A poucos días dos comicios apenas hai espazo nos medios de comunicación alén das enquisas, as declaracións de candidatas e voceiras, as promesas. O respiro do Día das Letras, as pensións do Parlamento Europeo ou ecos dunha guerra en Ucraína que xa non asusta, abondan para completar as portadas.
As menores de idade, as anciás, as presas e as doentes son parte desta nosa sociedade. Esquécenos. Non producen, logo non votan, logo non contan
Os partidos presentan programas infalibles que sandarán á sociedade de todos os males cales cervantinos bálsamos de Fierabrás. Sigo atenta o que contan porque estou convencida de que o que se nos promete di tanto ou máis de quen lanza a oferta como de quen a recibe. Os cartos van sempre no primeiro posto. Cada partido, sexa da ideoloxía que sexa, procura convencer de que a vida particular de cada quen será mellor baixo a súa batuta, sobre todo a curto prazo.
Mais hai unha fenda inmensa, invisible cal elefante rosa no medio da sala, que non vemos porque non concibimos nin nos interesa nin convén. Non hai ofertas para quen non vota.
Preto de trinta e sete millóns de persoas estamos chamadas a decidir o domingo 28. Arredor de doce millóns de cidadás e cidadáns non teñen ese dereito. Trátase, por suposto, nunha alta porcentaxe de menores de idade. Pero tamén de persoas con penas de privación da liberdade ou con doenzas mentais. O cadro complétano as que teñen o dereito mais non a capacidade: persoas anciás, doentes incapacitadas temporal ou permanentemente malia non estar legalmente eliminadas do censo electoral. Figurarán como abstinentes sen lle dar máis voltas.
As menores de idade, as anciás, as presas e as doentes son parte desta nosa sociedade. Esquécenos. Non producen, logo non votan, logo non contan.
A Xunta envía pacientes psiquiátricos non anciáns ás residencias de maiores. Aboian tímidas protestas centradas no problema de convivencia que isto xera. Case nada se di do abandono médico, da violencia que supón para esas e eses doentes.
Hai que votar, tamén, por quen non pode facelo. Non somos sociedade se non contamos todas. Deixo as migrantes para outro día. Ese é outro gran elefante rosa
Acompaño a consulta nun psiquiátrico e conclúo que se non padeces de ansiedade á chegada necesariamente hala sufrir ao marchar, vistos o trato, o estado do edificio e os medios e persoal insuficientes. Doentes de terceira clase, estigmatizadas e abandonadas polo sistema, que non votan.
Achégome a unha penitenciaría para impartir un taller a reclusas e constato a súa inexistencia para a sociedade. Os cárceres non son centros de recuperación de persoas, son só lugares onde agochalas, privadas do sufraxio.
Reviso as propostas dos partidos para a infancia e a mocidade e comprobo que case todas van orientadas ás adultas responsables delas, as que votan.
Dicía no meu anterior artigo que convén votar malia a tremenda imperfección do sistema. Engado hoxe que hai que votar, tamén, por quen non pode facelo. Non somos sociedade se non contamos todas. Deixo as migrantes para outro día. Ese é outro gran elefante rosa.