O historiador Benedict Anderson, recentemente falecido, entendía a nación como unha comunidade imaxinada, na que un suxeito conformado historicamente elixe determinados elementos dentro dun repertorio obxectivo de características para conformar unha identidade. Esta identidade está suxeita ao campo de loita político, constrúese e reconstrúese en relación con ese ámbito, avanza, modifícase ou retrocede en función dos actores sociais, que crean unha imaxe de si mesmos como actores colectivos. Así, a identidade nacional pode integrarse con outras identidades, de clase, de xénero, de raza, convivindo e enriquecéndose a si mesmas no terreo da disputa política.
A Bretaña constitúe o exemplo dun sentimento identitario moi forte, expresado a través dun repertorio simbólico potente e enraizado (folclore, bandeira, cultura popular, historia propia), que, con todo, opera politicamente de forma moi minoritaria a través un movemento nacionalista con escasa capacidade electoral e mobilizadora, debido a precondicións sociais moi delimitadas e a unha estrutura de oportunidades política moi pechada (a propia configuración do Estado Francés trala Revolución). Polo tanto, unha identidade cultural baseada en elementos obxectivos non se reflicte necesariamente en identidade política, necesítase un proceso de subxetivación. Os significados que configuran esa identidade adquírense na acción, non meramente na interpretación de elementos orgánico-historicistas, de forma que é o nacionalismo o que xera a nación e non ao revés. A nación é sobre todo unha comunidade sociopolítica que pode ter unha correspondencia ou non cun Estado como superestrutura xurírica.
A cuestión nacional en Galiza ocupa un papel estratéxico de primeiro orde, ao igual que en Catalunya e en Euskal Herria, percorre os procesos políticos e sociais. Existe un suxeito político, o pobo galego, que durante séculos foi sometido a diferentes formas de dominación socioeconómica, política e cultural. Galiza, unha periferia dentro da periferia que é o Estado español, foi despoxada de recursos naturais, como fontes de enerxía, e humanos, a través da condena á emigración. As formas de resistencia foron variadas e múltiples, pero desas resistencias xurdiu una conciencia de identidade propia.
Esta identidade actívase políticamente para a defensa duns dereitos colectivos a través de expresións diversas. A defensa do noso idioma, a defensa da nosa natureza e a nosa paisaxe, a defensa dos nosos recursos materiais, dos nosos dereitos como traballadoras, conformaron e conforman una conciencia de identidade, un substrato reivindicativo, que encaixa co cuestionamento do réxime do 78: queremos democracia, queremos dereitos, queremos ser os donos das nosas vidas. O pobo galego demostrou múltiples veces que constitúe un suxeito político, como por exemplo, nas mobilizacións a prol do Estatuto, nas campañas en defensa do medio ambente, as mobilizacións de labregos, gandeiros e mariñeiros, mobilizacións polo galego, as manifestacións de Nunca Máis, etc.
A defensa do dereito de autodeterminación é unha cuestión de principios democráticos, non meramente táctica
Estas loitas parten dunha realidade socioeconómica diferenciada, o que provoca a aparición de métodos de loita específicos (por exemplo, as tractoradas), pero tamén contribúen a modelar esa propia realidade, construíndo identidade. Estas loitas cristalizan e conforman un suxeito, o pobo galego, composto por todas as que viven, traballan e loitan en Galiza, a nación incesante de tódolos días, que como suxeito político propio, ten dereito a decidir o seu futuro. A defensa do dereito de autodeterminación é unha cuestión de principios democráticos, non meramente táctica. Hai que darlle voz ás maiorías sociais para que decidan sobre todo o que lles afecta, incluindo o seu vencellamento territorial. O pobo galego ten dereito a abrir un proceso constituínte propio, definindo a súa relación coas outras nacións que compoñen o Estado español. No actual proceso de crise de réxime, a descomposición dos consensos do 78 tamén no eido territorial, pode abrir un escenario de oportunidades para unha creba democrática que reconstrúa a relación entre as nacións do Estado dándolle voz aos pobos.
Trátase de romper marcos, non de readaptarse, de apostar pola ruptura democrática en clave galega, en colaboración con outras forzas rupturistas do Estado español
A loita pola apertura dun proceso constituínte en Galiza é a loita polo recoñecemento das maiorías sociais galegas como suxeito propio con dereito a decidir o seu futuro, as súas relacións con outros pobos da Península e de Europa, a recuperar as súas vidas en todos os terreos, desposuíndose da alienación inducida polas oligarquías españolas coa complicidade das elites galegas. Trátase de romper marcos, non de readaptarse, de apostar pola ruptura democrática en clave galega, en colaboración con outras forzas rupturistas do Estado español. A reivindicación dun proceso constituínte galego vai vencellada á demanda de empoderamento dás de abaixo, a república galega do 99%. Polo tanto, as tarefas da esquerda radical en Galiza pasan por encher de contido democrático radical e social a reivindicación de soberanía, mentres que non ámbito estatal, fóra dás nacións sen Estado, debería combater sen tregua o chauvinismo da nación opresora e defender sen ambigüidades o dereito a decidir das oprimidas. O internacionalismo dás de abaixo non pode tratar de xeito equidistante ás nacións oprimidas e ao Estado que lles nega ou dereito a decidir. Porén, o proxecto de construír un nacionalismo español sobre bases progresistas, ligando a defensa dos dereitos ao reforzamento da soberanía estatal, enfronta dúas limitacións moi claras. Por unha banda, o fracaso histórico á hora de construír unha identidade nacional española lexitimada ante o conxunto da poboación que habita o Estado español e por outro, o vaciamiento de soberanía dos Estados fronte a instancias supraestatais como a UE, o FMI ou o BCE. Por contraste, a reivindicación da autodeterminación contribúe a debilitar o bloque histórico das clases dominantes, cohesionado ideolóxicamente en torno á defensa da unidade da patria.
Trátase de romper marcos, non de readaptarse, de apostar pola ruptura democrática en clave galega, en colaboración con outras forzas rupturistas do Estado español
Neste contexto político, e pola propia configuración do bloque de poder dominante no Estado español, a conquista do dereito de autodeterminación só pode conseguirse dende unha ruptura dende abaixo, xerando procesos constituintes que impidan una recomposición de réxime cunha involución centralizadora. A cuestión nacional atravesa por tanto, como proceso transversal que é, calquera cuestionamiento do réxime do 78, permite abrir campos de disputa e actúa sobre procesos como as Mareas municipais ou a candidatura de confluencia en Galiza, En Marea. Esta última forza colocou como eixo do seu discurso o dereito a decidir vencellado á defensa dos dereitos sociais e económicos. Se sumamos os votos deste espazo cos de Nós-Candidatura Galega, co seu carácter soberanista, obteremos preto de 500.000 de sufraxios que apoian a forzas que apostan por un cambio de modelo territorial.
Neste novo esceario, a vindicación da identidade galega non pode ser una reafirmación nostálxica, non mira cara a un pasado idealizado, senón cara un futuro cargado de esperanzas, coa potencia democrática que ten a capacidade de decidir a tódolos niveis. Sexamos actores do noso futuro.