"A Transición non foi un paso da ditadura á democracia, senón unha mudanza de pel para que os que están por riba, seguisen a mandar desde a cova.
PRÓLOGO: Anatomía dunha Demolición
Este caderno que hoxe chega ás túas mans non nace dunha visión mística nin dun delirio profético; os ateos, por coherencia, temos prohibido o consolo das profecías. Este ensaio é, en realidade, unha auditoría; unha autopsia practicada con navalla de barbeiro sobre o cadáver dunha realidade que xa no se pode explicar desde os manuais de dereito constitucional, nin desde a retórica anestesiada dos telexornais. No momento en que o redacto, a verdade só é accesible mediante unha crónica forense.
Se a famosa Navalla de Ockham nos di que a explicación máis sinxela adoita ser a verdadeira, o sistema aplicouna de xeito perverso: fabricou unha verdade simple e oficial para que non miremos o que hai debaixo. Pero estas páxinas non buscan a simplicidade, buscan a incisión. Mentres o núcleo duro do Estado desprega a súa néboa de algoritmos e o seu balbordo mediático para camuflar o espolio definitivo de Galicia, este texto eríxese como un virus de resistencia para documentar unha ocupación silenciosa.
O que hoxe denomino Protectorado é a estrutura de poder que opera por riba das institucións: unha alianza de intereses entre os donos do taboleiro de Madrid (elites da oligarquía, cúpula xudicial e estrategos da intelixencia) e os seus delegados en San Caetano.
Esta arquitectura do segredo deixa de ser unha sospeita para converterse en proba física coa figura do coronel Alberto Perote1. O que foi xefe de Operacións do CESID non era un servidor público, era o arquiveiro dunha estafa. As súas microfichas son o inventario real deste entarimado: unha crónica de escoitas, chantaxes e o deseño dunha paz social mantida con dossiers mentres se procedía ao espolio.
As desclasificacións de febreiro de 2026 (sacadas á luz baixo o signo da censura e a ocultación selectiva) actúan como a voadura controlada dun mito: o 23-F non foi o bautismo da democracia, senón a consolidación deste vicerreinado a través da 'Operación De Gaulle'1. A Coroa, desde os vellos negocios de Alfonso XIII ata a xestión que o Emérito fixo das comisións do cru saudita, operou sempre como o contable de segredos do Sistema. Hoxe, Filipe VI actúa como o perito que tenta botar lixivia a un apelido vinculado á impunidade, mentres o Estado mantén a Galicia como unha simple garantía de pago. É o Búnker simbólico que protexe a expropiación material.
Esta estrutura incombustible non finou co “interludio do ditador”; simplemente mudou de pel. Cambiaron o azul falanxista polo gris tecnócrata e aprenderon a conxugar a palabra "liberdade" mentres gardaban as chaves de todas as portas.
Aquí debullo a fraude que se cociñou no congreso do PSOE de 1974 e se serviu fría nos sotos do SECED/CESID/CNI2, onde o medo foi sempre a ferramenta de traballo. O relato viaxa desde a ostentación dos iates en Mallorca ata o lawfare de última xeración, onde a toga xa non busca xustiza, senón que actúa como mazo para esmagar a quen faga preguntas incómodas.
O meu obxectivo é levantar acta deste saqueo en tempo real. Ao longo destas páxinas, imos descender desde os despachos de moqueta ata as cloacas da guerra sucia; desde o iate de Marcial Dorado1, onde se selou o pecado orixinal das elites galegas, ata as veigas da Ulloa, onde unha multinacional pretendía converter a nosa auga en pasta de papel. É a versión contemporánea do desposuimento: para o pobo queda o fume e o eucalipto; para eles, o dividendo.
A Transición desvélase por fin como o que sempre foi: un contrato de alugueiro con dereito a patada na porta. O Estado compórtase como un portaavións ancorado, onde o dono de Langley cobra o recibo, mentres o veciño de Rabat proba se a porta da casa abre coas súas chaves. Todo isto mentres a propia intelixencia hispana, nunha versión máis propia de Mortadelo e Filemón, fracasa intentando xogar ao mesmo no tellado alleo.
