“Essas criaturas tinham todas vendido a alma a um diabo da plebe infernal, avarento de sordidezas e de relaxamentos” (Livro do desassossego, Fernando Pessoa)
Nunca seremos capaces de desentrañar a rutineira teimosía dos donos dos bares, dispostos a aparvarnos con varios televisores acesos, dende a madrugada ata as tantas, malia a nosa inapetencia polas súas viandas, agás cando o fútbol decide invadir todas as polgadas da pantalla.
Hai cousa dunha semana, a iso da media mañá, os barópatas viraban repentinamente a cabeza cara a caixa da parvidade, cando os xefes do pesoe e pepé discutían no patio do colexio sobre a codia das súas miserias
Mais ás veces, raras veces, acaba despuntando a excepción, talvez para confirmar a regra. Hai cousa dunha semana, a iso da media mañá, os barópatas viraban repentinamente a cabeza cara a caixa da parvidade, cando os xefes do pesoe e pepé discutían no patio do colexio sobre a codia das súas miserias, decididos a agraciar ao respectábel público con cargosos bramidos que in illo tempore lle chamaban oratoria. Nesta ocasión ladran e oulean para referirse aos presuntos implicados no penúltimo banquete da chourizada patriótica, sen atreverse a amentar os seus nomes. Ou o que vén sendo o mesmo: rifaban, pretendendo facernos crer que nolo estaban contando todo, sen que nos decatásemos que non nos contaban nada.
Como os galegos –e os outros tamén– somos moi listos desde que pensamos, malia un tipo de doenza colectiva, coñecida como lapsus línguae, que aparentan padecer os que eses que rifan en Madrid para embobarnos, obrígannos a sospeitar que todos andan metidos en negocios turbios
Claro, como os galegos –e os outros tamén– somos moi listos desde que pensamos, malia un tipo de doenza colectiva, coñecida como lapsus línguae, que aparentan padecer eses que rifan en Madrid, para embobarnos e incitarnos a sospeitar que todos andan metidos en negocios turbios. Uns meten no debate a «la mujer del Presidente», despois de se conxurar para que nunca saibamos o seu nome. Outros refírense a «la pareja de Ayuso» cando queren falar de pisazos, Maseratis e de pasta –de moita pasta!– ata colocar a un «patriota anónimo» no primeiro posto do Hit Parade dos tratantes de máscaras en tempos de pandemia, sen concedernos o honor de poder chamarlle polo nome ao tipo de marras. Para pechar a cuadratura do círculo dos viciosos, é posíbel que o tal Koldo aínda se siga chamando Koldo, mais o certo é que, a día de hoxe, nin sequera un tal Ábalos se lembra do nome deste filantrópico patriota.
Así que, a nosa amnesia e a supina ignorancia van medrando porque nos azacotan con toneladas de parvidade mediática e porque os que mandan se conxuran, antes de que o do bar acenda o televisor, para regalarnos millóns de gafas con cristais opacos, fabricadas para converternos en cidadáns cegos, en morcegos apampados que fuximos da luz porque o que realmente nos mola é a indouta escuridade.
Cando o reloxo anuncia a hora de xantar, a televisión segue coa mesma garulada e a cadela de Iolanda, deitada no seu colo, escoita impasíbel as trapalladas de Sánchez e Feijóo, e mesmo as dos seus lugartenentes. Mais, antes de marchar e sen permiso da presidenta da cámara, a cadela pega un brinco mortal, tentando alcanzar coas uñas a pantalla. Como non o consegue, comeza a ladrar desesperadamente, sen que o dono do bar se decate que o único xeito de facela calar era apagando o televisor.
[O meu tío Lisardo só pode compadecerse da pobre cadela de Iolanda –e do dono do bar, claro–. Que podía facer aquela criatura despois de ter que escoitar toda a mañá a tan ilustres tarambainas!?]