En 1866 a corte imperial chinesa enviou diplomáticos por primeira vez a Londres e París para que describisen o comportamento social europeo e as redes de relación, que non entenden en absoluto
En 1866 a corte imperial chinesa enviou por primeira vez diplomáticos a Londres e París para que describisen o comportamento social europeo e as redes de relación, que non entendían en absoluto. Antes Europa era para eles terra de bárbaros, pero o dominio comercial, a tecnoloxía bélica de Occidente e a inminente translación da hexemonía desde Pekín para Londres, demandan unha comprensión, que chega xa moi tarde.
Os embaixadores escandalízanse, literalmente, co estilo e a calidade de vida, cos anchos bulevares, cos fermosos parques. A velocidade do tren cáusalles pánico e fascinación, mais en xeral permanecen obtusos.
Non se pode impoñer o mesmo “dao”, o mesmo camiño, ás dúas culturas, informa un deles. O comboio non se adapta á China, din case todos. Ademais profanaría as tumbas dos antepasados. Agroman por todas as partes os problemas éticos, morais e políticos.
Liu Xihong fica consternado ao detectar que Londres non está rodeada por unha muralla. Este dato desvélanos a confusión que ten o enviado, a falta de coñecemento sobre o cambio de dominio bélico.
Abráiaos o sistema de sumidoiros de París, porque non coñecen nada semellante en Oriente. A limpeza diaria das rúas con mangueiras; o metro; o tranvía con frechas e sinais; a iluminación nocturna.
A liberdade individual, a loita polos dereitos colectivos, marcan o novo tempo en Occidente, o tempo do progreso
Os chinos non coñecían daquela o equipamento e a organización dun espazo urbano diferenciado do rural. Alucinan coa clasificación e co reconto, en realidade co sistema cartesiano, que se está impoñendo, coa ordenación por categorías dos habitantes, por idades, número de fillos, formación, oficio, taxas de nacemento, de defunción. O sistema postal do estado, eficiente e ordenado.
En Occidente existen os infernos nas fábricas, os pobres, os barrios do espanto, pero eles observan e describen os avances, as novidades, a boa vida, o que lles interesa.
Pasman cos bares e cos cafés, onde se reúnen xentes dos dous sexos e até de extraccións sociais distintas. Sorpréndeos o interese das mulleres pola roupa de moda, e porque a peguen ao corpo para insinuar as formas. Zhang Deyi di que todas queren ter escotes cos peitos altos, o cu grande e os pés pequenos. As mulleres están no espazo público e reina o principio de “ladies first”, inimaxinábel na China. O baile é unha celebración sen equivalencia na etiqueta deles. Asómbranse de que un home e unha muller poidan decidir libremente o casamento.
O celibato libremente elixido é libertinaxe na China do S. XIX. Evitar os embarazos e frustrar a concepción aprécianse como condutas perversas, propias de criminais que non merecen o perdón.
Mais a sorpresa maior dos diplomáticos é o sistema parlamentario inglés, a constatación de que os poderes se controlen entre si. Algún conclúe que esa é a chave do éxito, a razón principal do desenvolvemento de Europa. Contar coa crítica é a base para adoptar políticas prudentes, pensan.
A liberdade individual, a loita polos dereitos colectivos, marcan o novo tempo en Occidente, o tempo do progreso.
Todo consiste nunha especie de flexibilidade que non son capaces de apreixar, unha fluencia incomprensíbel para eles.
No declive chinés predomina a submisión á autoridade paterna, que é unha obriga primordial, base moral, vinculada ao culto aos antepasados. Os principios confucianos das relacións humanas xiran arredor destes ríxidos binomios: soberano e súbdito, pai e fillo, marido e muller, maior e menor e como corolario a dualidade amigo - inimigo. Así o describe Feng Chen.
Algo moi inquietante que está a pasar neste século XXI, que ademais se agrava coa crise actual do coronavirus. Como se o que foi defecto, a rixidez, a acritude, o autoritarismo, a negación da liberdade individual, se convertesen en virtudes
A superioridade bélica, tecnolóxica e comercial de Occidente condénaos á absoluta decadencia, pero a causa tamén hai que buscala neles, nas súas carencias, na articulación social, na mentalidade, que anula a enerxía para calquera reacción. En definitiva, non ser capaces de determinar que a liberdade de crítica, de opinión e a división de poderes, son chaves para conservar a hexemonía nese momento histórico.
Pero algo moi inquietante que está a pasar neste século XXI, que ademais se agrava coa crise actual do coronavirus; como se entrásemos nun mal soño, mentres se trocan os papeis antes descritos. Como se o que foi defecto, a rixidez, a acritude, o autoritarismo, a negación da liberdade individual, se convertesen en virtudes.
Algo se nos está escapando aos occidentais. E hai síntomas mesmo moi sinxelos e visuais. Cando nos contaron, por exemplo, que construíran un hotel, chave en man e con nivel de seguridade nove en dous días e todos quedamos pampos mirando para o vídeo, igual que pasmaban os diplomáticos aqueles coas mangueiras de París. Ou cando nos dixeron que pensaban en fabricar foguetes para establecer un transporte de minerais desde outros planetas; igual non é vero, pero é ben trovato. Ou agora, que constrúen un hospital antes de que espertemos da sesta. As dimensións son fabulosas, como a de pensar en cidades de até cen millóns de habitantes. Estas cousas supérannos nas sensacións, no epidérmico, no intuitivo, que é moi importante.
Todo parece funcionar desde hai un tempo en contra dos vellos parámetros. Como se esa vella tradición confuciana, que tantas rémoras lles ten causado, se ensamble agora perfectamente coa novo cambio tecnolóxico e produza uns resultados magníficos, directamente proporcionais á perda de dereitos cidadáns e colectivos en todo o mundo.
É posíbel que nós non esteamos sendo capaces de comprender esta nova realidade, igual que os diplomáticos do S. XIX non comprendían o que pasaba en Europa? A desaparición pura e sinxela da vida privada e da intimidade, da liberdade e da cidadanía tal como a viñamos concibindo
O filósofo coreano Byung Chul Han escribe que o Covid19 está poñendo a proba o noso sistema. Constata que a baixa cantidade de infectados que houbo e hai en Taiwan, Corea, Hong Kong, débese á mentalidade autoritaria, a esa tradición confuciana. Persoas obedientes, que confían cegamente no Estado e que apostan sobre todo pola vixilancia dixital. Os grandes combatentes dos virus son os informáticos, ademais dos virólogos. O big data salvando vidas humanas e arrasando ao mesmo tempo con conquistas sociais seculares.
Trátase da absoluta falta de conciencia crítica ante a vixilancia. Douscentos millóns de cámaras en China, premios por puntos á boa conduta, en realidade á íntima, no á pública, bonificacións nos créditos hipotecarios e moito máis. Todo testado todo polos teléfonos e as aplicacións. Nada que non exista, todo está xa vixente. E onde funciona a pleno rendemento paran a pandemia. Onde non, non, ou con moita máis dificultade.
É posíbel que nós non esteamos sendo capaces de comprender esta nova realidade, igual que os diplomatas do S. XIX non comprendían o que pasaba en Europa. Estamos ante un cambio profundísimo de modelo, que Europa e o amigo americano aínda non cacharon ben.
Notas
Feng Chen. El descubrimiento de Occidente ( Los primeros embajadores de China en Europa 1866-1894). Siglo XXI ed.
La emergencia viral y el mundo de mañana. Byung- Chul Han. (El País, 22 Marzo 2020).