Escribo para evitar que, no momento en que este xigante de barro comece a fenderse, os culpables busquen refuxio na ignorancia. Como non creo en tribunais divinos, propoño este rexistro minucioso de nomes, métodos e traizóns. Esta é a crónica do tempo en que nos mandaron calar polo noso propio ben. Benvidos ao inventario dos cara de pedra; que ninguén poida dicir, se é que algún día isto colapsa, que non sabía quen sostiña a picaraña mentres derrubaban a nosa casa.
Este caderno non é unha lectura de entretemento. É un inventario de responsabilidades. Se estás a ler isto e a túa reacción é buscar unha explicación que che devolva á comodidade do teu sofá, o sistema aínda te ten. Se, pola contra, sentes que a picaraña que derruba a nosa casa tamén a levas ti na man pola túa silenciosa aceptación, entón, e só entón, estás preparado para ler o que virá a continuación, hoxe pero tamén nas próximas semanas.
Tremoia I
O Álibi do Chumbo: A Disidencia como Materia Prima do Réxime
A Transición non foi ese idílico paseo cara á liberdade que hoxe nos vende a historiografía de consumo masivo; foi, en realidade, un campo de minas gatopardistas. Un escenario onde a estrutura de poder tivo a perversa delicadeza de exercer, simultaneamente, de artificieiro e de provedor do explosivo. Para que o deseño de 1978 fose aceptado sen retrucar por unha sociedade exhausta, a “intelixencia” daquela comprendeu que o medo debía ser a temperatura ambiente de cada fogar: unha sorte de calefacción central de patíbulo que, mentres mantiña os corpos quedos, envelenaba o aire con secuelas de longa duración.
As nacións que conforman este dominio tutelado (Euskadi, Cataluña, Galicia ou Canarias), xunto aos núcleos de resistencia republicana, non foron tratados como simples problemas de orde pública. Foron os alumnos dunha pedagoxía do terror administrada con meticuloso agarimo desde as entrañas do ministerio de Interior. O aparello, na súa infinita sabedoría de supervivencia, nunca buscou a paz; esa entelequia aburrida conxela os orzamentos de defensa e desactiva as partidas ocultas. O que realmente perseguía era a xestión estratéxica da violencia.
Tratábase de manter o lume o suficientemente vivo como para lexitimar a natureza autoritaria dunha soberanía que precisaba unha máscara democrática, recentemente adquirida nas rebaixas do congreso de Suresnes. Alí, co visto e prace do exterior e o beneplácito de potencias que preferían a estabilidade á xustiza, o réxime mudou o tricornio por unha chaqueta de pana que non manchaba, pero que abrigaba o mesmo autoritarismo de sempre. O mando descubriu cedo que non hai nada que amole máis a un pobo que un adversario fabricado a medida. Se ese inimigo non existía (ou cometía a imprudencia de querer desaparecer), os fontaneiros oficiais sempre podían baixar ás tubaxes do sistema, para mercar os compoñentes e montalo eles mesmos, seguindo as instrucións dos servizos secretos do Estado.
A disidencia deixou de ser unha ameaza real para converterse na peza indispensable da engrenaxe. Sen o "perigo separatista" ou o espantallo vermello, o aparello de represión carecía de obxecto social e, sobre todo, de xustificación orzamentaria. Así, a porta da sela deixouse aberta nun simulacro de liberdade, mentres se aseguraban de que a Benemérita ocupase cada palmo do corredor.
En Galicia sabemos ben que esta estratexia non caducou, senón que simplemente se sofisticou: a man dura foi substituída por “informes” de intelixencia, e a tortura física polo ostracismo civil e mediático. O obxectivo, porén, permanece intacto: que o administrado sinta que fóra dos muros desta tutela só habita o caos. Mentres tanto, alguén cociña o verdadeiro desorde a lume lento, operando con precisión de cirurxián na escuridade do antro.
