A base de 'selfies'

Para selfie o de Durero cando decidiu autorretratarse como Xesucristo. Ou o de Frida coa columna vertebral rota, sen un ápice de idealización, é dicir, sen filtros de Instagram. Agora é distinto: os timelines son o museo das posturas incómodas, dos longos minutos na procura do xesto polo que intúes conseguirás máis de dez “gústame”. “Que mona!”. “Estás guapísimo!”. “Joder, non pareces ti!” Un selfie é un xesto de vaidade extrema. Saber que así non estás nada mal e durmir tranquilo á espera de ver, á mañá seguinte, o círculo vermello das notificacións confirmando que tamén lle gustas incluso aos que en realidade non.

Barreiro fai sempre o mesmo: aplaude, di que si coa cabeza e solta un “muy bien, muy bien”. Este tic retrátao, fai de Barreiro un selfier orixinal, é un aceno que autorretrata iso de que para ser senador hai que ser un lince, ibérico

Hai quen se retrata así e hai quen o fai cos seus xestos. Coa clase política pasa sempre. A min gústame moito, por exemplo, un xesto do lugués Xosé Manuel Barreiro, hoxe portavoz do PP na Cámara Baixa. Cada vez que aparece na televisión está detrás de Rajoy, sentado no seu escano do Senado, escoitando falar ao Presidente. Cando Rajoy remata o discurso –nótase porque acostuma a rubricar en barroco- Barreiro fai sempre o mesmo: aplaude, di que si coa cabeza e solta un “muy bien, muy bien”. Este tic retrátao, fai de Barreiro un selfier orixinal, é un aceno que autorretrata iso de que para ser senador hai que ser un lince, ibérico. Dígoo polo de listo, non crean, e non tanto porque no Senado só admitan especies en perigo de extinción.

A min non me crispan os selfiers do común, hai xente que se quere autorretratar e non me importa. Os que molestan son os que se retratan, con narcisismo ideoloxizante, poñendo en práctica decisións aprobadas nun Consello de Ministros. Autorretrátanse con orgullo e presumindo de que o dano que fan fano porque queren.

A contrarreforma da Lei do Aborto, esa privatización dos úteros, non é “unha medida para paliar a crise” é un autorretrato fiel á ideoloxía dun Ministro

A contrarreforma da Lei do Aborto, esa privatización dos úteros, non é “unha medida para paliar a crise” é un autorretrato fiel á ideoloxía dun Ministro. Ou mesmo a recente decisión que obriga a unha persoa despedida do seu traballo a pagar se quere recorrer;  é tamén un selfie da súa personalidade. A batalla contra todo o que sexa de necesidade pública, o desgaste premeditado ao sector cultural, que Blesa teña a afección de cazar mamíferos –hipopótamos ou preferentistas- non son “decisións dolorosas para reducir as taxas de paro” son autorretratos fieis a unha mentalidade de aceite de ricino e batín de seda. Son rancios, son moitos, son así e así queren seguir sendo. Retrátanse a si mesmos e fachendean diso botan por fóra. É como cando o expresionista austríaco Egon Schiele –que pintou un centenar de autorretratos- dixo: “son tan rico que teño que regalarme a outros”. O que pasa, é que a utilización da crise como escusa para facer o que sempre quixeron facer sobrepasou xa os límites da obscenidade.

Retrátanse a si mesmos e, de todo abano de filtros favorecedores que ofrece unha maioría absoluta, elixen sempre ese que consigue que a imaxe cambie a branco e negro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.