O 7 de novembro de 1968, na asemblea que a Unión Cristiá Demócrata estaba a celebrar en Berlín, unha muller nova chamada Beate Klarsfeld dirixiuse publicamente ao chanceler federal Kurt Georg Kiesinger acusándoo de nazi e propinándolle unha labazada. Kiesinger entrara en 1933 no Partido Nacionalsocialista Obreiro Alemán, algo do cal nunca se arrepentiu. No vivo debate que provocou a espectacular acción de Klarsfeld houbo quen, como Günter Grass, amosou o seu desacordo, mentres outros aplaudiron con entusiasmo. Heinrich Böll, que en 1963 reflexionara nas súas célebres Opinións dun pallaso sobre a memoria histórica nos comezos da República Federal, mandoulle a Klarsfeld un ramo de rosas vermellas.
Despois daquel episodio, Klarsfeld e o seu home Serge convertiríanse nuns famosos cazanazis. Mentres, na RFA, a política de memoria histórica, para a cal miramos hoxe con tanta admiración e envexa, aínda tardaría un tempo en desenvolverse. Igual que sucedería cos franquistas na España posterior a 1978, a Alemaña daqueles anos aínda prefería manter en sordina o pasado nazi de moitos dos seus dirixentes e funcionarios. De feito, un continuado labor lexislativo dera lugar á integración dos antigos cadros nazis na Alemaña democrática. Porén, a labazada de Klarsfeld axitou moitas conciencias.
En España, tamén os políticos franquistas puideron seguir coas súas carreiras na democracia. Xamais foron castigados polo seu pasado criminal como colaboradores dunha ditadura. O mesmo ano en que en Alemaña se publicaban as Opinións dun pallaso, Manuel Fraga Iribarne implicábase politicamente na execución do dirixente comunista Julián Grimau tras un proceso bárbaro e trapalleiro. Pero o seu pasado deshonroso nunca lle pasou factura. En Galiza foi elixido polo Parlamento presidente da Xunta nada menos que en catro ocasións, e en todas elas por maioría absoluta. Tamén é certo que, igual que os nazis na RFA, os franquistas como Fraga Iribarne se ativeron ás regras da democracia.
Se na transición ou nos albores da democracia xa consolidada houbese alguén que nos fixese tomar conciencia da irresponsabilidade política, da aberración xurídica e da inmoralidade que supuxo o transvasamento de elites entre a ditadura e a democracia, moitos dos problemas que hoxe padecemos quizais non terían a dimensión tan preocupante que acabaron acadando
Hoxe, os postos de alta responsabilidade institucional están ocupados por persoal non directamente proveniente da ditadura, así que é probábel que unha labazada como a de Beate Klarsfeld xa non teña sentido ningún. Porén, temos motivos para pensar que se na transición ou nos albores da democracia xa consolidada houbese alguén que nos fixese tomar conciencia da irresponsabilidade política, da aberración xurídica e da inmoralidade que supuxo o transvasamento de elites entre a ditadura e a democracia, moitos dos problemas que hoxe padecemos quizais non terían a dimensión tan preocupante que acabaron acadando.
No seu momento, un xesto como o de Klarsfeld podería evitar a compracencia con que navegamos pola historia até arribarmos a esta democracia tan cativa. Pero entre nós non houbo ninguén que lle levantase a man a un franquista en nome da decencia. En Alemaña existen incontábeis lugares de culto ás vítimas do nacionalsocialismo, mentres en España, o segundo país do mundo en número de foxas comúns, temos a Fundación Nacional Francisco Franco. Así que, cando miremos os alemáns por riba do ombro e botemos a lingua a pacer, convén que lembremos a coraxe cívica de persoas como Beate Klarsfeld e Heinrich Böll e nos paremos a pensar nas consecuencias da nosa propia covardía.