Esta arquitectura do medo, onde o Estado opera como artificieiro da súa propia estabilidade, atopou en Galicia o seu terreo de proba máis sofisticado. Se o deseño da Transición esixía un laboratorio onde ensaiar a extracción da dignidade sen que o paciente espertase, ese lugar foi o Vigo de 1972.
Alí, a precisión de cirurxián que mencionamos deixou de ser unha metáfora para converterse en estratexia de exterminio político. O que sucedeu na ría non foi un conflito laboral máis; foi o momento exacto no que os fontaneiros do sistema baixaron ás tubaxes para cortar o nervio dunha nación que ameazaba con ser soberana pola vía dos feitos.
Tremoia II
O Laboratorio de Vigo: A Extracción da Dignidade (1972)
A Organización Obreira (OO) non foi unha excrecencia do azar nin un movemento que operase ao chou. Foi a resposta biolóxica e política dunha clase que entendeu, antes que ninguén, que a "Reforma" que se cociñaba nos despachos de Madrid non era unha liberación, senón un novo contrato de servidume. Mentres a esquerda de salón ensaiaba o xesto da rendición (esa "Reconciliación Nacional" que non era máis que un indulto preventivo para os verdugos, e unha submisión ao pactismo do PCE de Carrillo), en Vigo os obreiros exercían unha autonomía radical, que facía tremer os alicerces do "Estado profundo".
A OO naceu da ruptura coa burocracia sucursalista. Fronte ás Comisións Obreiras que buscaban reformar o Sindicato Vertical desde dentro, a Organización Obreira propuxo unha emenda á totalidade: a acción directa e a democracia de base. Foi nese fervedoiro onde a fouce e a estrela fundiron por primeira vez; a OO foi o crisol onde o marxismo-leninismo abrazou a cuestión nacional. Entenderon que a liberación do traballador galego era imposible sen a ruptura co centralismo colonial que extraía a plusvalía das nosas rías para alimentar os despachos da M-30. O nacionalismo de rúa, impulsado por cadros da UPG, pero non só por eles, foi o motor prohibido desta loita; a peza que Madrid tiña que crebar para que o deseño da Transición fose viable.
En setembro de 1972, Vigo non se detivo por unha simple solidariedade laboral. O que sucedeu en Citroën e nos estaleiros foi unha declaración de soberanía física. 30.000 traballadores na rúa foron o único "non" con graxa e sangue que recibiu o franquismo antes de camuflarse de demócrata. Foi o momento en que a serpe comprendeu que o metal galego era un perigo sistémico: unha forza que reivindicaba a autodeterminación desde o taller e que non recoñecía os novos xestores da "paz social" modelados dende o exterior.
Pero o sistema, no seu papel de forense e carniceiro, decidiu que esa rabia non podía quedar impune. A represión que seguiu non buscou a orde, buscou o exterminio da intelixencia obreira e a súa conciencia nacional. O persoal que máis pelexou, o que sementara a semente do que logo sería o sindicalismo nacionalista galego, foi sometido a unha pinza mortal. O Estado precisaba que esa combatividade fose extirpada do taller e confinada no código penal ou na clandestinidade asfixiante.
O desvío de traxectoria cara á OMLE e o posterior nacemento do PCE(r) e os GRAPO non foi un erro de cálculo. Foi o resultado dunha cacería. O Estado empurrou aos cadros máis lúcidos da OO cara á loita armada, para poder etiquetar a súa rebeldía como "terrorismo". Convertendo a loita de clases e a afirmación nacional nunha cuestión de "orde pública", o Protectorado logrou o seu obxectivo: que o país aceptase o espolio de Galicia, a cambio dunha seguridade tutelada baixo a ameaza do chumbo.
