Neste país tan complexo conviría quizais desincharmos un pouco este globo identitario en que acabamos convertendo as nosas normas básicas
Evidentemente, as nosas escollas lingüísticas non son inocentes. Que só utilicemos o adxectivo nacional cando nos referimos a España, evitando, con tanta teimosía como falta de rigor, facer o mesmo cando falamos de Galiza, débese ao propósito de negarlle a Galiza calquera posibilidade de chegar a identificarse a si mesma como un país que utiliza lexitimamente o adxectivo nacional. Así é como podemos entender que o Goberno Galego e os medios se comunicación máis importantes utilicen decote a expresión Día de Galicia para referirse ao que o DOG chama todos os anos, e nada menos que desde o 1 de xaneiro de 1979, Día Nacional de Galicia. Pola contra, a ninguén lle xorden dúbidas cando alguén se refire a un produto nacional: sabemos de sobra que é made in Spain.
Na súa Constitución Federal, a Confederación Suíza descríbese sobriamente como o conxunto formado polo pobo e os cantóns
Por certo: neste país tan complexo conviría quizais desincharmos un pouco este globo identitario en que acabamos convertendo as nosas normas básicas. Por que o noso bloque de constitucionalidade define a España como nación e a Galiza como nacionalidade? Non sería moito máis importante que a nosa organización institucional, que estabelece unha gobernanza moi descentralizada, distinguise nitidamente entre o Estado e as comunidades autónomas? Que lle importa ao sistema que España sexa unha nación ou unha nación de nacións ou que en Galiza nos consideremos unha nación ou unha rexión? Que necesidade hai de que as nosas leis nos provoquen esta empanada mental, da cal, como xa notaría o sufrido público lector, dá fe este artigo?
Levamos máis de catro décadas de democracia e seguimos discutindo sobre as nosas esencias patrias cruzadas, nun debate circular e tedioso
Na súa Constitución Federal, a Confederación Suíza descríbese sobriamente como o conxunto formado polo pobo e os cantóns. A lei fundamental só emprega o adxectivo “nacional” en relación con algúns asuntos concretos, como a cámara baixa (o Consello Nacional), as linguas (todas elas nacionais), as estradas, o banco central, o sistema fiscal ou a defensa. Un dos cantóns que integran a Confederación é o de Berna, en cuxa Constitución se define a si mesmo como un Estado de dereito liberal, democrático e social. Alén disto, aos lexisladores federal e cantonal non parece interesarlles demasiado filosofar sobre que diantre son a Confederación Suíza e o Cantón de Berna. Para iso xa están os filósofos, a quen ninguén que teña o máis mínimo aprecio pola vida permite escribir leis fundamentais.
Se a tortilla de pataca é un produto nacional español, por que retorcida razón xurídica e lingüística non ía ser o polbo á feira un prato nacional galego?
Aquí, entrementres, levamos máis de catro décadas de democracia e seguimos discutindo sobre as nosas esencias patrias cruzadas, nun debate circular e tedioso en que, por obra e graza do pensamento dominante, as exquisitas olivas españolas son provistas dunha lustrosa aura nacional, mentres o noso leite, de cuxa alta calidade tampouco adoita dubidar ninguén, debe conformarse cun administrativo e esluído carácter autonómico. Talvez chegou o momento de falarmos con desenfadada irreverencia da tortilla estatal, a ver se alguén en Madrid ou en Compostela ou en Arteixo se dá por aludido, reinvidica a españolidade de tan xenial invento culinario e se lembra, de paso, de recapacitar. Se a tortilla de pataca é un produto nacional español, por que retorcida razón xurídica e lingüística non ía ser o polbo á feira un prato nacional galego?