A métrica do metaverso

Collaxe: A métrica do metaverso ©

“You must always face the curtain with a bow”            

(Always look on the bright side of life. Monty Python)

 

Os moribundos actuais deberiamos ter a posibilidade de traballar no noso propio réquiem. Crear un particular entorno de despedida. Escoller o noso público. Un catering. Envolver o adeus en papel de aluminio e marchar recalcando o noso holograma con rotulador permanente. Poñerlle un nome inconfundible a ese lugar: “Templo de Luxor”, “Bar Mundial 82”, “Almacenes Estévez”. Abandonar por fin esta realidade, ingresar no metaverso e esquecer, para sempre, o contrasinal. 

Tamén vivir dentro del. Ao mellor, ao prezo que está hoxe a existencia, o máis interesante sexa habitar na ficción. Romper co arrecendo a herba, coas conversas na panadería, coa impaciencia rutinaria dun taxi, e vivir na mentira do virtual. Nun planeta de multiusuarios no que cadaquén inventa o seu contexto e duración. Recoñezamos que, total, a ficción leva anos deostada. Polo tanto é moi posible que, grazas a toda esta simplicidade dominante, nin sequera a nosa propia familia se entere de que somos algo irreal. 

Metaverso Dominio Público

Recoñezamos que, total, a ficción leva anos deostada. Polo tanto é moi posible que, grazas a toda esta simplicidade dominante, nin sequera a nosa propia familia se entere de que somos algo irreal

Porque a ficción non se respecta. Nunha ocasión, un actor que representaba un papel de albanel nunha famosa serie televisiva, ceaba coa súa parella nun restaurante caro. Conta que, durante a sobremesa, escoitou como un home lle dicía a outro: “Como é posible que este tipo poida permitirse un restaurante así traballando na construción?”. Entón, se Stevenson é un pirata, Coppola un Corleone, Blanco Amor alcalde de Auria e Magritte unha verde mazá, quizais o mellor sexa asumir que a intelixencia escasea e que sufriremos menos se vivimos nun espazo aparente.

Por iso empatizo con quen padece a demencia. Como a avoa Maruja, que me espertaba polas mañás arrastrando os pés cando o Parkinson instauraba o trastorno do movemento. Traía o almorzo á cama coas mans trementes, deixaba caer no leite unha onza de La Perfección e cumpría co compromiso de obrigarme a rezar. Hoxe gústame pensar que, a que foi unha das persoas máis importantes da miña vida, residía tamén no seu propio lugar imaxinado. E que era feliz nesa realidade ilusoria. Que incluso continúa aí, pasando desapercibida na nube, enfrontando as derivas con humor brillante e servindo sopa antes de cada comida. Cun sorriso máis amplo que o do gato de Cherlier. Compráceme soñar que, a pesar de sobrevivir nunha ficción imposta, foi feliz. 

Levo máis de 20 anos reflexionando sobre a realidade a través das letras e, hoxe en día, renego dela porque me angustia. A deriva é profunda. Frustrante. Prefiro inventar un espazo virtual, calcetado á medida, no que ninguén interrompa conversas apracibles

Levo máis de 20 anos reflexionando sobre a realidade a través das letras e, hoxe en día, renego dela porque me angustia. A deriva é profunda. Frustrante. Prefiro inventar un espazo virtual, calcetado á medida, no que ninguén interrompa conversas apracibles. No que soen as grazas se son merecidas. Unha paisaxe sen mentiras previstas. Sen ideoloxías zafias. Un barrio falso de matriz limpa. Educado. Lector. Reflexivo. Dalgún xeito, rendinme coma un covarde. Mais quizais esta rendición miña sexa tamén ficticia. Estarei atento. 

Pero, polo de agora, ningún membro do clero puido asegurar que o metaverso non sexa, por fin, o tan famoso ceo. Ao mellor é unha opción máis apracible que esta na que convivimos. Por iso, non o condenen tan pronto. A pesar da súa métrica artificial, quizais é o único bunker que nos quede para sobrevivir antes de enfrontarnos ao telón cunha reverencia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.