A cordura a raia

A terceira proba nuclear norcoreana levada a cabo este martes co argumento de “defender a seguridade e soberanía fronte ás políticas hostís de EUA”, chega varias semanas despois de que o Consello de Seguridade da ONU aprobara unha resolución contra Pyongyang polo lanzamento dun foguete o pasado decembro.

Nos últimos meses, os alardes de poderío militar téñense multiplicado en toda a zona con exercicios militares conxuntos de Washington con Seúl e Tokio, tamén de China

A proba levada a cabo por Corea do Norte bota mais leña ao lume nun contexto rexional cada día mais turbado. Nos últimos meses, os alardes de poderío militar téñense multiplicado en toda a zona con exercicios militares conxuntos de Washington con Seúl e Tokio, tamén de China, nun ambiente marcado pola exacerbación das tensións entre China e Xapón pola disputa da soberanía sobre as illas Diaoyu/Senkaku.

Pyongyang ven utilizando tradicionalmente o programa nuclear como un arma tan desafiante como imprudente fronte as resolucións da ONU. Non obstante, deberamos cifrar igualmente a atención na ausencia de políticas explícitas e perseverantes orientadas a crear medidas de confianza que poidan prever un deterioro da situación. Os riscos seguirán aumentando na medida en que non se aborden as causas fundamentais do contencioso.

A xestión deste novo episodio de tensión pasa pola recuperación do diálogo hexagonal -no que participan as dúas Coreas, Xapón, Rusia, China e EUA

Se descartamos, como parece lóxico e aconsellable, o recurso ao uso da forza, a xestión deste novo episodio de tensión pasa pola recuperación do diálogo hexagonal -no que participan as dúas Coreas, Xapón, Rusia, China e EUA- na busca dun equilibrio que satisfaga as preocupacións das partes.

Con independencia da valoración que nos mereza a peculiar tiranía norcoreana, o incremento da tensión en Asia oriental só pode rebaixarse con xenerosas doses colectivas de cordura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.