1. Non hai que ser un asiduo da prensa madrileña para comprobar que, tras o resultado das eleccións do 28M e a convocatoria anticipada das eleccións xerais para o 23X, o PPVox anda na fura de diante.
No noso país, o BNG afrontará as eleccións xerais de xullo instalado na súa propia euforia. Unha euforia ben peculiar
A tendencia á alza é clara en todo o Estado; menos intensamente na Galiza, mais tamén. Hai euforia facha, porque nas primeiras eleccións en todo o territorio nas que Feijóo avaliaba a consistencia do seu liderado da dereita española, o noso eterno presidente ve cada vez máis perto o suceso no seu único asalto á Moncloa, grazas á súa capacidade para atraer os votos que perde o experimento Ciudadanos.
Se, daquí ao 23X, Feijóo combina esta liña de fidelización de voto e unha parella desmobilización da esquerda (cabreada coas impotencias do goberno de coalición e as guerras intestinas no espazo Podemos-Sumar), Feijóo pode converterse en inquilino da Moncloa coa vitola de político invito e resiliente, tal e como xa foi en San Caetano durante os últimos 15 anos.
Perante esta situación tan perigosa, as forzas de esquerda de todo o Estado están chamadas a mobilizarse intensamente se queren evitar un triunfo da dereita. É posible acadar un bon resultado, se poñen todas as súas fortalezas no asador. Nada está escrito.
2. No noso país, o BNG afrontará as eleccións xerais de xullo instalado na súa propia euforia. Unha euforia ben peculiar.
O BNG non exteriorizou satisfación polos malos resultados colleitados polo PSOE ou Podemos, rivais políticos directos no eixo da esquerda, nas eleccións do 28M. A organización nacionalista pode parabenizarse por apañar nos concellos galegos os votos escaldados coas Mareas, mais non podería estar feliz por uns malos resultados do PSdG, pois as dúas deputacións e moitos dos concellos onde cogobernan dependen de que ambos os pés da oposición acheguen bos resultados para gañar a maioría fronte ao PP. Contodo, é certo que os resultados do BNG foron bos, ainda que non tanto como se pretende desde a súa dirección ao afirmar que o BNG “non ten teito”. Non pode esquecerse que o 28M, o BNG ficou como terceira forza, a moita distancia do PSdG, especialmente nas cidades (248.676 fronte a 420.377 do PSdG).
Mais, se ben se mira, a euforia do BNG polos seus propios resultados trascende o 28M: é máis profunda, menos conxuntural, e máis inquedante á vez. É unha Euforia con maiúsculas, mistura case perfecta de romanticismo militante, determinismo histórico e chovinismo organizativo.
Malia ser o menos plural de toda a súa historia; malia ser o actual BNG un proxecto case exclusivo da UPG, saído da grande purga do ano 2012; malia ser explicitamente conservador no plano organizativo e ideolóxico; malia ter unha escasa penetración social alén do propio holding organizativo do Partido, este BNG, o BNG de Ana Pontón, fai continuamente historia, porque seica a súa progresión electoral, imbuída dun incremento viral, é “imparable”. Unha sorte de destino histórico que está inscrito na lóxica social do País. Vista desde esta perspectiva, a Euforia non deixa de ser puro márketin electoral: unha útil “profecía autocumprida”, que o grande sociólogo da ciencia Robert K. Merton definiu como unha definición “falsa” dunha situación, que activa un comportamento que fai que a falsa definición da situación vire verdadeira. Pero ten tamén outras claves de lectura.
3. A Euforia empezou a instalarse con claridade nas autonómicas do 2020, cando en plena pandemia se produce a desfeita de En Marea-Galicia en Común e o BNG sorpasa ao PSdG cun grupo parlamentar de 19 deputados/as.
No Consello Nacional do pasado 3 de xuño, ademáis de facer o correspondente balance das eleccións municipais, o BNG aprobou situar como grande obxectivo político das xerais do 23X un “grupo forte” no Congreso dos Deputados. Entendida esta formulación como “grupo parlamentar propio”, significaría pasar de 1 a 5 deputad@s. Algo nunca visto en Madrid. “Histórico” se se lograse, mais un fracaso se non se conseguise
Sen ter feito nada que mudase a liña oficial do BNG desde 2012, os votos volveron, por fin, ao BNG. As propias Mareas galegas, empeñadas en arremedar a Vida de Brian, cumpriron de vez a profecía feita polos cadros do BNG nos anos duros da travesía do deserto: “as mareas soben e baixan”. Así foi.
A baixamar do 2020 foi a confirmación definitiva de que a liña de Amio era a correcta; o peche do ciclo purgatorio iniciado coa operación Sacauntos do finado camarada Bautista: quedou claro que a política do nacionalismo de esquerdas é cuestión de resistencia orgánica e explícito inmobilismo ideolóxico (a clarificación de Paco Rodríguez): só hai que darlle tempo ás masas para que se convenzan de que a experimentación democrática, votar algo que non sexa o BNG, é un erro. Ao fin e ao cabo, o bon de sobreviver a unha travesía do deserto é que volves moreno, famento e con tipito fino. Feito un irresistible pincel, vamos.
Así pois, no 2020 a liña estratéxica (auto)conservadora da UPG foi validada pola “Historia”, e o “subidón” foi rapidamente trasladado ao relato de ascenso da propia Portavoz Nacional, Ana Pontón. O márquetin electoral camiña así de mans dadas co peche organizativo e ideolóxico de Amio, e coa mobilización romantizada da base social believer do BNG.
