Resulta rechamante que se normalizase xa por completo o costume de referirse ao que sucede en Galiza coa fórmula “na nosa comunidade” ou utilizando o adxectivo autonómica/o
Sexa como for, e retomando o fío da nosa reflexión, resulta rechamante que se normalizase xa por completo o costume de referirse ao que sucede en Galiza coa fórmula “na nosa comunidade” ou utilizando o adxectivo autonómica/o. Podemos escoitar estas expresións constantemente na radio, na televisión, nos medios escritos (incluídos, por suposto, os que, a estas alturas, seguen a cualificarse pomposamente de nacionais). Non é que esta práctica careza por completo de fundamento, desde logo. De feito, a Comunidade Autónoma é a maneira en que, de acordo co noso ordenamento xurídico, Galiza se organiza institucionalmente.
Legalmente, e con independencia da nosa douta opinión, Galiza é unha nacionalidade e España unha nación. E para todo o relativo ou pertencente a unha nacionalidade ou a unha nación debemos utilizar o adxectivo nacional
Porén, esta convención ten a súa letra pequena. Porque resulta que non se empregan de forma parella as expresións “na nosa comunidade” e “no noso Estado”, ou “autonómica/o” e “estatal”. Pola contra, xeneralizáronse fórmulas mixtas como “as autoridades autonómicas e nacionais”, ou “na nosa comunidade, os datos son peores que os nacionais”. Lembremos, neste punto, que, legalmente, e con independencia da nosa douta opinión, Galiza é unha nacionalidade e España unha nación. E para todo o relativo ou pertencente a unha nacionalidade ou a unha nación debemos utilizar o adxectivo nacional. Ou é menos nacional o himno de Galiza que o de España? Pois non: os dous son igualmente nacionais (e igualmente imposíbeis de cantar).
En consecuencia, e por pura coherencia xurídica e lingüística, o que esperariamos escoitar ou ler serían fórmulas como “as autoridades nacionais galegas, así como as autoridades nacionais españolas” (ou simplemente, e para non quedarmos sen respiración, “as autoridades galegas e mais as españolas”) e “na nosa nacionalidade, a opinión maioritaria difire da nacional española” ou “na nosa Comunidade Autónoma, a norma está limitada pola lexislación do Estado”. Mais non sucede así.
E non é só que a nosa linguaxe sexa incoherente. Ademais, non diferenciamos ben entre ámbitos, nin sequera na escasa medida en que esa diferenciación é posíbel. No territorio da nosa Comunidade Autónoma pode haber máis ou menos accidentes de traballo que no territorio do Estado, pero seguro que a nosa lingua, por exemplo, non é autonómica, igual que o español non é estatal. Mentres as linguas son realidades que o sistema institucional non fai máis que detectar e recoñecer, pero non crear, os límites territoriais son froito de axustes históricos, continxentes. As linguas galega e española son fenómenos nacionais. No Bierzo, por exemplo, fálase galego (e español e leonés), pero a rexión non pertence á nosa Comunidade Autónoma. No Tesino fálase italiano (e lombardo), pero é un cantón suízo.
Non deberiamos, en consecuencia, afacernos a sermos un chisquiño máis exactos no uso da linguaxe, para que esta sexa máis acorde coa nosa realidade institucional? As autoridades son locais, autonómicas, estatais ou comunitarias
Non deberiamos, en consecuencia, afacernos a sermos un chisquiño máis exactos no uso da linguaxe, para que esta sexa máis acorde coa nosa realidade institucional? As autoridades son locais, autonómicas, estatais ou comunitarias. As normas, as institucións, os cargos, os recursos poden referirse a calquera destes niveis de gobernanza. A historia, a cultura, a lingua, as tradicións, os costumes, pola contra, son realidades cuxa existencia non deriva do noso ordenamento xurídico. Unha competencia lexislativa pode ser autonómica ou estatal. Pero describir o encaixe de Camariñas, por exemplo, como un produto artesanal autonómico deixaríanos en estado de franca perplexidade. Porque algunha palilleira habería antes do Estatuto, non si?