A familia na encrucillada

Nenos e nenas chegando a un colexio en Ames © Concello de Ames

Vivimos nunha encrucillada que interpela a tódalas ordes e movementos sociais. A chamada chega como un coro polifónico: o feminismo integra indiscutiblemente a loita climática á axenda; a escola vive dende aparentemente pequenas contradicións entre o discurso e a praxe, como a resistencia a reducir os plásticos (purpurinas, celofáns, goma eva e un longo etc de materiais habituais) ata grandes oportunidades de ser un axente de cambio como o movemento Fridays for Future, iniciado por unha moza de 15 anos e que acadou unha dimensión mundial; a cidadanía comeza a recibir chamamentos á desobediencia civil.

A acentuada deriva neoliberal da familia no mundo occidental está amplamente documentada

E que acontece coa familia? Esa institución, elemento básico ou celular da organización social e económica, tan policromática e complexa: axente principal de socialización; moduladora de valores, condutas e afectos; escura raíz de traumas e complexos persoais; tamén, dende unha mirada engeliana, célula reaccionaria onde as haxa, sostén do modelo de propiedade privada, axente de estratificación social, brazo do control patriarcal sobre a muller, ata o punto de que en determinados contextos e momentos históricos certos movementos sociais e modelos de estado chegaron a defender a súa abolición.

A acentuada deriva neoliberal da familia no mundo occidental está amplamente documentada. Vémola ao redor nosa na persecución e desprestixio da escola pública en aras da liberdade de elección das familias, que non é mais que un mecanismo de segregación e de negar a diversidade e a convivencia, ou en tendencias como a hiperpaternidade. Jurjo Torres analiza, no nosa contorna, este modelo de crianza no que os vástagos son tratados coa lóxica competitiva do mercado, como unha inversión máis.

É abondosa a literatura e gurús de estilos de crianza, sempre enfocados como un privilexio dos proxenitores. Eliximos modelo de crianza como quen adquire calquera ben de consumo

Existe unha clara tendencia a entender a educación dos vástagos como un dereito, que non como unha responsabilidade, e que ademais pertence en exclusiva aos proxenitores. Así, é abondosa a literatura e gurús de estilos de crianza, sempre enfocados como un privilexio dos proxenitores. Eliximos modelo de crianza como quen adquire calquera ben de consumo. Unha vez definido o modelo referencial, sinaladas as lindes e marcos, a xestión é como a de outro ben da nosa propiedade, sen presenza sequera, en moitas ocasións, da familia extensa. Establécense así as relacións coa escola ou outros axentes educativos en términos de dereitos de consumo, de relación clientelar, de aterse ao estipulado do contrato e esixir garantías. Do mesmo xeito, calquera achegamento interpersoal e analizado nos mesmos términos. Só así se poden explicar situacións cada vez máis comúns como, ante un pequeno conflito de crianzas nun espazo público, ver como os proxenitores se enzarzan entre eles, nunha defensa a ultranza desa propiedade exclusiva que é o seu fillo/a, sen unha análise global da situación ou unha empatía mínima coa outra personiña.

Que camiño ha de tomar na encrucillada a institución familiar? Sumámonos ás voces abolicionistas a grito de “disólvanse!” e entendemos a familia como un axente supremacista, machista, consumista, engrenaxe esencial dun modelo insostible e suicida de capitalismo neoliberal, ou dámoslle un papel no chamamento masivo á revolta.

Converter as familias en axentes de xusticia social e sostibilidade ambiental sería enormemente beneficioso

A sociedade enfróntase a desafíos sen precedentes. É indubidable a necesidade de que as empresas adopten prácticas e políticas socialmente responsables e a responsabilidade social corporativa deixe de ser abordada coma un exercicio de marketing e lavado de cara. Son precisos gobernos socialmente responsables, que a través da política pública xeren mecanismos de protección dos dereitos humanos e o medio ambiente. Isto só pode darse en sociedades responsables, construídas sobre a conciencia colectiva co compromiso de convivencia.

Neste nivel escola e familia son axentes básicos. Converter as familias en axentes de xusticia social e sostibilidade ambiental sería enormemente beneficioso. A pesar do escaso impacto inmediato e directo que poidan ter certas prácticas cotiás sobre as problemáticas ambientais globais, este ámbito de actuación é fundamental e prioritario, pois nel constrúense as actitudes e valores que cimentarán a cidadanía e determinarán as actividades do modelo económico, coma o consumo.

A responsabilidade social non pode construírse principal nin unicamente na escola. O lugar dende onde estamos primariamente inseridos na sociedade é a familia. Nela de maneira consciente e inconsciente imos adquirindo principios, modelos e valores de relación e convivencia.

O lugar dende onde estamos primariamente inseridos na sociedade é a familia. Os modelos de coidado e responsabilidade que aquí se inculquen serán decisivos

Os modelos de coidado e responsabilidade que aquí se inculquen serán decisivos. Aprenderemos que hai pertenzas que son de tódolos membros do grupo familiar e debemos compartir, coidar e conservar para poder gozar delas, ou, pola contra, que a propiedade nos pertence en exclusiva e os diferentes obxectos poden ser tratados a capricho e que indefectiblemente serán substituídos por outros. Así mesmo, aprenderemos que cada membro da familia coida e procura o benestar dos demais, que non é outra cousa que o ben común, ou, pola contra, que o dar e recibir é unidireccional e as demais persoas están para satisfacer os nosos desexos e necesidades, sen esixencia de reciprocidade. Isto, sen prexuízo de que ese dar e recibir se axuste ao rol que cada un ocupa na familia; pois tamén é básico vivenciar que as adultas protexen e coidan amorosamente das crianzas.

A relación da familia coa sociedade é tamén clave. O parque, a escola, as relacións con outras adultas e crianzas pode ser interiorizada en clave de loita e competencia polos recursos ou como unha relación de corresponsabilidade en tódalas esferas de convivencia.

Non é o mesmo asistir a unha escola afastada do barrio ou núcleo de residencia habitual, na que só nos relacionamos con persoas dunha situación socio-económica-cultural moi semellante á nosa e ignoramos as circunstancias das persoas que viven ao noso redor, que asistir á escola pública máis próxima con persoas diferentes e diversas que viven porta con porta e permiten que as familias tezan redes proximais de coidados e interdependencia.

Non é o mesmo asistir a unha escola afastada do barrio ou núcleo de residencia habitual, que asistir á escola pública máis próxima con persoas diferentes e diversas que viven porta con porta

Parece claro que, se a familia quere ser un axente de sostibilidade e cambio social, é preciso que, como a escola ou calquera outra institución, perciba e rache coas inercias que a converten nun axente estrutural de sostén dun modelo de sociedade baseado nun neoliberalismo salvaxe e suicida, para erixirse sobre un modelo de valores que cimente unha sociedade baseada no coidado e a interdependencia coas outras e co medio, respectando os dereitos dos demais, e non antepoñendo os propios.

A educación da descendencia non é, xa que logo, un dereito individual, senón un deber para coa sociedade. Non se trata de loitar polo lugar que terán os nosos vástagos no mundo, senón de asumir a enorme responsabilidade de educar unha xeración que saiba crear un mundo no que todos e todas teñan o seu lugar. A tarefa de educar convértese así nun gran plan estratéxico a longo prazo que nace do núcleo familiar e se ramifica a toda a familia extensa, institucións e cidadanía en xeral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.