A inmigración como chibo expiatorio das políticas neoliberais

Un traballador da construción nunha localidade galega CC-BY-NC-SA CIG

Segundo Amnistía Internacional na Europa detéñense anualmente a unhas 100.000 persoas por cuestións migratorias.

As evidencias empíricas nos demostran que a inmigración medra cando medra o emprego e diminúe cando tamén o fai o emprego

Hai unhas semanas o portavoz e Presidente do Partido Popular (PP), o galego señor Nuñez Feijoo que fora Presidente da Xunta de Galicia (2009-2022), logo dunha xuntanza coa señora Giorgia Meloni, Presidenta do Consello de Ministros da República Italiana, declaraba que “a política migratoria en Italia funciona e no meu pais non”, politica que consiste na externalización do control migratorio. Pola súa parte o señor Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, afirmaba por esas datas que a caída do galego como idioma dominante en Galicia era debida fundamentalmente aos inmigrantes.

O ascenso das extremas dereitas en practicamente toda Europa veu acompañado pola expansión dun discurso racista e xenófobo que pon o foco na inmigración. Un discurso que si foi inaugurado polas extremas dereitas sería finalmente adoptado polo resto das dereitas e non poucas das esquerdas europeas. A base dese discurso é a de culpabilizar a inmigración da maioría dos males que afectan aos estados europeos derivados do auxe e a crise do neoliberalismo. Así, e contra tódalas evidencias, se acusa aos inmigrantes de querer roubarnos os postos de traballo, de facer baixalos salarios, de aproveitarse do estado de benestar, etc.

 

Os inmigrantes non nos rouban os postos de traballo

Os inmigrantes non rouban empregos senón que cobren vacantes. Postos pouco cualificados que os traballadores autóctonos por estar cada vez mais formados non acreditan ou non están capacitados para eles

Un dos vademecum mais repetidos é o de que os inmigrantes nos rouban os postos de traballo algo que non resiste o contraste coas evidencias. Bastaría en principio con analizar a realidade dos mercados laborais español e galego que mostran como se están acadando niveis históricos en emprego con cifras tamén moi elevadas de inmigrantes. 

As evidencias empíricas nos demostran que a inmigración medra cando medra o emprego e diminúe cando tamén o fai o emprego. Así Galicia e España teñen a estas alturas (3ºT 2024) uns dos maiores volumes de ocupación da súa historia recente: 1.159.400 en Galicia, 21.823.000 en España. Paralelamente tamén sucede o mesmo co número de inmigrantes empregados legalmente: Galicia: 6,6%, España: 13,6% do total de empregos. Unhas cifras históricas pero que seguen medrando

Que está pasando?: que si ben é certo que os traballadores con salarios medios/baixos son os mais prexudicados na policrise actual a relación causa/efecto coa inmigración non é a que nos contan senón todo o contrario. Os inmigrantes non rouban empregos senón que cobren vacantes, como pon en evidencia a relación negativa entre os niveis de desemprego (8,84% en Galicia, 11,21% en España os mais baixos en décadas) e o nivel de inmigración e que podemos comprobar facilmente analizando, por caso, que empregos teñen mais inmigrantes. Asi vemos que non son os empregos estables e ben pagados os que acollen á inmigrantes e expulsan aos nativos por que o crecemento da inmigración responde a falta de man de obra nalgúns sectores como a agricultura, a pesca, a minería, a industria manufactureira, a hostalería e o comercio en postos nos que apenas e necesaria a formación. Postos pouco cualificados que os traballadores autóctonos por estar cada vez mais formados non acreditan ou non están capacitados para eles.

 

Os inmigrantes non fan baixar os salarios

Os traballadores inmigrantes convértense en traballadores complementarios que ademais axudan, no caso de traballadores cualificados, á incrementar a produtividade e a reducir a diferenza entre as rendas do traballo e do capital

A inmigración sería, xa que logo, unha reacción a demanda de determinados empregos xeralmente con menores salarios e peores condicións laborais. Empregos que, como sinalaba, non sole cubrir a man de obra autóctona polo que os traballadores inmigrantes convértense en traballadores complementarios que ademais axudan, no caso de traballadores cualificados, á incrementar a produtividade e a reducir a diferenza entre as rendas do traballo e do capital que sería meirande sen os inmigrantes. En calquera caso tódolos estudios feitos en países europeos con forte inmigración confirman que o impacto global da mesma nos salarios é moi mínima ou irrelevante e cando o ten é fundamentalmente sobre os outros inmigrantes. En España e en Galicia, na última década cando se produce un incremento moi notable da inmigración, o salario medio anual nominal pasou no primeiro caso de 25.000 a 30.250 euros e no segundo de 20.241 a 24.170 euros.