O sacrificio daquela xente de Vigo foi o que permitiu que hoxe a memoria de clase en Galicia non fose un simple apéndice de Madrid. Foron a vangarda que a democracia tivo que esmagar para poder nacer coas mans limpas e o soto cheo de segredos. Vigo 1972 é a ferida que proba que este sistema non naceu do consenso, senón dunha autopsia practicada sobre os que se negaron a baixar a cabeza, e a aceptar un socialismo de maletín e bandeira allea.
O baleiro como herdanza
O éxito do Laboratorio de Vigo non foi a derrota física de 1972, senón a orfandade que deixou tras de si. Ao extirpar a intelixencia da Organización Obreira e confinala no código penal, o Protectorado non só limpou as rúas, senón que baleirou o futuro. Deixou un oco na columna vertebral de Galicia (ese espazo onde o nacionalismo e a clase traballadora camiñaban xuntos), que só podía ser recheo con próteses de control.
Por esa ferida aberta entrarían nos anos seguintes as estratexias paralelas que analizaremos de seguido: o veleno que silenciou os barrios e o crédito que domesticou os fogares. O medo deixou de ser un tricornio na porta para converterse nunha cifra no extracto bancario. Vigo 1972 foi o "non" que o sistema tivo que silenciar, para que o resto de nós puidésemos aceptar, décadas despois, este "si" perpetuo ao espolio que hoxe chamamos normalidade.
O Retablo do Silencio: Carne e Capital na Trastenda da Democracia
A Transición española non foi máis que un entroido de amnésicos, un escenario onde a gangrena se tapou con seda mentres a orfandade que deixou o Laboratorio de Vigo era cuberta por unha política de exterminio silencioso. Baixo o verniz da concordia e o xuramento de Juan Carlos I, o Estado operou como un matadoiro que refinou o oficio do Caudillo, convertendo o sistema penitenciario nun funil deseñado para asfixiar a quen non marchase ao paso da oca democrática. Para militantes como a galega Dolores Castro Sáa ou o andaluz Juan Martín Luna1, o paso á democracia non foi unha liberación, senón o perfeccionamento dunha maquinaria de aniquilación onde o corpo do preso pasou a ser o territorio onde o Poder tatuaba, con sangue e ferro, a súa soberanía absoluta.
O bautismo nesta nova era foi, para moitos, unha caída polas escaleiras do tempo. A imaxe de Dolores Castro Sáa, torturada en 1979 baixo a custodia de Institucións Penitenciarias ata quedar feita un farrapo humano, é o retrato vivo dunha ferocidade que non se detivo ante nada. O sadismo tiña o seu epicentro en lugares como Herrera de la Mancha, onde os carcereiros recibían aos novos cunha liturxia de malleiras mentres os altofalantes berraban o himno da Lexión ou o "Cara al Sol", unha estampa da España profunda onde a democracia aínda levaba tricornio. Nese contexto, a detención do fontaneiro estremeño Francisco Téllez Luna non foi un exceso policial, senón o acto fundacional da monarquía: a criminalización da protesta como "campaña subversiva" mentres a policía rexistraba cisternas e sospeitaba de calquera que tivese libros en francés.
Esta xeografía do exterminio deixou un rastro de corpos e xustiza cega. Juan Martín Luna, símbolo da resistencia, acabou cunha bala na fronte en Barcelona baixo un "gatillo fácil" que cheiraba a execución sumaria, mentres o Estado deixaba que Juan José Crespo Galende se convertese nun esqueleto tras 97 días de folga de fame. Outros, como José España Vivas, aparecían "suicidados" con marcas de bota que os forenses se negaban a ver, amparados por unha impunidade de casta que Europa tivo que sinalar co dedo ao condenar sistematicamente a negativa do Estado a investigar as torturas. A violencia non era só bruta; ás veces era de corte inquisitorial, como cando lle queimaron as mans cun soplete a Fernando Hierro Chomón, unha amputación funcional deseñada para borrar a capacidade de resistencia de quen non se rendía.
