Let us have peace (“teñamos paz”) Epitafio na tumba de Ulysses S. Grant
Durante a guerra civil norteamericana os dous bandos tiñan tan clara a súa superioridade sobre o inimigo que durante toda a contenda os demócratas mantiveron a capital en Washington e os escravistas en Richmond. Apenas 105 millas separaban as dúas capitais, vulnerables polo tanto en función de calquera contratempo no campo de batalla. De feito, máis dunha vez os confederais estiveron ás portas de Washington, pondo en perigo a supervivencia das autoridades federais.
A análise histórica ten a avantaxe de escribirse a posteriori co cal sempre se afonda na argumentación axustada ao resultado. Iso xera unha visión ‘científica’ da análise xustificativa e impecable. Todo encaixa. Pero non deberiamos facernos trampas a nós mesmos. En máis dunha vez os resultados dunha contenda política acaban dunha forma, pero podían perfectamente acabar da forma contraria. A guerra de secesión é sen dúbida a primeira guerra (contemporánea) xusta, pois Lincoln soubo imprimir a unha guerra que tiña a súa base nas contradicións dos diferentes modelos produtivos do Norte e do Sur, un ideal humanista e ético, ao sumar a loita pola liberdade e a dignidade das persoas (democracia e dereitos humanos); pero esa guerra perfectamente puidérona perder en diferentes momentos os federais.
Ademais, a democracia é o mellor sistema político para a harmonización das sociedades, pero un sistema onde as contradicións vólvense debilidades en caso dun conflito contra un adversario que se move fóra das regras das mesmas.
Durante os primeiros anos da contenda á fronte dos exércitos da Unión estaba George B. McClellan. As súas simpatías polas demandas sureñas e as súas posicións de antepor unha negociación co Sur -que mantivese o ‘status quo’ vixente- á vitoria, alargou innecesariamente a guerra e puxo en máis dunha dificultade á administración de Lincoln. Tras a súa substitución, e aínda en pleno conflito, enfrontouse nas presidenciais contra Lincoln en 1864. Nunca se saberá que tería pasado no caso de que o candidato McClellan gañase aquelas eleccións, pero podemos imaxinalo.
Case 80 anos despois, en Europa, os líderes británico e francés pactaban con Hitler e Mussolini a modificación de fronteiras en Europa co “Tratado de Múnic”. A escusa era a mesma que defendera durante o conflito americano McClellan e unha boa parte dos congresistas: a necesidade de ceder para evitar o conflito e así acadar a paz.
Chamberlain e Daladier, que xa se puxeran de perfil fronte á intervención italiana e alemá no conflito español, pensaban que cedendo Os Sudetes ao III Reich saciábase o apetito de Hitler.
Ao presidente de Checoslovaquia, Edvar Benes, ao que nin tan sequera se lle deixo entrar na reunión na que troceaban o seu país, Chamberlain chégolle a recriminar a súa actitude -de dignidade nacional- coa sentenza “os dereitos de Checoslovaquia sobre Os Sudetes non poden por en perigo a paz”. Menos dun ano despois Checoslovaquia era invadida polos exércitos do III Reich e o maior holocausto contemporáneo estaba en marcha.
Algúns amigos da esquerda deberían de deixar de soñar esperto coa pantasma da URSS pois a Rusia actual só se parece á URSS na conculcación de dereitos civís. Putin é o peor dos dous mundos: a inxustiza do capitalismo e o totalitarismo do estalinismo
O ‘pacifista’ Chamberlain, non contento, seguiu conspirando para chegar a un acordo co totalitarismo alemán, boicoteou o goberno de Churchill e mesmo estivo a piques de promover unha moción de censura contra o primeiro ministro británico que en caso de trunfar nunca saberiamos como cambiaría o curso da II guerra mundial, pero podemos imaxinalo.
Uns anos despois, a finais de 1944, cando a II Guerra Mundial avanzaba cara ao seu fin, Churchill e Stalin - ás costas de Roosevelt ocupado en revalidar o seu cargo nas eleccións presidenciais americanas- chegaron a un acordo, onde se repartiron as áreas de influencia, posteriores á guerra, no Mediterráneo Oriental e na rexión dos Balcáns.
