A esquerda española das promesas esquecidas

CC-BY-SA Praza Pública

O ano 2022 comeza cos primeiros Orzamentos estatais aprobados dende 2018, cunha lixeira modificación da lexislación laboral xa vixente e cunha nova normativa que permite aos empregados públicos interinos con máis de cinco anos de antiguidade consolidar o seu emprego só a medio da avaliación dos méritos. Velaí a fachenda do Presidente do Goberno do Estado no seu discurso desta fin de ano.

Certo é que a solución para o emprego interino foi imposta pola xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da UE e pola decisión do PNV e ERC, que definiu unha resposta lexislativa que o antigo ministro Iceta rexeitaba. E certo é que as moi limitadas-malia que positivas-reformas da lexislación laboral manteñen o núcleo esencial da reforma de Rajoy de 2012, ademáis de centralizar a negociación colectiva a nível estatal, impedindo que os convenios galegos melloren as condicións laborais. Velaí a oposición a esta reforma do soberanismo e sindicalismo galego, catalán e vasco. Cando a CIG é o principal sindicato en votos e delegados no noso País. 

Manifestación da CIG en Compostela Dominio Público Praza Pública

Despois de dous anos de goberno de coalición estatal PSOE-UP e de máis de tres anos e medio de Gobernos Sánchez a esquerda española non foi quén de derrogar a chamada “lei mordaza” nin de reformar o Código Penal para suprimir delictos que xa non existen na Europa, como as inxurias ao Rei ou a sedición que permitiu as desaqueladas condenas do Tribunal Supremo de 2019 ás persoas presas políticas catalás ou para suprimir unha prisión permanente que é incompatíbel cos principios de resinserción que alicerxsan as lexislacións penais das democracias europeas. Tampouco cumpriu a súa promesa dunha reforma da lei educativa que lle devolvese aos Gobernos autonómicos a responsabilidade a respecto dos contidos educativos, nomeadamente nas nacións con lingua propia.

Pedro Sánchez conta xa coas ferramentas parlamentarias para agardar os menos de dous anos que fican de lexislatura e que en moi boa parte llelas deron de balde ERC e EH Bildu. Desaproveitouse e séguese a desaproveitar a capacidade de transformación normativa e da gobernanza da coalición parlamentaria que fixo posíbel en xaneiro de 2020 a investidura de Pedro Sánchez, mentres éste e Yolanda Díaz impoñen unha axenda lexislativa moito máis próxima á continuidade monárquica da transición ca á transformación pola que votou a maioría en novembro de 2019.

A esquerda española está a incumprir as súas promesas e non é quen de percurar novos alicerces que lle conecten coa cidadanía. Velaí que estean desbotar unha oportunidade histórica que pode entregarlle as chaves do vindeiro Goberno do Estado ao dúo de dereita radical do PP de Casado e Ayuso e o Vox de Abascal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.