Coa chegada do PSOE, a represión profesionalizouse a través da enxeñaría do abatemento. Inventouse o réxime FIES2 para converter ao preso nunha illa de nada, mergullado nun illamento absoluto onde se prohibía a linguaxe poética e se secuestraban libros de Miguel Hernández ou Lorca. Xa non facía falta romper os ósos se podías derreter o cerebro coa "química penitenciaria", administrando psicofármacos para fabricar zombis funcionais en celas de iluminación constante onde se buscaba a desintegración do eu. Se o preso teimaba en morrer de fame, aplicábase a alimentación forzada por un tubo no nariz, unha imaxe cruel para evitar que a foto do mártir estragase o informativo da noite.
O maior sarcasmo de todo este circo foi o negocio, o nacemento dun capitalismo carcerario que uniu o destino dos disidentes ao dividendo da oligarquía. O cárcere funcionou como un taller de escravos onde as presas cosían uniformes para El Corte Inglés ou subcontratas de Inditex, mentres nos módulos masculinos se montaban pezas para Renault, Seat ou IKEA. Chamáronlle reinserción ao que era, de toda a vida, man de obra barata sen dereitos, co Estado facendo de capataz para as elites empresariais a cambio de paz social. Este sistema blindouse ata o final, incluso cando os enviados do goberno se reunían en hoteis suízos para mover pezas nun taboleiro de cinismo puro, mentres o illamento seguía triturando vidas. A historia que une as mans queimadas de Hierro Chomón cos beneficios das grandes firmas é o auténtico retablo da Transición: a trastenda dun matadoiro onde se intentou que o silencio fose a única lei eterna.
O Funambulismo da Elite: A Reacción como Estratexia de Supervivencia
É un erro analizar a mudanza de réxime como un mecanismo de reloxería suíza deseñado cunha precisión milimétrica. Pola contra, a arquitectura de 1978 foi unha fuxida cara adiante; un exercicio de respostas espasmódicas ante unha rúa que desbordaba o núcleo irradiador franquista. As cúpulas do poder non dispoñían dun mapa claro, pero conservaban o instinto de ceder no accesorio para salvar o fundamental. Esta política de parches tivo os seus momentos de pánico, nos que o continuum (esa inercia autoritaria que sobreviviu ao ditador), tivo que sacrificar pezas e reconducir o descontrol mediante o uso estratéxico da violencia e as andrómenas.
O Caso Scala, en Barcelona, o 15 de xaneiro de 1978, é o exemplo máis descarado desta defensa reactiva. Ante o auxe dun anarcosindicalismo que ameazaba con rachar a paz social desde a base, as cloacas oficiais orquestraron mediante confidentes policiais un atentado que serviu para enlamar o movemento obreiro de ruptura. Casualmente, as catro vítimas eran militantes cenetistas: Bernabé Bravo, Diego Montoro, Juan López e Ramón Egea. Non foi un plan brillante, senón unha manobra desesperada para forzar o sindicalismo cara ás vías domesticadas de CCOO e UGT, garantindo así que a produción e os beneficios da oligarquía non perdesen o ritmo.
Do mesmo xeito, a matanza de Atocha, o 24 de xaneiro de 1977, funcionou como unha válvula de escape. O asasinato dos avogados laboralistas por parte da extrema dereita situou ao país ao bordo do abismo, nunha semana na que a policía mata ao estudante Arturo Ruíz nunha manifestación e, ao día a seguir, dispara un bote de fume noutra manifestación matando, tamén, a Mª Luz Nájera durante as protestas pola morte do estudante1. A saída política foi entón pragmática: a elite reformista entendeu que, para evitar unha revolución real, debía legalizar ao PCE2 a cambio de que este claudicase ante a Monarquía e a bandeira bicolor. O consenso non se orixinou do diálogo, senón do pavor ao desgoberno. Atocha foi o sacrificio de sangue necesario para que o pobo aceptase un acordo de mínimos por puro pánico ao retorno da contenda civil, permitindo que a vella garda seguise ocupando os despachos mentres a esquerda oficial celebraba unha liberdade vixiada.