4. Porén, o resultado das municipais do 28M pode ser a derradeira mostra de que a Euforia foi até aquí unha boa táctica para o BNG. Tras o adianto das eleccións xerais para o vindeiro 23X, a Euforia ten todas as posibilidades de acabar virando a táctica do Comando Suicida (tamén da Vida de Brian). A continuación explico por que.
5. No Consello Nacional do pasado 3 de xuño, ademáis de facer o correspondente balance das eleccións municipais, o BNG aprobou situar como grande obxectivo político das xerais do 23X un “grupo forte” no Congreso dos Deputados.
O resultado das municipais do 28M pode ser a derradeira mostra de que a Euforia foi até aquí unha boa táctica para o BNG
Entendida esta formulación como “grupo parlamentar propio”, significaría pasar de 1 a 5 deputad@s. Algo nunca visto en Madrid. “Histórico” se se lograse, mais un fracaso se non se conseguise. Daí a expresión “grupo forte”: abonda con chegar a tres, algo plausible. No 2000 se lograran tres escanos, con 306.268. No 2019, os votos foron 120.456; nas municipais do 2023, o BNG tivo 248.676 votos; un salto cara adiante de 100.000 votos máis o 23X, poñamos por caso, só parece posible de non presentarse Sumar como unha oferta competitiva tamén en Galicia. Algo que non vai acontecer: con ou sen Podemos, Sumar será o último bastión performativo das Mareas.
Porén, acontece que, como expresión da Euforia para o 23X, o grupo galego forte non deixa de ser un obxectivo político dirixido aos believers da propia organización: a xente do común non sabe que é un grupo parlamentar, nin para que serve na práctica (en curto: máis tempo nos debates parlamentares, máis recursos económicos), nin a magnitude de votos que significa.
6. É certo que se trata dun obxectivo que encaixa plenamente no esquema autorreferencial da Euforia, porque mobiliza á organización, “fai historia” e, de paso, evita explicar para que serviu o voto de Néstor Rego durante a dura lexislatura 2019-2023. Por último, evita tamén posicionar ao BNG no eixo esquerda-dereita para a vindeira lexislatura (algo que até EH Bildu fixo e fará sen complexos, como acredita a súa coalición para o Senado con ERC): está disposto o “grupo forte” do BNG, e baixo que condicións, a apoiar a reedición dun goberno de coalición de esquerdas, agora entre PSOE e Sumar? De que serviría un grupo parlamentar propio no caso de gobernar Feijóo no Estado? Volveríamos a ver abstencións do BNG nos momentos políticos clave dunha nova maioría de esquerdas no Congreso?
7. No entanto, no contexto de forte polarización política que vai caracterizar o mes de xullo, esta táctica autorreferencial do BNG ten tres grandes riscos:
O voto ao BNG o 23 de xullo será un voto útil para os intereses nacionais de Galicia, ou apenas un voto indiferente ao que pase en Madrid, só útil para a visibilidade electoral do BNG no medio prazo?
O primeiro: é difícil que semellante obxectivo poda ilusionar suficientemente á votante abstencionistas da esquerda, tan queimada por sucesivos desencantos, como para ir votar o 23 de xullo coa papeleta do BNG. Especialmente, se temos en conta que esa votante tamén vai poder escoller unha papeleta, a de Sumar, cuxa líder, a ferrolana Yolanda Díaz, se posicionará claramente no esquema de polarización esquerda-dereita a favor dun novo pacto co PSOE.
O segundo: a consigna do grupo parlamentar forte fai unha grave abstracción da situación política na que o electorado vai pronunciarse o 23X. Non menciona en que vai axudar aos intereses nacionais galegos un grupo parlamentar propio do BNG, tanto no escenario de reedición dun goberno de coalición, como no dunha vitoria do PPVox. Á vista destes escenarios, o voto ao BNG o 23 de xullo será un voto útil para os intereses nacionais de Galicia, ou apenas un voto indiferente ao que pase en Madrid, só útil para a visibilidade electoral do BNG no medio prazo?
Calquera flirteo coa idea de que, cun Feijóo instalado no goberno estatal e un PSOE en retirada, o BNG poderá ser quen de reunir 38 deputados do Parlamento galego no 2024, parece máis unha intoxicación de Euforia por sobredose que outra cousa.
Abstraerse do debate político polarizado que vai caracterizar o 23X através da retórica do grupo parlamentar forte ten un último e grave risco: erosionar a credibilidade da confluencia de intereses entre BNG e PSdG que caracterizará o plano municipal para os vindeiros catro anos, e que debería caracterizar xa a toma de decisións de cara ás vindeiras eleccións galegas do 2024.
Son riscos perigosos nesta altura. O BNG debería ter clara a prioridade de evitar que Feijóo chegue en xullo á Moncloa, e explicitalo así de maneira expresa para posicionar con ambición o seu voto na batalla do 23X.
Ese debería ser o seu interese prioritario porque o resultado das xerais do 2023, cun Feijóo desputando a presidencia do Goberno do Estado, marcarán inevitablemente os resultados (e mesmo un adianto) das eleccións galegas do 2024. Modular, pois, a autorreferencialidade eufórica e facer política na dura confrontación que se aveciña o 23X. Rozarse coa realidade, que sempre ten silvas e estrugas, e abandoar a idea de nadar en Madrid sen mollarse, como se o seu Reino non fose deste mundo.
Calquera flirteo coa idea de que, cun Feijóo instalado no goberno estatal e un PSOE en retirada, o BNG poderá ser quen de reunir 38 deputados do Parlamento galego no 2024, parece máis unha intoxicación de Euforia por sobredose que outra cousa.