Na Suíza alemá a xente, con independencia do grupo social a que pertence, fala no seu dialecto, que non (ou apenas) usa na escrita e para o cal non existe norma ortográfica ningunha
Na Romandía, a Suíza francesa, unha vez practicamente desaparecidas as variantes patois, as persoas falan e escriben un francés que apenas se distingue do que utilizan os seus veciños galos. No Tesino, pola contra, o italiano vive nunha situación de diglosia. Mentres o uso do dialecto lombardo queda restrinxido á esfera familiar e está nun proceso de forte declive, na escrita e en público impera o italiano estándar. O romanche, pola súa banda, está dividido en cinco dialectos e parece estar próximo á extinción. Desde 1982 existe o rumantsch grischun como lingua estándar. Case todos os romanches son bilingües e falan alemán, dado o carácter moi minoritario da súa lingua.
En 1959, Ferguson define a diglosia como unha situación lingüística relativamente estábel onde conviven, por unha banda, os dialectos dunha lingua, e, por outra, unha variedade superposta, moi codificada, aprendida na escola e utilizada na escrita e na fala formal, pero non na conversa ordinaria. Un dos exemplos de diglosia apuntados por Ferguson –xunto coas nacións árabes, Haití e Grecia– é a Suíza alemá, onde a xente, con independencia do grupo social a que pertence, fala no seu dialecto, que non (ou apenas) usa na escrita e para o cal non existe norma ortográfica ningunha. Na Suíza alemá, o símbolo lingüístico dominante na speech community é a variante dialectal.
Na diglosia da Suíza alemá non cabe distinguir entre unha variedade alta e unha baixa. Malia a existencia de sociolectos, o dialecto utilízase de xeito transversal e non está en absoluto asociado aos sectores máis humildes
O trazo lingüístico máis rechamante da Suíza alemá é, polo tanto, que o estándar apenas se usa oralmente. Os moitos e moi diferentes dialectos que compoñen o alemán suízo son os utilizados de maneira xeneralizada para a comunicación oral, a miúdo tamén en actos públicos, na radio e na televisión. A primeira lingua de calquera persoa suíza alemá é o seu dialecto, o cal converte o alemán estándar nunha segunda lingua ou nunha lingua estranxeira basicamente destinada á escrita. O dialecto, ademais, goza dun alto prestixio. Neste sentido, na diglosia da Suíza alemá non cabe distinguir entre unha variedade alta e unha baixa. Malia a existencia de sociolectos, o dialecto utilízase de xeito transversal e non está en absoluto asociado aos sectores máis humildes.
Moitas persoas non poden ou non queren falar en alemán estándar, néganse a prescindir da ancoraxe emocional e do sentimento de pertenza que lles fornece o dialecto. Falar en alemán estándar adoita non resultarlles atractivo
Adoita falarse de diglosia medial para caracterizar esta relación funcional entre os dialectos e mais o alemán estándar suízo, que depende de se o medio en que ten lugar o acto de comunicación é oral ou escrito. Esta diglosia converte a Suíza nun caso particular dentro do espazo xermanófono, porque moitas persoas non poden ou non queren falar en alemán estándar, néganse a prescindir da ancoraxe emocional e do sentimento de pertenza que lles fornece o dialecto. Falar en alemán estándar adoita non resultarlles atractivo, porque é a lingua que asocian coa escola, co estudo, coas notas, cos erros, coas reprimendas; porque é a lingua dos alemáns, que en Suíza, por mor dun complexo conxunto de prexuízos e de medos, non gozan da maior das simpatías; e porque é unha lingua que lles resta espontaneidade e elocuencia e as fan sentir incómodas, inseguras, torpes, lentas e en desvantaxe.