A patria é unha silveira?

Adoito desprázome dende Euskal Herria, onde me aposentei como emigrante en 1973, ao meu pobo natal, Quiroga, nas beiras da Ribeira Sacra, no Sul de Lugo. Sempre vou ledo, con latexos devecidos por ollar e gozar da patria, que os emigrantes sublimamos como un edén afastado na distancia e próximo no corazón e na mente.

A crúa realidade desa bisbarra, deixada da man de Deus e dos homes, sométenos a unha dura proba. Preguntamos por amigos e coñecidos. Algúns morreron e outros, máis novos, emigraron coma noutrora fixemos nós. Cada vez máis aldeas fican abandonadas ou están a piques de facelo. Os comentarios son desacougantes, pois amosan desencanto, desespero e resignación, con dúas frases que se repiten como un teimudo mantra:”Isto vaise ó carallo” e “Éche o que hai”. Os poucos habitantes das aldeas semellan cervos feridos ollando nostálxicos un luar morriñento.

O desmantelamento dos centros sanitarios comarcais semella evidente. Os parladoiros da radio galega son monocordes e monocromos. Os albares e colmeas son atacados por osos e velutinas, a avispiña xa chegou aos soutos, as viñas padeceron xeadas no 2017 e  saraibadas e pragas de mildeu e blak rot no 2018. Menos mal que a couza non asoballou as patacas, polo de agora. Hai moito que mellorar no aproveitamento progresivo e integral dos recursos: viño, aceite, castañas, cogomelos, soutos, montes, gando. 

Agás na Seara, na Teixeira, en Visuña, e pouco máis, é difícil atopar buleiras de vacas nas aldeas.  As sombrizas ourelas  dos ríos sen limpar e as troitas sen ollar o sol. A riqueza monumental sen explotar, moitas en estado ruinoso como o fermoso mosteiro de San Paio de Abeleda e outras sen escavar: igrexas, mosteiros, xeoloxía, castros, minas romanas. As louseiras, a única industria case exclusivamente extractiva, aínda non se recuperaron da burbulla inmobiliaria. Por certo, da lousa poden derivarse industrias produtivas farmacéuticas, estéticas, culinarias, de paneis solares etc.  O turismo medra progresivamente e  non cabe negar que é importante acadar o recoñecemento do xeoparque Montañas do Courel e a declaración de patrimonio da Humanidade pola UNESCO para a Ribeira Sacra.  Pero a economía non debe  fundamentarse só no turismo, pois os entendidos avisan que é un sector económico aleatorio, veleidoso e estacional. So unha industrialización integral é capaz de xerar riqueza permanente e fixar a poboación no territorio.

A alta produción de enerxía hidroeléctrica e e as perspectiva da eólica non crea abundantes postos estables de traballo, so ingresos para algúns particulares e para concellos que os poden xestionar de maneira opaca. Ademais, a meirande parte desa produción expórtase en condicións de intercambio colonial,  de tal xeito que o recibo da luz é tan caro no lugar de orixe como no de consumo exterior. Se son sincero, debo confesar que atopei un sinal positivo, contrario ao que acontece en Galiza, en xeral. As institucións empregan o idioma galego nos documentos e carteis públicos e meirande parte da poboación aínda o fala, malia que  sobrevive  o costume por parte dos pais de falarlle ás crianzas na lingua cervantina, que máis ben semella o castrapo, que denunciaba Ánxel Fole, escritor tan apreciado por estas terras “bravas, con lus do candil e pautos co demo”. Dicíame un amigo: “Cada vello que morre, un voto menos pró PP”. Eu retruqueille: “Si, é certo, pero un galego falante menos prá Galiza”.

Un estudo longo, concienciudo e rigoroso de dous profesores da Universidade de Vigo, Alberte Xosé Pazo Labrador e Mª Pilar Moragón Arias encol da demografía galega, publicado este ano, utiliza o termo “Demotanasia”, que pode aplicarse perfectamente a situación do Sul de Lugo, pois conflúen nela catro problemas interdependentes: emigración da xuventude, despoboamento do rural, envellecemento da poboación e maior cantidade de mortes ca de nacementos, unha verdadeira catástrofe demográfica de imprevisibles consecuencias. Un aprendeu na escola e na lectura dos vellos e sabios galeguistas, que moito e ben nos ensinaron, e ás veces lembra a D. Vicente Risco, cando afirmaba:  “Galicia é un país que fai todo o posible por desaparecer e non o logra”, afortunadamente engado eu, pois son moderadamente optimista de vontade, como era o grande amigo, Manuel María.

