A eterna invisibilidade do galego, agora en 'streaming'

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na presentación da serie '3 Caminos' © Xunta

Os contidos en lingua galega nestas plataformas de ‘streaming’ resultan insignificantes

A estrea de ‘3 Caminos’ en Amazon Prime Video o pasado 22 de xaneiro abriu un melón que leva tempo madurando. Que dita serie recibira un financiamento de 1,5 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia e que non se ofreza o galego como opción de visualización nin sequera entre os subtítulos foi motivo de gran crítica. 

Aínda que a empresa compostelá Ficción Producciones, impulsora do proxecto, declarase a través da súa conta de Twitter que isto se debe a que “a TVG ten os dereitos sobre o territorio e o idioma”, a cuestión reflota a indignación pola escasa presenza do galego nas principais plataformas. 

Que a serie recibira un financiamento de 1,5 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia e que non se ofreza o galego como opción de visualización nin sequera entre os subtítulos foi motivo de gran crítica. 

O certo é que os contidos en lingua galega nestas plataformas de ‘streaming’ resultan insignificantes, evitando ser tallante sinalándoos de practicamente inexistentes. Moitos poderían considerar que a difusión destes produtos poderían carecer de alcance, xa que é ben sabida a excesiva complicación que implica a comprensión dunha peza en versión orixinal coa axuda de subtítulos, claro. Sen embargo, se podería considerar que este argumento quedou baixo terra tras o éxito en Netflix con ‘O sabor das margaridas’. A plataforma incluía a comezos do 2019 a primeira temporada da serie, a cal fora rexeitada nun primeiro momento polas televisións e produtoras estatais por estar rodada en galego. Acabou sendo un éxito sen precedentes incluso a nivel internacional, para orgullo dos defensores de galego e para pesar daqueles que a prexulgaron polo idioma. 

Esta escasa inclusión é unha demostración, como en tantos outros ámbitos, do desprezo e dos prexuízos que aínda sobrevoan a nosa lingua. A pesares da repercusión deste thriller en galego, a pesares dos numerosos éxitos que os audiovisuais galegos foron logrando cos anos, resulta evidente que as linguas cooficiais seguen supoñendo un obstáculo para aqueles que apostan polo seu uso. 

A constante loita do galego por facerse un oco no mundo audiovisual libra actualmente unha nova batalla que ten como terreo de combate as plataformas de ‘streaming’

Por outro lado, a oferta de Netflix en catalán e euskera é lixeiramente superior á oferta de produtos en galego, polo que sen dúbida pódese cualificar de insuficiente para chegar ao punto de normalizar o uso destas linguas nas plataformas que xa supoñen un recurso diario de entretemento para gran parte da poboación. 

En definitiva, a constante loita do galego por facerse un oco no mundo audiovisual libra actualmente unha nova batalla que ten como terreo de combate as plataformas de ‘streaming’, das cales é xusto esperar unha maior aposta pola nosa cultura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.