A idea naíf de Mario Conde

Nos oitenta, os patios de luces babeaban brillantina. Culto, ben parecido e coa columna vertebral tensada, a aquela fina estampa era inasumible calzarlle un traxe a raias. Porén, nos vermús dominicais da Corredera de Tui, ao banqueiro de moda saíanlle decenas de amigos que presumían de prestarlle a bicicleta na infancia. Logo aconteceu aquilo, ese pasado do exbanqueiro no que Feijóo incide nas entrevistas, ese que “Galicia ten na memoria”, e aqueles que dicían ser tan amigos de Mario Conde comezaron a xurar por San Telmo que, cando neno, collía as bicicletas sen permiso.

E Conde, con esa pinta de prosa de Vizcaíno Casas, imita o acento galego como querendo entrar nas tabernas para xogar a partida

Contos aparte, o galán cae aquí e presenta a súa arroutada con atrezzo de revista de Lina Morgan. E Conde, con esa pinta de prosa de Vizcaíno Casas, imita o acento galego como querendo entrar nas tabernas para xogar a partida. Mentres, Feijóo e os seus, co equipo asesor afinado e por se acaso, dedícanse a lanzar consignas que lembren a etapa penal do de Tui, do mesmo xeito que os seus presidentes de deputación sementan puntos de luz para controlar que os seus votantes vaian ás urnas ben iluminados. Outra cousa non, pero o PPdG sempre que escoita o pistoletazo de saída das eleccións usa a zancada opresora de Usain Bolt. Ata todo en curto por se queda algún voto debaixo daquelas pedras das que Fraga sacaba maiorías. As novidades descolocan, e Mario Conde é unha. E as quimeras –agora non suxeridas por un señor que vive en palacio subvencionado- poden facer dano se se menosprezan en exceso.

Do xesto de Feijóo albiscamos que si teme a Mario Conde

Do xesto de Feijóo albiscamos que si teme a Mario Conde. É natural. Hai moito votante do PP descontento que pode derivar o seu voto á outra dereita e hai unha maioría absoluta que revalidar e que, agora mesmo, está no aire. O máis normal é que Conde abduza ese voto popular máis rancio e superficial, de bótox colectivo;  ese target de “chaletito en propiedad” que tamén tira de gomina e castellanos. Porque o simpatizante normal, máis subido no novo IVE e cos recortes preventivos no conxelador, apostará pola abstención ou –aquí entra a importancia da eficacia da campaña- seguirá con Feijóo. Conde para eles, aínda que “parvo non é…”, tampouco é de fiar. É un tipo que para aquí de vacacións e punto. “A que vén agora?”, dirán.

Aquí deixamos repousar as cousas que se comen, non asumimos proxectos sen dixerilos nas sobremesas, non somos amigos dos que veñen ás presas

Porque a realidade é que Conde déixase caer no panorama político galego coma un paracaidista cun proxecto político aburatado, cun paracaídas que non se abre porque perde aire e desconectado dun territorio que aínda o mira por riba do ombro. Ese é o seu punto feble de partida. Aquí deixamos repousar as cousas que se comen, non asumimos proxectos sen dixerilos nas sobremesas, non somos amigos dos que veñen ás presas. Galicia non é “una veredita alegre con luz de luna o de sol tendida como una cinta
 con sus lados de arrebol” por moito que te presentes ao carón de Gloria Lago. Será que todos os engominados están destinados a ter a súa Olivia Newton-John, pero como cocktail –ao que se lle engade Cochón como froita exótica- non ten forza. A Conde nótaselle que pasa de ter a lección aprendida; a suma de soflamas e catro datos é inxenua e espontánea. Vén tentar convencer da súa ocorrencia, da súa idea naíf, como querendo dicir que é un tipo coma nós. El e nós, en fin.

O asunto é que para ser galego, á marxe do feito tan circunstancial de nacer aquí, ten que apetecer selo

O asunto é que para ser galego, á marxe do feito tan circunstancial de nacer aquí, ten que apetecer selo e a Conde, que é candidato á Xunta en calidade de tertuliano de Intereconomía, non ten pinta de apetecerlle moito. Mais restar, restará.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.