A docencia MIR precisa "seriedade"

Consulta nun centro de saúde de Vigo © Sergas

Non vale todo. Ou se busca “ter batas diante dos pacientes” ou se busca ter profesionais cualificados que, dándolles tempo de consulta e outros recursos, sexan capaces de resolver os problemas dos pacientes. Non hai termo medio. O goberno galego parece optar por “batas”. É o enésimo atropelo á atención primaria galega.

O plan da Consellería só se pode aplicar saltándose todos os mecanismos de garantía de calidade docente

Galicia oferta 142 prazas de Médico Interno Residente (MIR) da especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria no exame MIR de 2022, profesionais que rematarán a súa formación no 2026. A Consellería de Sanidade presiona á estrutura docente para que na convocatoria de 2023 se oferten 73 prazas máis. Probablemente, coa organización asistencial actual, sexan necesarios máis especialistas en medicina de familia, probablemente ese número xa o necesitaríamos agora. Sería unha grande iniciativa se non fose porque a estrutura docente actual non da para máis. Aumentar esas 73 prazas significa que a Unidade Docente de A Coruña, que oferta agora 24, pase a 39; a Santiago, que xa aumentou o ano pasado de 14 a 30, pídenlle agora outras 15 prazas, ata 45; a Vigo outras 15, de 24 a 39; a Ferrol, de 9 a 16; a Ourense de 14 a 21; a Lugo de 25 a 32 e a Pontevedra de 12 a 19. Semella que a Consellería espertou da sesta e quere facer nun ano o que non fixo en 10, como se ve na figura 1. O plan da Consellería só se pode aplicar saltándose todos os mecanismos de garantía de calidade docente, coa desaparición real do sistema de acreditación de centros e de especialistas de medicina de familia aptos para a titorización.

Evolución de MIR e EIR especialistas en Medicina e Enfermaría Familiar e Comunitaria nos últimos 10 anos e a proxección para 2023 | Fonte: Datos das convocatorias publicadas no BOE e da rede docente galega CC-BY-NC-SA Ramón Veras

É unha xestión moi difícil de entender, incompetente, que lastra o cambio e a mellora na atención primaria. O que lle queda ao goberno galego, politicamente, é a escusa fácil da falta de médicos e, se pode, botarlle a culpa a outros

Levamos anos coa queixa constante de falta de recursos sanitarios por parte da oposición, os sindicatos e os profesionais, e a Consellería respondendo que non hai médicos e que non pode facer nada. A realidade é que a atención primaria está saturada, cunha carga de traballo difícil de dixerir polos médicos actuais e cunha deterioración progresiva que repercute en todo o sistema público. Pero é falso que non se poida facer nada, como di o sergas. Un tercio da actividade diaria dos médicos de familia podería ser prestada por outros profesionais ou organizada doutro modo. Se o sergas tivese iniciativas, que non ten, ou fixese algún cambio na organización, que non fai, para anular ese tercio de actividade que non lle compete ao facultativo farían falta moitos menos médicos e suavizaríase moito o problema. A realidade é que a Consellería de Sanidade non ten ningunha iniciativa de cambio e de mellora, ningunha, 0. Outro exemplo de mala xestión é o que fai o Sergas coas enfermeiras especialistas en enfermaría familiar e comunitaria, escasas en número tal como se pode ver na figura 1 pero que están especializadas no traballo da atención primaria. Son profesionais novos, con iniciativa e gañas, pero que lamentablemente o sergas moitas veces contrata para o hospital e non para atención primaria, no que están especializadas. É unha xestión moi difícil de entender, incompetente, que lastra o cambio e a mellora na atención primaria. O que lle queda ao goberno galego, politicamente, é a escusa fácil da falta de médicos e, se pode, botarlle a culpa a outros.

Contamos cunha Formación Sanitaria Especializada (FSE) de alta calidade. O sistema MIR é a envexa de moitos sectores profesionais. Antes do sistema MIR, que se inícia nos anos 70 do século pasado, era suficiente con estar durante un tempo curto e sen regulación algunha con outro outro especialista para que este acreditase a formación e especialización. Houbo médicos ata con 5 especialidades ou máis, dependendo dos amigos que tivese para acreditalos. Agora cada especialidade ten un programa formativo e un sistema de avaliación, aprobados nunha comisión nacional da especialidade, da que forman parte sociedades científicas e os ministerios de educación e sanidade. A formación non se adquire en calquera servizo senón naqueles que reúnen as condicións mínimas para ser acreditados, con procesos de reacreditación cada certo tempo. O mesmo sucede cos profesionais titores, deben pasar por un proceso de acreditación e reacreditación na que se pide, ademais da titulación, actualización en formación e investigación.