Nesta mesma liña de brutalidade institucional, o instinto de conservación do aparello non tivo escrúpulos nin límites éticos. O Caso Almería en 1981, onde tres mozos (Juan Mañas Morales, Luís Montero García e Luís Manuel Cobo Mier) foron detidos, torturados ata a morte, mutilados e calcinados pola Benemérita ao seren confundidos con membros de ETA), amosou que a maquinaria represiva da ditadura seguía operando coa mesma ferocidade e impunidade de outrora. Foi o recordatorio sanguento de que, no funambulismo da transición, a rede de seguridade das elites sempre se tecía coa pel dos máis vulnerables
....continuará
Notas
1Alberto Perote Pellón: Coronel do Exército e figura central da intelixencia española, que exerceu como xefe da Agrupación Operativa de Misións Especiais do CESID (actual CNI). Perote non foi un simple servidor público, senón o «arquiveiro dunha estafa». A súa importancia radica na posesión de milleiros de microfichas e documentos (os chamados «papeis de Perote»), que constitúen un inventario real das cloacas do Estado: unha crónica sistemática de escoitas ilegais, chantaxes a figuras de alto nivel e a planificación de operacións de guerra sucia. A súa figura simboliza a xestión da información como ferramenta de control e o uso de dossiers para manter unha paz social artificial mentres se procedía ao espolio de recursos. Os seus arquivos son a proba física dunha democracia baixo titoría, onde os servizos secretos operaron como os fontaneiros encargados de blindar a impunidade das elites e garantir que a Transición fose unha «mudanza de pel» controlada, e non unha ruptura real coas estruturas do réxime anterior.
2 A denominada «Operación De Gaulle» constitúe o fito fundacional da "arquitectura do segredo" que debullo nesta crónica. Lonxe de ser unha simple manobra parlamentaria de urxencia, este plan (atribuído ao xeneral Armada) representou a estratexia definitiva do "Protectorado" para garantir a consolidación do vicerreinado monárquico mediante un "golpe de temón" controlado. Inspirada no ascenso de Charles de Gaulle en 1958, a operación pretendía instaurar un Goberno de Concentración Nacional presidido por un militar, integrando ás elites do "socialismo de moqueta" e á dereita tecnócrata baixo o pretexto de "salvar" a democracia. Segundo as desclasificacións de 2026, os tanques do 23-F non foron un erro, senón o atrezzo necesario para que a operación tivese éxito: o susto de morte serviu de lubricante histórico para que o país aceptase unha soberanía de baixa intensidade tutelada por Madrid e o Pentágono.
3 A estrutura dos servizos de intelixencia en España presenta unha liña de continuidade orgánica que atravesa a Transición. O proceso iníciase co SECED (Servicio Central de Documentación, 1972-1977), creado por Carrero Blanco para a infiltración e o control político. Tras a disolución deste, as súas funcións e arquivos integráronse no CESID (Centro Superior de Información de la Defensa, 1977-2002), organismo que protagonizou a xestión da información estratéxica e episodios de guerra sucia durante a consolidación democrática. Finalmente, en 2002, esta arquitectura institucional culmina coa creación do CNI (Centro Nacional de Inteligencia), que malia o seu novo marco legal e carácter civil, herda o capital operativo e as bases de datos acumuladas polas súas organizacións precedentes.
4 A figura de Marcial Dorado é o expoñente máximo do «pecado orixinal das elites galegas». Simbolizada na «iconografía do iate», non se trata dunha referencia biográfica illada, senón dunha metáfora do «berce do mando delegado». As fotografías de Núñez Feijoo co contrabandista son o selo dun pacto de silencio e convivencia entre o poder político e as estruturas económicas escuras nadas na Transición. Este vínculo situaría aos representantes institucionais como «reféns do seu pasado», obrigándoos a exercer unha soberanía tutelada que hoxe se traduce na entrega de recursos públicos (como o vento ou a auga) a intereses corporativos, nun proceso que semella a sofisticación administrativa da antiga «descarga ilegal».
