A culpa é nosa

“Dejen caer que la culpa de estar al borde de la muerte la ha tenido ella” non é un fragmento do guión dun thriller de David Fincher. Logo de escoitar ao conselleiro madrileño de Sanidade deixar caer, sen achegar a máis mínima proba de tal afirmación, que a enfermeira contaxiada de ébola minte; de suxerir que ao final a culpa de estar enferma é dela, que o ébola é semellante a un catarro que se contrae cando mamá che di “ponte o jersey” e non lle fas caso, parece que hai unha clara intención de activar o mecanismo baseado niso tan gubernamental de “mintamos que algo queda”.

No mesmo intre no que o tal Javier Rodríguez culpou a Teresa Romero, os tertulianos afíns respiraron: xa tiñan un argumento que esgrimir para restarlle culpa aos seus

No mesmo intre no que o tal Javier Rodríguez culpou a Teresa Romero, os tertulianos afíns respiraron: xa tiñan un argumento que esgrimir para restarlle culpa aos seus. E con isto, e con portadas que aluden ao “fallo” cometido pola enferma e afirman que Teresa ocultou información á súa médica, xa conseguen o que querían: que se algún votante do PP nalgún momento pensou que Ana Mato tiña a culpa, agora queda claro que a culpa é da enfermeira que, como queréndose suicidar, pasou a luva infectada polo ollo. E o Goberno, lonxe de asumir responsabilidades políticas, acepta este xiro e, en silencio, inclúeo nun argumentario ideal para desconxestionar a situación: “Joder, menuda burrada pero, en fin, nos conviene”.

A crise económica é culpa nosa por comprar pisitos na praia por riba das nosas posibilidades. O desemprego tamén por non “traballar máis cobrando menos”

A crise económica é culpa nosa por comprar pisitos na praia por riba das nosas posibilidades. O desemprego tamén por non “traballar máis cobrando menos”, recomendaba o delincuente. O das preferentes foi culpa da miopía dos clientes, o do Alvia unha reacción do maquinista nunha vía serena. É doado librarse de responsabilidades botándolle a culpa aos demais. Eles saben ben que na catequese ensinan que iso é unha reacción de malos cristiáns, que non se pode recibir a comuñón se fas algo así. Aquí, eses mesmos, os que nos botan a culpa de todo o que nos fai dano, son os que non recurtan nin un euro do orzamento do Estado para a Igrexa. Valoren vostedes mesmos o sainete. As bulas e o cinismo abren as portas do ceo. Os malos somos nós, a moita honra.

Mentres somos culpables, nalgún garaxe, unha “criada ecuatoriana a la que tratamos divinamente”, limpa a tapicería do Jaguar do marido dunha Ministra de Sanidade inocente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.