Máis irónico amosábase Xaquín Marín nunha das súas maxistrais viñetas, inserida na VOZ o 20 de agosto deste ano, festa do San Xoan Degolado, nas Farrapas, Bendilló, Quiroga. O Isolino dicíalle a uns turistas:”Somos un país, que non quere ser país, e que é o único que pide desculpas por ser un país”. Certamente falla dignidade e orgullo de seu e sobra resignación e complexo do colonizado, que tan ben describiron Frantz Fanon e sobre todo Albert Memmi no Retrato do colonizado.

Cito a unha grande amiga, Pilar García Negrio:”Ler no alfabeto da Terra. Coñecela para amala e para defendela. Superar o auto-odio. Adquirir a autoestima colectiva que define os povos normais. Rachar de vez coa naturalidade da nosa “diferenza” negativa-inferior. Orgullarse -coñecéndoa- da nosa arte. Practicar a iconoclastia con tanto ídolo estranxeiro e mimético no canto de aplicala a nós proprios. Todo isto existe e caracteriza outras culturas, outras sociedades. Canto gañaríamos, pensei, galegas e galegos de hoxe, se désemos revirado a lousa da indiferenza (cando non da declarada minusvaloración) e nos dedicásemos a coñecérmonos un algo mellor, imprescindíbel paso para poder respeitar, amar e facer a propaganda debida de nós, para nativos e alleos” (Terra e Tempo, 17-9-2018)

Estiven parolando de vagar con un labrego, carpinteiro, de vocación viñateira, amigo meu, novo, con sensibilidade nacionalista, que escasea na bisbarra, encol desta desfeita na zona. Eu animábao a non desesperar, pois a vida dun pobo é longa, mentres a das persoas é curta. Había que sementar e traballar arreo coa esperanza posta no rexurdir da patria. A súa resposta desencantada deixoume pensativo e foi a que me inspirou o título desta colaboración: “!A patria!, !ai, a patria!, !a patria é unha silveira!”. O uso da verba silveira emprégase en Quiroga para sinalar unha leira, que foi traballada, pero ó abandonala, apodéranse dela as silvas sen remedio e fica improdutiva para sempre.

Algún perspicaz lector probablemente me acuse de pesimista e negativista. Mais debo confesar que tamén albisco lenes sinais de esperanza: percíbese un notable dinamismo económico na zona costeira principalmente, aumentan en intensidade e calidade as reivindicacións femininas e sociais en xeral, algunhas forzas políticas expresan con claridade as eivas que aflixen o país,  reclámanse medidas reais e atinadas contra as vagas incendiarias, claman os traballadores do ente contra a manipulación da RTVG, os doentes e a cidadanía non atura a privatización e  desmantelamento do sector sanitario, hai un forte sentimento de compromiso nunha parte importante da xuventude, increméntanse as voces que esixen medidas urxentes e efectivas contra a inminente catástrofe demográfica, non se cala fronte ás agresións sexuais ou os ataques a lingua galega, ferve a conciencia nacional no Día da Patria e no Día de Galiza Mártir, esponxan o corazón actos de Vía Galega e de outras plataformas cívicas, as conversas coas persoas con conciencia, dignidade e orgullo de país xiran arredor da súa problemática e do imprescindible traballo comunal e solidario para levantar o país ao lugar que merece estar no concerto das nacións que enfeitizan o mundo que nos toca vivir e a necesidade de deixalo habitable ás vindeiras xeracións. É máis: atopamos paradigmas magníficos concretos de que o cambio é posible,  modelo Allariz, ou está en vías de acontecer, caso da Pobra do Brollón. 

Négome a que a miña patria sexa unha silveira e que sexa o restroballo de Europa. Ergamos a bandeira da esperanza e poñámonos todos xuntos, os bos e xenerosos, a levantar este país. Hai unha “Vía Galega” para acadar a soberanía.

Sumémonos aos desexos dos últimos cinco versos deste poema, froito dunha noite saudosa de verán a cargo deste humilde vate aficionado:

“Galiza, sombra fuxidía,
ves e vas no meu afán,
unha veces con dozura,
outras con fonda tristura.
Renego da desventura
e das feridas que che fan,
pola noite  coiteladas,
polo día labazadas.
Galiza, patria da silveira,
arrólaste en pólas de oliveira,
esqueces os fitos da túa xeira.
!Esperta do sono desta volta!
!Colle folgos pra carreira,
e camiña en aturuxos de revolta!.
!Deixa de asolagar solpores
e abala bandeiras e albores!”

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.