5 O 3 de xullo de 1985, a Audiencia Provincial de Barcelona, condenaría aos tres policías que o 5 de decembro de 1982 mataron a tiros a Juan Martín Luna. A sentenza cualifica os feitos como un delito de homicidio ao concorrer un evidente animus necandi ou ánimo de matar, deducido por elementos obxectivos como as zonas vitais afectadas, a curta distancia e a insistencia do ataque armado. O tribunal desestima tanto a eximente de lexítima defensa (ao probarse que o falecido non tivo tempo de extraer a súa arma, e que o seu movemento foi un acto reflexo de sorpresa e non unha agresión), como a eximente completa de cumprimento do deber. A este respecto, considérase que a reacción dos inspectores de policía foi manifestamente desproporcionada, transformando dita circunstancia nunha eximente incompleta, debido ás contradicións nas declaracións dos procesados e á falta de correspondencia coa realidade física do suxeito, quen segundo os seus familiares era zurdo a diferenza do alegado pola versión policial. Aínda así, a sentenza sería ridícula: seis meses de prisión por homicidio.
6 O FIES (Ficheiro de Internos de Especial Seguimento) constitúe unha ferramenta administrativa de control, e non unha modalidade de tratamento ou sanción, destinada a monitorizar a aqueles reclusos cuxo perfil ou traxectoria supoñan un risco potencial para a seguridade do centro. A inclusión dun interno neste ficheiro comporta unha restricción efectiva da súa esfera de privacidade e movemento, xa que autoriza a intervención sistemática das súas comunicacións postais e telefónicas, así como a intensificación dos rexistros en celas e os cacheados preventivos. Así mesmo, este réxime de vixilancia especial tradúcese habitualmente nunha limitación da participación en actividades comunitarias e nunha política de traslados frecuentes entre establecementos penitenciarios, co obxectivo de previr a creación de redes de influencia ou liderados internos que poidan comprometer a orde ou a integridade dos funcionarios e do resto da poboación política.
7 Ao mesmo tempo, durante aquela semana, o GRAPO secuestraba ao xeneral Villaescusa mentres mantiñan secuestrado a Antonio María de Oriol y Urquijo. Todo isto conformou o que se deu en denominar a Semana Negra.
8 O PCE (Partido Comunista de España) operou como a columna vertebral do "consenso" na Transición, asumindo un papel de autovixilancia que resultou fundamental para a estabilidade do novo réxime. Tras a súa legalización en 1977, a dirección de Santiago Carrillo non só aceptou formalmente a Monarquía e a bandeira bicolor, senón que despregou os seus propios servizos de orde nas manifestacións. Estes grupos de militantes, adestrados para evitar calquera consigna ou acción "provocadora" que puidese servir de pretexto para unha intervención militar, acabaron exercendo unha función para-policial que moitas veces chocaba coas correntes máis combativas. Esta mutación de "vimbio da revolución" en "servizo de seguridade do Estado" foi especialmente traumática en Galicia, onde os obreiros de Vigo vinculados á Organización Obrera (OO) viron como o PCE utilizaba a súa estrutura para asfixiar a loita de clases fóra das canles institucionais. Así, mentres a DGS e o SECED monitorizaban as rúas desde a distancia, o propio PCE actuaba como primeiro filtro represivo interno, garantindo que o descontento social non desbordase os límites dos Pactos da Moncloa. Este proceso de institucionalización forzada foi o que catalizou o nacemento do PCE(r) e outros grupos radicais, que interpretaron o papel dos Servizos de Orde como a proba definitiva da capitulación do partido ante as elites económicas da oligarquía e o aparato herdado da ditadura.