Unha breve explicación da formación médica española: para acceder á carreira de medicina tes que ter entre sobresaliente e matrícula de honra no bacharelato e selectividade, tes que estar entre os mellores para poder estudar medicina. Despois dunha carreira longa, de 6 anos, e moi esixente, en competencia con outra xente que é tan boa coma ti, tes que presentarte ao exame MIR, que precisa outro ano de dedicación (van 7 se todo vai ben). Para traballar na sanidade pública europea tes que ser especialista tanto en medicina de familia como en calquera das hospitalarias. A duración da formación MIR son 4-5 anos (e van xa 11-12 anos), retribuídos, e coa metodoloxía de adquirir responsabilidades de modo progresivo, de forma tutelada por titores acreditados que están en servizos e centros sanitarios acreditados para a docencia. O habitual é que o MIR acabe sendo un profesional de moi alta cualificación en calquera das especialidades.

De modo progresivo nos últimos anos se foron relaxando os criterios de acreditación, debido á necesidade de buscar titores. A última proposta da Consellaría liquida este sistema. Deste xeito calquera vale para titorizar e calquera centro vale para a docencia, faga ou non o que debería ser un centro docente.

O goberno galego non fixo nada no último decenio para contar cunha estrutura docente renovada de calidade. Non se trata de formar especialistas como sexa, teñen que ser a maioría bos, moi bos profesionais ou fracasaremos

A especialidade de medicina familiar e comunitaria é de 4 anos, con rotación na maior parte do tempo dos primeiros 3 anos por case todos os servizos hospitalarios e o 4º ano no centro de saúde co seu titor. Cada MIR escolle, nesta especialidade, segundo o seu posto no exame MIR, o seu centro e titor e este faille un seguimento e avaliación durante os 4 anos de formación, tanto estean no hospital como no centro de saúde. Durante as rotacións hospitalarias é imprescindible que os residentes practiquen as diferentes habilidades e non estean só mirando o que fai outro, cousa difícil se son tantos xuntos, e na estancia no centro de saúde debe poder contar cunha estrutura de actividades docentes e de espazos físicos adecuados. Debe poder realizar asistencia sanitaria dun modo tutelado por un titor que pasase algún filtro de aptitude e actitude docente e profesional.

As prazas de médico de familia ofertadas polo Sergas aos médicos novos que aprobaron as oposicións nos últimos anos son de centros lonxe das cidades ou de PACs (puntos de atención continuada), sen capacidade docente. As prazas vacantes dos centros de saúde das cidades son ocupadas nos concursos de traslados, moitas veces por persoal xa envellecido, ou dadas en comisión de servizos a quen a dirección decide, unha situación inestable que imposibilita usar esas prazas para docencia. Poño como exemplo o equipo San Xosé B, de A Coruña, o meu centro. Desde o 2006, data da miña incorporación ao centro, sempre fun o médico de menor idade, este ano cumprín xa 61 anos e sigo sendo o máis novo pero xa non serei titor o próximo ano dun novo MIR, xa que non podería estar os 4 anos de formación (xubilándome aos 65). Nestes 15 anos nunca se ofertou unha praza vacante do CS San Xosé B aos médicos novos que aproban a OPE, unha decisión da dirección. A consecuencia é que o centro está envellecido e acabará por deixar de ser docente.

O goberno galego non fixo nada no último decenio para contar cunha estrutura docente renovada de calidade. Non se trata de formar especialistas como sexa, teñen que ser a maioría bos, moi bos profesionais ou fracasaremos.

As consecuencias dunha decisión, como esta proposta de incremento de MIR, serán graves para todos: para os MIR actuais e os próximos, porque corren o risco de adquirir unha formación débil, despois de tantos esforzos na súa vida para chegar a este punto; para a poboación porque é posible que os seus problemas de saúde se resolvan peor e para a propia especialidade de medicina familiar e comunitaria e a atención primaria porque corre o risco do desprestixio. Espero que estas consecuencias citadas non sexan realidade pero son posibilidades certas se non se actúa.

É política, non só é un problema técnico de xestión. É unha estratexia política que intenta desviar a atención do fracaso actual da sanidade pública galega cara Madrid. Parece que lles da igual como quede o sistema. Mestúrase sucia estratexia política, ausencia de ideas e iniciativas de xestión e incompetencia. É posible que en pouco tempo a formación docente galega en medicina de familia e, de aí a atención primaria, sexa unha eira sen nada que mallar, con algunha herba solta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.