A Inmobiliaria Eterna: Ceo, Inferno e o Control Social do Máis Alá

Presentación:

De onde xorde a necesidade de converter o medo á morte nunha estrutura de cobro periódico? Antes de que as elites políticas e eclesiásticas deseñasen un catálogo de premios e castigos na eternidade, a mente humana xa viña programada bioloxicamente para buscar patróns no caos e pantasmas na maleza. No seguinte ensaio abórdase unha crítica aceda e profundamente materialista sobre a xenealoxía dos mitos e a evolución do fenómeno relixioso. Unha análise que tece neurobioloxía, historia comparada e socioloxía contemporánea para amosar como a vella espiritualidade de refuxio rematou convertida na maior empresa inmobiliaria, financeira e de control social da historia.

A orixe e a base biolóxica do medo eterno

Antes de converter o Infinito nunha xestión de parcelas con licenza de obra, a relixión xurdiu do espanto orixinal e da pura adaptación biolóxica. O ser humano primixenio era só unha criatura vulnerábel nunha selva hostil. A neurociencia e a psicoloxía evolucionista amosan que o noso cerebro desenvolveu unha hiperactividade na detección de axentes: ante un ruído na maleza ou un raio, a mente prefire atribuír unha intención divina ou un espírito antes ca aceptar o caos, o aleatorio ou a nada. Entre o golpe cotián, a morte inevitable e a necesidade de atopar patróns onde non os hai, a fe naceu como un bálsamo de urxencia. Había que inventar un relato que lle dese certo decoro á dor, unha historia onde os golpes do presente se cobrasen mañá en moeda celestial. Naceu así o dogma: unha cova moral para protexer o lombo da barbarie terrea.

Este erro de cálculo do noso cerebro (preferir unha pantasma na maleza antes ca o simple vento) acabou por ser o mellor estudo de mercado da historia. O medo primario puxo os cimentos, pero o poder axiña entendeu que onde a bioloxía vía un refuxio de emerxencia, a política podía erguer unha promotora. A neurobioloxía puxo a ansiedade; as elites puxeron a hipoteca.

A xenealoxía dos mitos: unha cadea de re-lecturas e reciclaxe cultural

A historia das relixións comparadas amosa que ningunha fe naceu por «revelación divina», senón por unha evidente reconstrución e reciclaxe continuada dos mitos dos pobos. A relixión é un edificio construído por capas históricas. Os cimentos desta arquitectura levantáronse hai catro milenios nas táboas de arxila mesopotámicas. Alí, o mito do Diluvio, o home xusto e o barco cheo de animais, xa navegara na Epopea de Gilgamesh (derivación dos mitos sumerios de Atrahasis e Utnapishtim) antes de ser reclamado como propio polo texto bíblico. Acomodouse despois no Exipto de Osiris e Akhenatón, onde o peso dos corazóns e o monoteísmo solar (Atón) ensaiaban a futura teoloxía do Logos. As propias Instrucións de Amenemope copiáronse case palabra por palabra no libro bíblico dos Proverbios, mentres a iconografía de Isis dándolle o peito a Horus (Isis Lactans), rematou por moldear a representación artística da Virxe María co neno Xesús.

O xudaísmo tampouco xurdiu do nada. Naceu da antiga relixión cananea, onde os hebreos adoraban un panteón politeísta encabezado polo deus pai El, xunto a Aserá e Baal. A través dunha etapa de monolatría, o monoteísmo estrito non se consolidou ata o exilio en Babilonia, no século VI A.C. Alí, os sacerdotes absorberon do zoroastrismo persa a dicotomía absoluta entre o ben e o mal, a figura do Demo, o xuízo final e a resurrección dos mortos. Posteriormente, o cristianismo xurdiu como unha seita xudía cuxas ideas se mesturaron coa filosofía helenística, os cultos greco-romanos de morte e resurrección (coma os de Dionisio ou Mithra) e as necesidades políticas dun Imperio Romano en descomposición. Nesta síntese, a figura histórica e teolóxica de Xesús de Nazareth codificouse recollendo o arquetipo do mestre ético e salvador, a idea do Mesías hebreo e o patrón dos deuses redentores do Mediterráneo. Séculos máis tarde, o islam xurdiu como unha nova re-lectura e «corrección» dos textos xudeus e cristiáns para darlle cohesión ás tribos da Península Arábiga.

No ámbito global, as tradicións asiáticas do hinduísmo e o budismo deseñaron a roda eterna das reencarnacións coñecida como Samsara, con catálogos de ceos e infernos de purificación que funcionan como mecanismos de máxima seguridade para manter a orde de castas ou a disciplina moral. Na Mesoamérica precolombiana, para cruzar o Mictlán azteca ou o Xibalbá maia, a alma tiña que pagar peaxes rituais e ofrecer sacrificios de sangue para evitar o colapso do cosmos.

