Pedir a paz pode considerarse unha opción política? Non é simple humanidade?
Hoxe, cando escribo isto, é o último día de campaña electoral. Pasado mañá, 18F, toca votar, aínda que se pode pasar, como unha opción máis.
Mañá, sábado, será día de reflexión e non quero interrompela. Ou sexa: se cando considere rematado este escrito xa rematou tamén este día, nese caso, o escrito non verá a luz en ningures ata luns 19. Así pois, irei ‘polo libro’.
En Ribadeo, tódolos domingos, vense celebrando unha concentración pola paz. Resulta que por ser un ‘acto político’ non foi permitida en Ribadeo, polo que se traslada a Navia, en Asturias
Mais o libro, ese libro, debe estar mal escrito. Resulta que en Ribadeo, tódolos domingos, vense celebrando unha concentración pola paz (12:30, nas escaleiras da casa do concello) da que tan necesitado anda o mundo. Tenta ser neutra no sentido de non chamarse nin a dereitas nin a esquerdas, senón de chamar a aglutinar vontades coa idea de que o importante é a paz, unha paz que hai que construír e para a que hai que poñer as bases. E, de feito, aínda que non soe ser numerosa, ven xente de decenas de quilómetros á redonda. Pídese permiso para a concentración semana a semana, e, para este domingo, eleccións, resulta que por ser un ‘acto político’ non foi permitida en Ribadeo, polo que se traslada a Navia, en Asturias. Alí non hai eleccións, logo pode pedirse a paz... Hai que emigrar para pedir a paz. Galicia, terra de emigrantes para ter futuro, agora tamén o é para poder pedir a paz.
Hai que emigrar para pedir a paz. Galicia, terra de emigrantes para ter futuro, agora tamén o é para poder pedir a paz
Non sei se pasará igual noutros lugares. Imaxino que en máis dun, si. Pero iso non quere dicir que sexa o adecuado, nin tan sequera, lóxico. Pode dicirse que iso de pedir só a paz para Palestina (así pode malinterpretarse o dicir do cartel da convocatoria difundido esta volta) é política de groso calibre. Por que non para a Ucraína, por exemplo, xa que foi o anterior ardor guerreiro animado polos medios? Por que a bandeira palestina e non a israelí? Poderíase argumentar que están en loita uns contra outros... Despois mesmo de ter sido reclamado un alto o fogo varias veces, con desestimación por parte do goberno israelí, ou de falarse a nivel ONU de masacre e xenocidio palestino, coido que o texto está xustificado aínda que opine que mellor ningunha referencia ningunha guerra, ou que eu non poñería a bandeira. Nin esa, nin a ucraína, nin ningunha. E non porque as bandeiras non sirvan ou porque estea contra delas, senón porque como símbolos poden dar lugar a malas interpretacións. E non fai falta máis alboroto, que xa hai de máis nas loitas múltiples ó longo e largo do mundo.
Pero, indo ó feito sinalado no título: pedir a paz pode considerarse unha opción política? Non é simple humanidade? Así, non é raro -vai en liña con- que por estes lares siga vixente unha lei que amordaza as protestas, mesmo pacíficas, cando contrarían a algo ou alguén que ten poder para activala.