Dito acordo foi unha ignominia para os pobos do Sur de Europa, deixaba claro os intereses expansionistas de Rusia, aseguraba un papel hexemónico de Reino Unido na nova orde internacional, e simbolizaba unha forma de facer política marcada pola raposería de líderes carentes de ética, -Roosevelt resulto ser o líder máis honrado que se embarcou naquela guerra- a falta de transparencia e a ausencia de control cívico e democrático.
O acordo da noite do 9 de outubro de 1944 en Moscova, plasmado sobre un anaco de papel que Stalin decidiu conservar, foi desmentido por británicos e rusos durante anos ata que en 1972 saíu á luz coa desclasificación de informes reservados británicos.
Un ano despois a “Conferencia de Ialta” ratificou, cun Roosevelt enfermo, a repartición do mundo por zonas hexemónicas que serviu para asentar a idea da soberanía limitada aplicada por Moscova até a chegada de Gorvachov.
Putin leva tempo tentando reconstruír o mundo saído da “Conferencia de Ialta”, desaparecido coa caída do muro de Berlín, tal como indica a investigadora Carmen Claudín.
Algúns amigos da esquerda deberían de deixar de soñar esperto coa pantasma da URSS pois a Rusia actual só parécese á URSS na conculcación de dereitos civís (mesmo coa eliminación física dos seus disidentes). Putin é o peor dos dous mundos: a inxustiza do capitalismo e o totalitarismo do estalinismo.
Calquera iniciativa que persiga reconducir a actual situación prebélica cara á paz sempre será desexable pero o anhelo pacifista non pode aceptar a modificación das actuais fronteiras nacionais, sen contar coas autoridades e o pobo concernido
Para o réxime ruso os inimigos de Rusia ou axentes estranxeiros van desde unha asociación contra a violencia de xero até un cineclub, pasando polos colectivos LGTBI. No seu mundo, re-visitación de Ialta, non é permisible que os cidadáns ucraínos, búlgaros ou bielorrusos poidan elixir libremente aos seus gobernantes, se estes non aceptan estar baixo a influencia neocolonial do antigo imperio. En 20 anos Putin ten masacrado Chechenia, invadido Xeorxia (creando países - Abjasia e Osetia do Sur- soamente recoñecidos por Rusia) e Bielorrusia mantendo gobernos monicreques e participou para manter a Al-Ásad en Siria, convertendo un inicial conflito civil nun armado.
A xente de paz en xeral, e os pacifistas en particular, deberían lembrar que a paz é a meta e que o pacifismo non é un fin en si mesmo, senón unha estratexia e un compromiso ético, baleiro de contido se se desliga dos ideais de liberdade e xustiza, de democracia e dereitos humanos.
Calquera iniciativa que persiga reconducir a actual situación prebélica cara á paz sempre será desexable pero o anhelo pacifista non pode aceptar a modificación das actuais fronteiras nacionais, sen contar coas autoridades e o pobo concernido, á conta de acougar as pretensións hexemónicas dunha gran potencia con réxime totalitario, tal como fixeron no seu día Chamberlain e Daladier para saciar o apetito de Hitler (“Tratado de Múnic”). Moito menos aceptar unha nova partición de áreas de influencia mundiais e recuperar a idea, xa abandonada, da soberanía limitada de terceiros países (“Conferencia de Ialta”).
Nun mundo cada vez máis complexo o primeiro que deben facer pacifistas e demócratas é saber en que lado da trincheira están. Moitas veces a sensación é que a maioría dos sectores progresistas non saben ben cal é o seu lugar
Non debemos esquecer os ensinos históricos que nos advirten de que ao axeonllarse fronte ao tirano non aseguras a paz senón a expansión do seu ‘construto’ totalitario.
As democracias teñen ante si múltiples perigos, algún froito da súa incapacidade de integración de novos sectores e demandas interiores, e algúns exteriores do xurdimento dos novos totalitarismos tecnolóxicos; pero os demócratas non deben perder a perspectiva de que o seu modelo é vulnerable en caso de conflito pois as súas regras de xogo permiten ao inimigo a intervención política, mentres que no outro lado da trincheira prodúcese, aí si, unha eliminación sistemática do adversario.
Nun mundo cada vez máis complexo o primeiro que deben facer pacifistas e demócratas é saber en que lado da trincheira están. Moitas veces a sensación é que a maioría dos sectores progresistas non saben ben cal é o seu lugar.