A Lomloe, a Filosofía e a banalidade do mal

Mural de Theodor W. Adorno en Frankfurt CC-BY-SA Vysotsky

Querería saber en que estaban pensando os especialistas que elaboraron a Lomloe cando eliminaron do currículo da Filosofía de primeiro de Bacharelato a Marx e a Teoría Crítica. Por banalizar, direi que con Adorno (xa antes con Reich) faise posible saber por que falar de grupo de ben sitúa a alguén na dialéctica fascista. É certo que na redución de contidos explícitos esas correntes poderían ser tratadas nun punto que se enuncia como “Os principios políticos fundamentais: igualdade e liberdade, individuo e Estado; traballo, propiedade e distribución da riqueza”. Mais se, tal e como establece a lei, @ docente ten a autoridade intelectual para especificar e xustificar o que debe ser desenvolto a partir de cada xeneralidade, querería saber, tamén, que sucedería cunha Administración na que o executivo estivese xirado ideoloxicamente á ultradereita. Atoparíase amparad@ ese docente, cando hai tempo que de facto perdeu esa autoridade intelectual?

Querería saber en que estaban pensando os especialistas que elaboraron a Lomloe cando eliminaron do currículo da Filosofía de primeiro de Bacharelato a Marx e a Teoría Crítica. Por banalizar, direi que con Adorno (xa antes con Reich) faise posible saber por que falar de grupo de ben sitúa a alguén na dialéctica fascista

Desenvolver a perspectiva crítica e o antidogmatismo é un dos obxectivos da materia, porén, exclúese a crítica do marxismo ao liberalismo, que se mantén cando se propón como contido “O debate político contemporáneo: liberalismo, utilitarismo e comunitarismo”, contido mal proposto, ao estaren próximos os dous primeiros conceptos. Por un lado, a ideoloxía é transparente, e o executivo da Lei Celaá prosegue con “Cidadanía e Estado de benestar”. Por outro, Wendy Brown advertía das lóxicas lexitimadoras do neoliberalismo, que permiten cuestionar calquera cousa, autoafirmándose como a corrente máis tolerante, sempre que non se sinale, iso si, a infraestrutura. É posible demandar, aparentemente, calquera aspecto no ámbito da superestrura, da representación, pero non cuestionar as condicións materiais. Especificamente, non sinalar, non pensar o ámbito da produción, de xeito que permanece transparente, ideolóxico, incuestionable, universal, “lei natural”. 

Omitir o marxismo e a Escola de Frankfurt é omitir o materialismo, postura que marca os ámbitos intelectuais e culturais, en xeral, de todo o século XX e parte do XXI. A súa relevancia excede o espazo da teoría política e económica, e afecta ao eido epistemolóxico, no que se xogan as mudas de paradigma

Omitir o marxismo e a Escola de Frankfurt é omitir o materialismo, postura que marca os ámbitos intelectuais e culturais, en xeral, de todo o século XX e parte do XXI. A súa relevancia excede o espazo da teoría política e económica, e afecta ao eido epistemolóxico, no que se xogan as mudas de paradigma. O novo paradigma para o que traballa tamén o Ministerio do executivo actual semella regresar por veces á inclusión do talento, dun certo determinismo xenético (o que no aspecto médico implica a patoloxización dos estados non normalizados, por exemplo). O novo paradigma obvia as condicións estruturais, materiais e expón o triunfo dun neopositivismo que ten pouco de neo. Falaba Hebdige no seu libro sobre subculturas a propósito da aniquilación simbólica dunha realidade: trátase de tomar a linguaxe e facer un cut off. Cortala, recortala. Para os redactores da Lomloe, falar sobre “A guerra, o terrorismo e outras formas de violencia”, sobre as “desigualdades e a pobreza” ou dos “problemas ecosociais ou ambientais” pertence ao ámbito da ética (nese bloque se colocan e coa linguaxe citada se enuncian). 

Ao ler a prensa, ou acceder ao BOE ou ao DOG, teño unha sensación orwelliana, vexo institucións con nomes da neolingua que traballan incesantes para o capital, que tende, cada vez máis, a disfrazarse de banalidade

A aparencia progresista carente de consistencia evidenciaríase no currículo da Historia da Filosofía do segundo curso do Bacharelato. Ademais de engrosarse e fragmentarse de xeito pouco pedagóxico, a par que se reducen horas de docencia ao reconvertela en materia obrigatoria, quérense incluír nel filósofas, pero faise deste xeito: “Aspasia de Mileto e o papel das mulleres na cultura e filosofía gregas”, “A figura de Hipatia de Alenxandría”, “A personalidade polifacética de Hildegard von Bingen”. As filósofas están reducidas á súa condición de xénero, e non de pensadoras. Chegada a Modernidade, queda para elas case exclusivamente o pensamento feminista: “A reclamación do carácter de suxeito das mulleres: Mary Wollstonecraft e Olympe de Gouges”. 

Ao ler a prensa, ou acceder ao BOE ou ao DOG, teño unha sensación orwelliana, vexo institucións con nomes da neolingua que traballan incesantes para o capital, que tende, cada vez máis, a disfrazarse de banalidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.