A lucidez conservadora

Recomendo encarecidamente ler, mastigar, rumiar e reler de novo, para volver rumiar, o ensaio que Manuel Outeiriño vén de publicar no penúltimo número de A trabe de Ouro: publicación galega de pensamento crítico. Este ensaio, titulado “Risco, vencido e inadaptado”, independentemente da valoración que un poida facer sobre as moitas interpretacións persoais de Outeiriño, é unha boa radiografía da arquitectura mental e sensíbel de Risco, contén ideas-forza e intuicións moi ricazes, fecundas, imposíbeis de debullar nun artigo, e deconstrúe moitos lugares comúns sobre quen ven sendo tan contraditorio e intelectualmente fecundo personaxe dende unha mirada máis contemporánea e analítica, con novos enfoques.

A primeira idea-forza que se menciona no ensaio de Outeiriño é a estratexia de Risco perante o que él consideraba a crise dunha civilización caracterizada pola “razón instrumental, o mecanicismo e o materialismo vulgar. O dominio da burocracia e a taxa de acumulación crecente do capital”. Esta idea-forza, que parte dunha radiografía precisa e exacta da filosofía política hexemónica na actual civilización liberal-capitalista, e que aparece, en 1918, nun ensaio seu titulado “As tebras de occidente”, é unha reflexión previa á proposta dunha política cultural que Outeiriño categoriza como “defensiva, mais non inequivocamente tradicionalista”.

Merece a pena, e moito, pararse a entender isto que di Outeiriño sobre Risco: a reivindicación da conservación da “tradición” cultural dun pobo non debe ser entendida coma unha estratexia politicamente “tradicionalista”, reaccionaria ou fechada en si mesma, mais si politicamente “defensiva” perante a imposición da ecocida, belicista e inhumana “modernidade” industrial e mecánica do capitalismo moderno.

Poderiamos concluír, sen dúbida, que a estratexia Risquiana é a estratexia cultural do ourizo cacho que se reprega sobre as súas propias púas perante o que el percibe coma unha ameaza política exterior, si, e atoparíamoslle paralelismo coas conclusións de moitos etólogos que estudan o comportamento humano coa mesma curiosidade coa que estudan o comportamento animal, e que consideran a devandita estratexia do ourizo coma un comportamento natural, instintivo e, ao fin e ao cabo, lóxico, en calquera colectividade humana. Así pois, ¡benvida sexa a estratexia do ourizo!, porque un ecosistema cultural que eu considero aberto ao mundo non é aquel que traga toda novidade permanente tirando ao cubo do lixo o que a memoria colectiva tece conflitivamente dende o tempo musical da súa tradición. Ao contrario, só un rabaño de autómatas hiper-modernos vernizados de pseudo-modernidade oca poden habitar tal ecosistema sen asfixiarse.

A min paréceme que este punto de tensión entre a vontade de conservación da tradición cultural, que choca necesariamente coa concepción da modernidade en sentido industrial-produtivista, é o punto exacto dende o que pode xermolar unha cultura realmente autóctona, moderna e cosmopolita ao mesmo tempo, entendendo por moderna, claro está, non a imitación mimética dos esquemas mentais da modernidade tardo-capitalista, senón a reactualización contextualizada, na realidade galega, do impulso emancipador da primeira ilustración liberal antes de aristocratizarse, tan oportunista e interesadamente malinterpretada a día de hoxe por esta caste de pseudo-liberais de gravata, burocracia e altas finanzas que fan o ridículo en San Caetano falando de galeguismo e liberalismo mentres comen todo o lixo mental e gastronómico que o imperialismo cultural ponlles enriba da mesa.

Segue Outeiriño a súa liña discursiva visualizando a distinción que Risco fai entre “civilización” e “cultura”, nun ensaio publicado en 1928, titulado “Elementos de metodología de la historia”, e menciona a Raymond Williams para darlle máis solidez a esa distinción Risquiana, a saber : que a civilización fai referencia a formas sociais máis externas, visibles, e que a cultura ten máis que ver con formas de vida interiorizadas e fala do que a xente ten por máis “propio e íntimo”.

Esta dicotomía entre o civilizacional-externo aos suxeitos e o cultural-íntimo dos suxeitos creo que é clave para entender o conflito secular que, dende sempre, na historia da humanidade, existiu entre os grandes proxectos políticos imperiais con vontade de universalizar o seu modo de vida e a resistencia cultural das pequenas comunidades á asimilación. Galicia, por suposto, non está fora desta dicotomía, nin con respecto á vontade de asimilación de certos hispanismos, nin con respecto á vontade de asimilación de certos Europeísmos que non son máis que intencionadas expresións ideolóxicas para xustificar a necesidade de aceptar a way of life do capitalismo planetario en tódalas súas expresións.

Para un galeguista contemporáneo, por así dicilo, resulta chocante caer na conta da profunda conexión analítica entre o Vicente Risco politicamente reaccionario e conservador e o núcleo central da crítica social marxista verbo dun mesmo fenómeno –o capitalismo moderno, nas súas múltiples metamorfoses-. Con todo, se deixamos de lado prexuízos, primeiras impresións e opinións fáciles, temos que ter en conta o seguinte, a saber: que un pensamento, unha sensibilidade e unha praxe culturalmente anti-sistémica non é, nin necesaria, nin exclusivamente, politicamente progresista: Que mellor mostra dunha sensibilidade, un pensamento e unha praxe culturalmente anti-sistémica e, ao mesmo tempo, politicamente reaccionaria, brutal, inhumana, que o fascismo?

Que Risco ten sombras moi ensombrecedoras é tan certo coma que ten luces moi lúcidas, mais, en fin, o texto de Outeiriño está inzado de intuicións, interpretacións e referencias estimulantes que, comparta un ou non, sempre se agradecen como punto de partida exploratorio. Hai moito profeta político metido a hermeneuta oficial da cartografía cultural galega, moita solemnidade discursiva no agora público deste pequeno paisiño. Por iso, textos como os de Outeiriño e publicacións como A trabe de Ouro, na mellor tradición dos Cultural studies, serán sempre benvidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.