A momia e a pirámide

Busto de Franco no Pazo de Meirás Dominio Público @rubencela

Dicía Franco que o deixara todo atado e ben atado, e non andaba trabucado o meirande felón da historia de España (con permiso de Fernando VII). No marco da Transición transaccionouse todo o que for preciso transaccionar e o réxime adaptouse ás novas formas pretendidamente pluripartidistas, de xeito que os sectores económica e socialmente hexemónicos continuaron mandando nun franquismo 2.0 no que, como dixo o cacique encarnado por Antonio Garisa na moi ibérica obra de anticipación cinematográfica de 1982 ¡Qué vienen los socialistas! “unhas veces mandamos nós e outras obedecen eles”. 

Toda a estrutura legal e administrativa é herdeira directa do réxime que mutou vía BOE no actual sistema pseudopartitocrático deixando incólumes os alicerces autoritarios e as relacións de poder

A crúa realidade e que a obra viva da España actual provén do franquismo. Toda a estrutura legal e administrativa é herdeira directa do réxime que mutou vía BOE no actual sistema pseudopartitocrático deixando incólumes os alicerces autoritarios e as relacións de poder.

Xa o presidente da República D. José Maldonado advertira no seu discurso do 11 de febreiro de 1974 perante o Círculo Republicano de París que a monarquía non era outra cousa que o “intento de perpetuar el franquismo sin Franco” e todo o proceso da chamada transición foi dirixido a ese obxetivo construindo un relato mítico que servise non só para branquear ao réxime senón para desterrar calquera posibilidade de restauración dunha legalidade republicana da que son alleas a Constitución de 1978 e todo o seu hipertrofiado, ineficiente e incongruente corpo normativo (a pésima técnica normativa soe ser síntoma dun deliberado oscurantismo e escasa calidade democrática).

Así, cando o Tribunal Supremo di no seu auto de 4 de xuño de 2019 que don Francisco Franco Bahamonde foi “Jefe de Estado desde el 1 de octubre de 1936” non fai outra cousa que afirmar o evidente: Franco era o xefe do actual estado español (Reino de España) dende outubro de 1936 porque o Reino de España na súa actual configuración é unha mutación do franquismo con pluripartidismo e certas liberdades individuales.

O Reino de España non pode negarlle lexitimidade ao franquismo sen negar a súa propia lexitimidade

A consecuencia evidente, que ademáis explica as fondas anomalías do réxime do 78 comparativamente con outros estados, é que o Reino de España non pode negarlle lexitimidade ao franquismo sen negar a súa propia lexitimidade. Por iso este réxime nin anula nin anulará os xuizos do franquismo, mantén o sistema de corrupción institucionalizada, non permite que se toque á monarquía nin permite que opcións republicanas teñan a máis mínimina visibilidade, e por iso a momia seguerá na pirámide até que ao propio réxime lle conveña cambiarlle a ubicación. Porque como di o refraneiro castelán “el que a sí mismo se capa muy buenos cojones se deja.”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.