Peter Thiel, o fundador de Palantir, vén de abrir unha web co nome de Objection AI, que se define como o “Tribunal da Verdade da Intelixencia Artificial”, un grupo de matóns ultratech que, tras o pago da tarifa correspondente, se encargarán de deixarlles aos xornalistas críticos unha nota sobre o cadáver do can na porta da casa
Peter Thiel, o fundador de Palantir cun búnker en cada porto, para quen democracia e liberdade non son compatibeis, ademais de exorcista que no Vaticano destapou a Greta Thunberg como o Anticristo, vén de abrir unha web co nome de Objection AI, que se define como o “Tribunal da Verdade da Intelixencia Artificial”, un grupo de matóns ultratech que, tras o pago da tarifa correspondente, se encargarán de deixarlles aos xornalistas críticos unha nota sobre o cadáver do can na porta da casa. Ou, se así non se amolan, dispararlles un cartucho de sal no xeonllo para que lles piten os oídos e descansen un tempo na butaca da sala coa Play Station. Ou, se persisten, levalos á ruína e sacalos da profesión.
Na presentación da web explícanlles aos clientes potenciais, honrados homes de negocios que se sintan difamados: “Os xornalistas destrúen a túa reputación, non con probas, senón cun relato. Cando van por ti, non hai maneira de combatelos, ata agora. Grazas a Objection AI. ex-membros do FBI, da CIA e da intelixencia militar investigarán as referencias dos xornalistas difamadores e o tribunal da IA ditará o veredicto. Podes salvar a túa reputación en cuestión de días, non en anos (coma na xustiza ordinaria)”.
O cerebro das investigacións preséntase como Aron D’Souza, o fulano que aí atrás promovera uns “xogos olímpicos” alternativos para ver que deportistas, dopándose sen control, conseguían os mellores resultados. De Souza explica que a partir duns módicos 2000 dólares os ofendidos teñen acceso a un equipo de profesionais que analizará liña por liña as acusacións vertidas, con elas alimentarán un algoritmo que se pronunciará de inmediato, darase audiencia ao xornalista para que rebata o ditame e a IA decidirá o que é verdade e o que non.
Se o xornalista investigado non comparece, a páxina dispón dun sistema de puntos que, neste caso, serían negativos, que se complementarían con comentarios negativos tipo TripAdvisor e o cuestionamento público da súa credibilidade
Na web informan de que van funcionar coma unha arbitraxe pero admiten que non son un tribunal de xustiza, nin unha publicación, nin un censor, nin un instrumento de acoso. Ninguén está obrigado a participar no proceso ou a retirar contidos publicados, baixo a súa responsabilidade. Os equipos de D’Souza simplemente son rápidos e eficaces, sen necesidade de recorrer a avogados ou asinar contratos privados. “A verdade non se decidirá por votos ou consensos, senón pola robustez das evidencias mediante un proceso empírico”. Se o xornalista investigado non comparece, a páxina dispón dun sistema de puntos que, neste caso, serían negativos, que se complementarían con comentarios negativos tipo TripAdvisor e o cuestionamento público da súa credibilidade.
O contexto desta iniciativa de intimidación mafiosa é o mesmo que lle permite ao presidente dos EUA ameazar e demandar os medios que non inclinan o xeonllo
Se o xornalista entra no xogo, aínda que só sexa cun whatsapp de resposta, asina de facto un compromiso de arbitraxe privada nos termos que a propia web contempla, e de sometemento ao que ditamine a IA, coas consecuencias financeiras que se poidan derivar en forma de indemnizacións, costas e danos, sen límite establecido nin posibilidade de apelación. Para casos en que a indemnización demandada supere os 100.000 dólares, a tarifa elevarase para os clientes denunciantes. Unha especie de Legálitas, básico ou premium.
Por sorte todo ten trazas de acabar non en fact-checking senón en trapallada. De momento levan dous! veredictos para servir de exemplo, un deles sentenciou que “a acusación de que Brigitte Macron é con seguridade un home, é falsa”, segundo un investigador anónimo que resultou ser empregado nunha tenda de recambios de automóbil e baseou o seu ditame en fontes como Wikipedia ou Youtube.
O contexto desta iniciativa de intimidación mafiosa é o mesmo que lle permite ao presidente dos EUA ameazar e demandar os medios que non inclinan o xeonllo, reclamando indemnizacións por milleiros de millóns, sabendo que a capacidade de contar con equipos legais de elite e influencia nos tribunais de xustiza fará que os medios prefiran chegar a un acordo “amistoso”, e morder a lingua a partir dese momento. Máis preto de nós, o concepto é semellante ao da lei mordaza, que instaurou a práctica de reprimir menos con porras e máis con tribunais e multas.
Objection AI parecería hai dous anos unha broma de mal gusto pero xa levamos tantas que van deixando de facer gracia
Objection AI parecería hai dous anos unha broma de mal gusto pero xa levamos tantas que van deixando de facer gracia. O que si é é unha maneira de democratizar o acoso á liberdade de expresión e o xornalismo. Vindo dun multibillonario con acceso aos nosos datos íntimos e especializado en armamento de última xeración, que queredes que vos diga.