Os inmigrantes non esnaquizan o estado de benestar

Unha maioría crecente de elites políticas e mediáticas van adoptando o discurso de que a inmigración esnaquiza o estado de benestar. Chégase incluso a afirmar que moitos inmigran (“turistas do benestar”) para así beneficiarse dos servizos públicos (ensino, sanidade, vivenda...) que non teñen nos seus países de orixe. Un discurso que está calando en sectores cada vez mais amplos do poboación

Unha maioría crecente de elites políticas e mediáticas van adoptando o discurso de que a inmigración esnaquiza o estado de benestar. Chégase incluso a afirmar que moitos inmigran (“turistas do benestar”) para así beneficiarse dos servizos públicos (ensino, sanidade, vivenda...) que non teñen nos seus países de orixe. Un discurso que está calando en sectores cada vez mais amplos do poboación que, en liña co que afirman os partidos de extrema dereita, pensan que os inmigrantes gozan de moitas vantaxes a hora de percibir axudas públicas que os nativos do pais financian cos seus impostos.

Unha opinión que conclúe na tese de que si queremos preservar o estado de benestar debemos reducir a inmigración, especialmente a mais cualificada. Tese con cada día mais adeptos tamén na clase política europea como vemos polas decisións restritivas que se están tomando respecto a inmigración, tanto por parte das autoridades comunitarias como pola práctica totalidade do estados de Occidente que xustifican as súas decisións por mor de evitar a creba do estado de benestar.

Unhas decisións políticas que si se analizan con rigor e seriedade se comproba que non teñen unha base obxectiva, fundamentalmente por tres razóns. A primeira que como refutan as evidencias empíricas os inmigrantes non fan un uso dos servizos públicos superior ao dos nativos polo que non hai probas de que supoñan un gasto elevado para as finanzas públicas tal que ameace a supervivencia daqueles. A segunda que o balance fiscal dos inmigrantes é altamente positivo e así o estamos comprobando, por caso, en España coa hucha das pensións na que as contribucións dos inmigrantes teñen a súa influencia no superávit da mesma. A terceira é que os estudios realizados pola OCDE poñen en evidencia que o impacto fiscal da inmigración é apenas significativo pois oscila entre o -1% e o +1% do PIB e que no caso concreto de España ademais de positivo é superior ao dos residentes autóctonos. 

Contra o argumento de que os inmigrantes buscan aproveitarse dos servizos públicos (“gorróns do estado de benestar”) temos, por caso, a evidencia da Unión Europea e así non hai probas de que coa libre circulación das persoas se producira un traslado masivo de migrantes cara os países europeos cos estados de benestar mais desenvolvidos. A realidade é que a inmensa maioría da xente que emigra faino para traballar (“eu volo polo mundo pa ver de ganalo”), estudar ou para xuntarse coas súas familias non para vivir das axudas. 

 

Os inmigrantes como chibos expiatorios das políticas neoliberais

Quen realmente están esnaquizando o estado de benestar son as políticas de austeridade que carrexa o neoliberalismo. Políticas que se impuxeron na Unión Europea, que buscan que se reduza o gasto público nas funcións de benestar provocando en consecuencia que se deterioren os servizos públicos

Para mellor entender estas dinámicas hai que ter en conta que os inmigrantes na súa inmensa maioría son mozos/as, en idade de traballar e sen fillos polo que son contribuíntes netos ás finanzas públicas. A maior diferencia está en que son maioría nos traballos menos cualificados o que supón que, como tódalas persoas con menores ingresos, cotizan menos por ter salarios mais baixos. Unha situación que, a pesar diso, vai cambiando consonte os inmigrantes se van integrando e atopan mellores traballos. Por outra parte por o acento na contribución fiscal destes inmigrantes é esquecer a súa contribución ás ganancias dos empresarios e ao incremento da produtividade.

Compre subliñar como corresponde que quen realmente están esnaquizando o estado de benestar son as políticas de austeridade que carrexa o neoliberalismo. Políticas que se impuxeron na Unión Europea, que buscan que se reduza o gasto público nas funcións de benestar provocando en consecuencia que se deterioren os servizos públicos.

Un deterioro que, en non poucos casos, estase compensando con traballadores inmigrantes. Así en todo o mundo occidental os inmigrantes desempeñan uns papeis cada vez mais importantes na provisión de servizos esenciais. Os/as inmigrantes de maneira crecente fortificaron uns sistemas asistenciais que sofren unha falta crónica de persoal local especializado no que son mais deficitarios 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.