O negocio do Outro Mundo e o monopolio do solo

Co paso dos séculos, a comparsa social fíxose máis complexa e as elites detectaron o negocio. A vella espiritualidade de refuxio foi triturada pola máquina do poder. O consolo converteuse nunha enxeñaría de control social tan ben deseñada que faría salivar ao máis avaro dos rexistradores da propiedade. E non, non estou a pensar en ningún rexistrador en concreto.

Xa na Grecia clásica, pensadores como Políbio ou Critias advertían que a idea dos deuses e dos castigos do Inferno fora un invento dos poderosos para manter contida e atemorizada á multitude. Estruturouse así a crenza nunha dicotomía maniquea. Por un lado, o Ceo eríxese como unha residencia privada de descanso eterno, reservada en exclusiva para quen xurou submisión ao amo. Pola outra banda, o Inferno preséntase como un foxo de piche a ferver e tridente, listo para calcinar a calquera que pisase as liñas vermellas do poder. A ética reduciuse a unha operación bancaria. O Ceo é o xuro acumulado pola submisión investida en vida. O Inferno, a multa por calquera actitude de soberbia. Este monopolio non remata co último alento, senón que se estende ata o propio cadáver. Para a corporación eclesiástica, a incineración sempre foi un pésimo negocio porque reduce o defunto a cinzas sen valor inmobiliario. A carne intacta, pola contra, precisa dunha parcela, dunha lápida de granito, dunha concesión a longo prazo e duns dereitos de sepultura con cobro periódico. Se o defunto se fai fume, pérdese a renda do nicho.

A lexitimación da realeza, a guerra e a anestesia terreal

Cando o negocio precisa de pulo na terra, a fe alíase coa coroación do poder terreal. Vémolo cando a escena nos agasalla a entrada solemne dun xerarca relixioso, dono do micro-estado máis poderoso do mundo, no templo da representación democrática, entre reverencias submisas que demostran que o respecto ao amo segue intacto. Este sistema require tamén exercicios periódicos de violencia. Dende a Palestina romana ata os conflitos actuais en Oriente Medio, pasando polas Cruzadas e a conquista de América, a bandeira de Deus foi o mellor uniforme de camuflaxe para o espolio. Disfrázase a cobiza de terreos e recursos coa aureola de «guerra santa» ou «terra prometida», enviando a peonaxe a matarse mentres os administradores do dogma contan os beneficios. A trampa máis macabra do aparello é a de envelenar a única existencia tanxible. Convéncese á multitude de que a submisión no presente garante un ático na eternidade. Así, a vida na Terra queda reducida a un trámite penoso: un tránsito onde o sufrimento suma puntos e a explotación transfórmase no mellor dos investimentos.

Do refuxio do desvalido á franquía do triunfador 

A fe europea tradicional, que glorificaba a pobreza como un mérito e prometía que «os derradeiros serán os primeiros», perdeu a clientela nunha sociedade que cansou de gardar cola para unha recompensa que só se cobra unha vez dentro do caixón. É aí onde irrompe o evanxelismo neopentecostal e a teoloxía da prosperidade importados da América anglosaxona. Pasouse do «benaventurados os pobres» ao «se estás na miseria é porque Deus non te ama». A divindade xa non é un xuíz que premia o teu calvario tras o último alento, senón un broker de Wall Street que te bendice con patrimonio e chalés no aquí e no agora. En España esta mutación funciona a pleno rendemento: a vella dereita católica mudou en lobbies como El Yunque, plataformas como HazteOír e franquías de choque xudicial como Abogados Cristianos, que converten o lawfare en liturxia para tomar institucións e parlamentos.

Desenredar a chantaxe: a ciencia e a evidencia do carbono

Despois da morte, segundo a ciencia, só queda carbono en evolución e elementos químicos que se reciclan no cosmos. A bioloxía, a física e o rexistro histórico demostran que non existe ningunha evidencia empírica de que Deus, o Ceo ou o Inferno existan. Son mecanismos de defensa psicolóxicos creados polo cerebro para soportar a dor da finitude e, sobre todo, estruturas de control social e económico deseñadas polo poder. Descubrir o enredo deste grande teatro é a única forma de apagar o aparello da chantaxe. Cando se entende que este mapa de premios e castigos só busca ter a tropa domada, a farsa desmorónase. A xustiza, a dignidade e a boa vida non son un cheque a cobrar cando esteamos tirados nun cadaleito nir o dividendo dunha conta celestial, senón unha conquista a dentadas no único mundo real que existe: o aquí e o agora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.