A austeridade que empobrece as clases populares

Días atrás este diario facíase eco dun demoledor, pero concienciudo e moi rigoroso, informe que a Fundación FOESSA, por encargo de CARITAS, elaborou sobre a situación na que viven cada vez mais familias galegas. Unha situación marcada pola exclusión social na que están caendo un número crecente das mesmas.

Un informe que ven a confirmar o que vimos repetidamente denunciando neste medio sen que os gobernos galego i español fagan nada, senón todo o contrario, por remedialo. Un informe que confirma que si a condición de periferia de Galicia é un factor relevante neste auxe da exclusión social, a desigualdade e a pobreza non son menos responsables as políticas públicas que se aplican tanto en España como en Galicia. Este informe demostra contundentemente como transcorrida unha década dende o estoupido da crise financeira que abriu a porta as políticas austericidas (austeridade fiscal e rebaixa salarial) xa non quedan dúbidas de que esas políticas dispararon as desigualdades sociais e territoriais ao tempo que destorzan o estado de benestar. 

As (contra) reformas laborais aprobadas polos gobernos españois últimos (PSOE, PP) e respaldadas con entusiasmo pola Xunta de Galicia (PP) que tiñan como obxectivo debilitar a capacidade negociadora e reivindicativa das clases traballadoras non so non conseguiron reducilo desemprego, realmente non era ese o seu auténtico obxectivo, senón que na actualidade Galicia, por caso, aínda non recuperou o nivel de emprego previo a grande recesión (2008), segue tendo uns niveis de ocupación moi baixos (dos mais baixos de España), deuse unha caída importante dos salarios reais (capacidade adquisitiva) e disparouse a precarización do emprego. Velaí que, hoxe por hoxe, e como non sucedera nunca neste período democrático o ter un emprego en Galicia non garanta evitar a exclusión e a pobreza (hai traballadores/as que teñen problemas para alimentarse regularmente polo que se ven precisados/as a acudir aos comedores sociais). Para maior evidencia da falsidade do dogma neoliberal sobre os salarios baste subliñar como a pesares de darse esa caída no salario real medio o investimento privado en Galicia non se recuperou senón que segue (en valores reais) en mínimos históricos. Unhas evidencias que confirman a subliñada condición de periferia da comunidade galega.

Os axustes fiscais acompañados dun fanático furor privatizador do publico provocaron unha auténtica convulsión en servizos públicos fundamentais (sanidade, ensino, maiores, vivenda …) como así evidencian a maioría dos medios de comunicación e opinión galegos que conservan a súa independencia. Non hai día en que non apareza na portada deses medios unha nova relacionada co impacto que os axustes están provocando tanto na atención aos cidadáns como nos/as propios/as traballadores/as de tales servizos. Un deterioro que repercute con maior intensidade nas clases de rendas baixas que non son quen, por falta de recursos, de acudir aos servizos privados. Unhas clases populares que ven como estas políticas están tendo un impacto enormemente negativo sobre a súa calidade de vida.

Son estes dous factores, froito da aplicación de políticas públicas neoliberais, os que inciden con maior intensidade no crecemento da exclusión social e a pobreza en Galicia como está sucedendo practicamente en todo Occidente. Unha exclusión social e unha pobreza derivadas dun desemprego elevado e prolongado, unha caída do emprego, unha crecente precariedade, unha maior desigualdade nas rendas (maiormente nas salariais onde Galicia é unha das comunidades que presenta maior diferenza coas rendas de capital), un crecemento imparable nos prezos dos servizos básicos (enerxía, transporte, vivenda …), un crecente deterioro das funcións públicas de benestar, etc.

Como ben afirma o meu admirado Amartya Sen, “Nunha democracia estes horribles fracasos deberían recibir unha atención política masiva. Os medios de comunicación teñen un grande papel que desempeñar neste asunto. Si realmente se tende a pasar por alto estas grandes privacións nos medios impresos e de difusión, entón pode considerarse que (…..) a democracia non está funcionando como é debido”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.