A escola da desigualdade. III. O dereito ao coñecemento

O mundo non é unha prolongación da familia. E a escola, polo tanto, tampouco CC-BY Pexels/Boom

Parece cada vez máis obvio que a escola xa non é exactamente o lugar protexido onde as e os nenos e adolescentes acceden ao mundo intelectual ilustrado para se converteren en cidadás e cidadáns libres

Parece cada vez máis obvio que a escola xa non é exactamente o lugar protexido onde as e os nenos e adolescentes acceden ao mundo intelectual ilustrado para se converteren en cidadás e cidadáns libres. Agora vai impóndose a idea de que o espazo académico debe «integrarse na contorna», estar sintonizado cos campos social e económico. Unha derivada desta idea é a concepción da escola como unha sorte de extensión da familia. Despois de todo, o ensino debe facilitar a conciliación da vida familiar e laboral de nais e pais.

Obviamente, o profesorado debe educar o alumnado para posibilitar unha axeitada transmisión do coñecemento, pero agora resulta que ás e aos docentes se lles atribúen unhas funcións que en realidade lles corresponden ás familias. De aí que moitas nais e pais se vexan perfectamente lexitimados para se entremeteren no funcionamento do centro de ensino coa finalidade de evitaren que as e os fillos se vexan expostos a normas, valores e crenzas distintos aos da casa. E de aí que as familias que dispoñen dos recursos necesarios envíen as e os fillos á escola privada, negándolles o seu dereito a coñeceren outros puntos de vista e a formaren o seu propio criterio.

As nais e os pais poden educar as e os fillos nos seus valores, pero non negarlles ás e aos menores o seu interese superior a accederen a outros valores

Non esquezamos –e, sobre todo, lembrémosllelo ás e aos expertos– que as persoas precisamos chegar á maioría de idade cuns coñecementos que nos apoderen. O cal implica que as nais e os pais poden educar as e os fillos nos seus valores, pero non negarlles ás e aos menores o seu interese superior a accederen a outros valores. Porque o mundo non é unha prolongación da familia. E a escola, polo tanto, tampouco. Se fose así, o ensino público deixaría de ser un lugar consagrado á reflexión rigorosa en liberdade e seguridade, un lugar afastado da familia e da tradición, un lugar, neste sentido, non «integrado na contorna», un lugar completa e felizmente alleo á orde socioeconómica. Se fose así, non poderiamos garantir que o noso alumnado saiba sen presións, por exemplo, que son os dereitos humanos ou que é o cambio climático. Esta transmisión do coñecemento só pode ir da man do funcionariado docente, que ten un nivel de formación inédito na nosa historia, está sometido á lei e debe actuar con imparcialidade ao servizo dos intereses xerais.

Só unha escola autónoma, separada da familia, da sociedade e da economía, preparada para formar cidadás e cidadáns cultos, críticos, independentes e responsábeis, pode contribuír á diminución da desigualdade e ao desenvolvemento da democracia

Detectamos, entre a mocidade, unha crecente simpatía pola extrema dereita. É ben curioso que esta tendencia coincida coa imposición do enfoque competencial no ensino. Talvez sexa o momento de recordarmos a importancia que ten a adquisición de coñecementos. Esta, certamente, é esixente e require esforzo, o cal implica que ao alumnado con dificultades hai que lle ofrecer unha adaptación curricular significativa. Pero só unha escola autónoma, separada da familia, da sociedade e da economía, preparada para formar cidadás e cidadáns cultos, críticos, independentes e responsábeis, pode contribuír á diminución da desigualdade e ao desenvolvemento da democracia. Se é certo que a nenez desapareceu, non teñen por que esfumarse tamén a sabedoría e a lucidez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.