, unha vez mais exhibe a súa condición de fedatario fiel dunha longa e riquísima xeración de persoas sobresaíntes en múltiples aspectos e que tivo a oportunidade de tratar. A gran denominación común de todos eles é o compromiso co país, cada quen á súa maneira, un compromiso que el mesmo practica a cotío teimando na práctica da sedución con tantos que o país, tantas veces ingrato, chega a expulsar para que volten á senda de orixe.

Como libro de retratos, Franco Grande achéganos impresións, datos e sínteses moi reveladoras dos personaxes pero tamén dos focos de interese do autor, retratos feitos con esa honestidade intelectual que é tamén sinal de identidade de vello do seu facer

Como libro de retratos, Franco Grande achéganos impresións, datos e sínteses moi reveladoras dos personaxes pero tamén dos focos de interese do autor, retratos feitos con esa honestidade intelectual que é tamén sinal de identidade de vello do seu facer. E sempre con boa pluma, cun relato fluído, cheo de anécdotas, recoñecedor da complexidade, que te encandea de comezo a fin. É moito e ben revelador o que se pode descubrir coa súa lectura. A súa fina e elaborada técnica permite aprehender de forma didáctica e atraente o que tantos esforzos académicos procuran en voluminosos ensaios. Franco fala do que sabe e sabe contalo. Inevitablemente, o libro transpira nostalxia, a dun tempo e dunha xeración, única en tantos sentidos, que dificilmente atopará relevo na Galicia actual. 

Eu tiven e teño a inmensa fortuna de ser testemuño da inmensa importancia que Franco Grande outorga á amizade como valor humano e como goza realmente dos momentos de amizade, no dicir de Jules Renard. A súa xenerosidade, que el acostuma xestionar con discreción absoluta, sorprendería a moitos, quizais descoñecedores de quen é Franco Grande, en aparencia distante pero sempre afectuoso nas distancias curtas. 

Galicia débelle un retrato a Franco Grande. Aínda que el sempre nos dirá que non. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.