A corrupción, diarrea estrutural

Realmente, os conceptos comezan a escasear. E tamén a capacidade de nomear o escapismo dos gobernantes da cuestión pública nos concellos, na nación e no estado á hora de minimizar, xustificar e argumentar sobre a presenza da corrupción.

Pero non podemos pechar os ollos ante esta realidade antidemocrática: todos os demais sentidos alporízanse ante as tramas de corrupción que se espallan polas distintas xeografías do territorio (exemplo paradigmático que, a min, cando menos, me produciu moitos sentimentos negativos: a suposta conversa recollida nas escoitas telefónicas onde o acusado Sr. Espadas diría "que tal empresa faga como fai a outra" para acadar...que?).

Prodúceme vergoña como se erguen os medos que a xustiza ten para asumir certos retos, tal como se manifestou despois das inculpatorias declaracións do antigo socio de Urdangarín

E prodúceme vergoña como se erguen os medos que a xustiza ten para asumir certos retos, tal como se manifestou despois das inculpatorias declaracións do antigo socio de Urdangarín.

Mais retornemos aos conceptos, o máis importante, como diría o protagonista interpretado por Manquiña: putrefacción, descomposición ou degradación poderían ser termos igualmente válidos para acompañar estas palabras como título. Optei por diarrea estrutural, porque a diarrea é a consecuencia das condicións insalubres, tal como acontece, por desgraza, nos países empobrecidos, onde é unha das causas de morte máis frecuente. A corrupción é unha diarrea aguda que pode conlevar a morte...da democracia, se non se aplican remedios de saneamento estrutural.

Yolanda Díaz, vicevoceira de AGE, obrigaba a Núñez Feijóo a responder sobre “que acontecía no seu partido” no tocante á multitude de casos de corrupción que, en Galicia, afectaban a destacados membros da súa organización política

No Pleno do Parlamento de Galicia, na pregunta ao Presidente (13 de febreiro de 2013), Yolanda Díaz, vicevoceira de AGE, obrigaba a Núñez Feijóo a responder sobre “que acontecía no seu partido” no tocante á multitude de casos de corrupción que, en Galicia, afectaban a destacados membros da súa organización política. A resposta foi un exercicio malabar de escapismo, de non asumir a realidade na que vive e escudarse noutras comunidades autónomas, cando na pregunta o caso Bárcenas só servía de referencia paradigmática. Nada nos dixo Feijóo sobre Galicia. Nada.

E non obstante, ao día seguinte, xoves, toda Galicia convulsionaba pola repercusión que estaban tendo os rexistros e detencións practicados en Compostela. E, de novo, o presidente constataba que “non é normal” (declaracións que foron vendidas como contundentes) Só faltaría!!! E que habería que dar desculpas: ao día seguinte era Currás quen as daba.

Lamentable! Agardan pechar a escandalosa situación que vive o Concello de Compostela (acusacións, sospeitas, imputacións, detencións, presións de todo tipo...) cunha simple desculpa?? Isto non é o patio dun colexio. Falamos da cousa pública, do espazo que non é de ninguén porque é de todas as persoas. A corrupción mata a democracia. Así de sinxelo. E os cargos públicos deben ser modélicos á hora de preservar a ética que debe impregnar a súa conduta...e exercer a carga de responsabilidade que emana do cargo.

O que me interesa remarcar é a condescendencia xeralizada que escoitei nalgúns medios de comunicación, onde opinólogos e tertulianos inventaban todo tipo de argumento para situar a corrupción como innata e propia do ser humano

Máis aló dos pronunciamentos de eleccións anticipadas, reclamadas desde EU Compostela e desde o BNG local, así como desde outros movementos sociais da cidade, para que sexa a voz do pobo a que se pronuncie sobre o futuro goberno do seu concello, o que me interesa remarcar é a condescendencia xeralizada que escoitei nalgúns medios de comunicación, onde opinólogos e tertulianos inventaban todo tipo de argumento para situar a corrupción como innata e propia do ser humano. Con vistas a que? a protexer o goberno de Feijóo?

Non creo neste tipo de determinismo. Sería como aceptar que a ética, a conduta honrada, e a boa praxe política son imposibles en democracia. Non.

Certo é que a cobiza das persoas pode dar lugar a actos corruptos. Pero canto menos control e regulamentación exista, canta menos participación cidadá e transparencia exista, máis doado será levar a cabo ditos actos. E esas carencias danse porque, hoxe, ao sistema capitalista, á dereita ultraliberal, interésalle máis a maridaxe público-privado, a metáfora da porta xiratoria. O privado ten afán de lucro e beneficio...sempre! E moita da corrupción existente, como vemos na trama Pokemon e na ramificación Manga, ten que ver coas concesións de contratos a empresas privadas no eido público. Concesións que repousan en negociacións que acontecen fóra do espazo regulado, controlado pola cidadanía. Negociacións que conforman o mundo B: o diñeiro non declarado, o dos sobresoldos ilegais, o das amnistías fiscais (noxento comprobar como os enriquecidos levaron o seu diñeiro a paraísos fiscais e agora se benefician dunha amnistía que sempre denunciamos por antisocial e canalla), o das comisións, o dos favores e subornos, o de contratos a dedo con diñeiro público, o apaño de postos de traballo públicos, etc.

Ten moito que ver coa penetración e imposición da utopía capitalista (‘todos somos ricos’), coa cultura do pelotazo e do enriquecemento rápido, e co modelo de “crecemento” baseado no urbanismo

O noso país quizais viva atrapado na carencia de limpeza democrática procedente desa transición inmodélica e amnésica. Quizais. Mais considero que ten moito que ver coa penetración e imposición da utopía capitalista (‘todos somos ricos’), coa cultura do pelotazo e do enriquecemento rápido, e co modelo de “crecemento” baseado no urbanismo e a privatización de servizos públicos.

A corrupción é unha diarrea que emana da estrutura viciada e baleirada de ética, unha diarrea que pode levar á morte da democracia

De feito, en Irlanda, país rescatado, o chamado Tribunal de Mahon, tal como recolle Elvira Méndez Pinedo (La revolución de los vikingos. La victoria de los ciudadanos, Planeta, 2012, pp. 178-179) investigou a corrupción no sector urbanístico e as súas conexións coa política durante dúas décadas (subornos de promotores inmobiliarios a políticos para recualificar terreos para promocións urbanísticas, por exemplo...: non resulta familiar este feito?) e chega á demoledora conclusión, publicada a finais do 2012, de que “a corrupción afecta a todos os niveis da vida política irlandesa” e implicaba a Bertie Ahern, ex primeiro ministro. 

O dito, a corrupción é unha diarrea que emana da estrutura viciada e baleirada de ética, unha diarrea que pode levar á morte da democracia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.