A gobernabilidade dos concellos galegos despois do 28M

Alcaldes e alcaldesas das cidades galegas tras o 28M CC-BY-NC-SA Imaxes: PSdeG, BNG, PP | Montaxe: Praza.gal

O proceso de conformación dos gobernos municipais galegos, a partir dos resultados rexistrados o pasado 28-M, deparou dúas circunstancias merecentes dalgunhas reflexións mais demoradas: o pacto subscrito entre o PP e Pérez Jácome e os acordos de gobernabilidade entre PSdG e BNG.

O desenlace do sucedido na cidade de Ourense non resultou sorprendente se temos en conta o precedente acontecido hai catro anos e o feito de que os protagonistas do pacto acadaron, finalmente, obxectivos moi importantes para eles: o mantemento da alcaldía e da presidencia da Deputación.

As preguntas acumúlanse: que sectores da poboación apoiaron a este aprendiz de populista berlusconiano?

O que requiriría maiores doses de explicación é o propio resultado saído das urnas. A día de hoxe, os tres partidos que foron superados en votos por Jácome (PPdG, PSdG e BNG) non foron quen de transmitir unha análise dos motivos que permitan comprender o por que das cifras obtidas por unha formación tan atípica como Democracia Ourensana (DO). As preguntas acumúlanse: que sectores da poboación apoiaron a este aprendiz de populista berlusconiano (por idades, por nivel de renda, polas identidades grupais que profesan...)?; como é posíbel que non lle penalizara a deficiente xestión derivada do seu illamento extremo na corporación (apenas dous concelleiros afíns); por qué non funcionou neste caso a teórica erosión que cabía agardar da forte belixerancia practicada contra el -nos últimos meses do seu mandato-por medios como "La Región" e "La Voz de Galicia"?

Mentres agardamos respostas a estas interrogantes, é preciso constatar que a aritmética derivada dos comicios colocou enriba da mesa unha certeza indiscutíbel: Pérez Jácome dispuña da chave decisiva para viabilizar acordos sobre a gobernabilidade do concello e da Deputación. Abríanse, pois, dúas posibilidades teóricas: ou o PP acordaba co líder de DO o reparto do control das institucións concernidas ou o PSdG e o BNG establecían un pacto co alcalde de Ourense para facer posíbel a saída do PP do goberno da Deputación. Ambas hipóteses tiñan que enfrontar unha dificultade moi relevante: o compromiso público de non pactar con Jácome asumido de xeito formal, durante a campaña electoral, polas tres formacións políticas (PP, PSdG, BNG) que disputaban a hexemonía no concello de Ourense.

De todos os actores políticos involucrados no labirinto ourensán, o PP é o que tiña mais liñas vermellas á hora de establecer a súa folla de ruta. Non podía pór en risco o dominio da Deputación, peza estrutural determinante na continuidade da súa hexemonía provincial. Tampouco quería apostar por fórmulas que estimulasen unha futura presenza da sigla de Jácome nos comicios ao Parlamento do Hórreo e a conseguinte incertidume sobre os resultados de Rueda nesa batalla electoral. A xerarquía dos obxectivos fixados polos dirixentes do partido de Feijoo semellaba evidente: primeiro a Xunta, despois a Deputación e, por último, o concello de Ourense. Neste contexto, o resultado final estaba servido: a reputación de Manuel Cabezas debía ser sacrificada para asegurar o poder provincial e a expectativa da continuidade en San Caetano. PSdG e BNG tiveron, na práctica, unha menor marxe de manobra: para botar ao PP da Deputación tiñan que pactar con alguén a quen tiñan denunciado reiteradamente -mesmo no ámbito xudicial- e deberían asumir, xa que logo, unha potencial perda de credibilidade ante os seus votantes.

Mais alá das singularidades locais que podan explicar a ausencia de gobernos compartidos, as organizacións protagonistas deberían avaliar os potenciais efectos negativos deste desencontro sobre as expectativas dun futuro goberno de coalición na Xunta

Na visualización final da fotografía dos gobernos municipais tivo moita relevancia, loxicamente, o pacto subscrito entre socialistas e nacionalistas. En realidade, pódese considerar que estes acordos certifican o mantemento dunha tradición política que naceu na última década do século pasado. 

En todo caso, facendo unha comparativa histórica, resulta chamativo o contraste co sucedido no ano 1999. Daquela, existindo un contexto moi parecido ao actual -o BNG era, tamén, a segunda forza no Parlamento galego-, formáronse gobernos de coalición en 5 cidades -Ferrol, Santiago, Lugo, Pontevedra e Vigo- nas que existían maiorías suficientes para facelos posíbeis. Agora, poren, dos 4 lugares nos que se poderían conformar gobernos conxuntos (A Coruña, Santiago, Lugo e Pontevedra) só está formalizado, polo momento, o da capital lucense.

Mais alá das singularidades locais que podan explicar esta ausencia de executivos compartidos, as organizacións protagonistas deberían avaliar os potenciais efectos negativos deste desencontro sobre as expectativas dun futuro goberno de coalición na Xunta. De cara a esa cita, non se poden crear dúbidas a respecto dunha futura colaboración entre ambas forzas políticas se o PP perde a actual maioría absoluta. E carece de realismo imaxinar que o BNG ou o PSdG poden gobernar esa institución en solitario sen un programa común xestionado por persoas representativas de ambas sensibilidades.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.