Tremoia IV
A figura de José Barrionuevo é inseparable do nacemento dos GAL (Grupos Antiterroristas de Liberación). El foi o elo que uniu a moqueta dos despachos de La Moncloa cos sotos onde os vellos axentes da policía franquista executaban o terrorismo de Estado. A súa condena en 1998 polo secuestro de Segundo Marey1 foi o recoñecemento xudicial dunha realidade: o felipismo decidiu que para defender a democracia era lexítimo usar os mesmos métodos e homes que a ditadura utilizara para esmagala.
Nesta engrenaxe, figuras como José Amedo2 e Michel Domínguez3 foron as pezas indispensables da execución técnica, operando na órbita da xefatura de Bilbao e baixo a dirección de mandos que, coma o comisario Antonio Rosino Blanco, acabarían ironicamente destinados en cidades coma Vigo. Eles representaron a cara operativa dunha impunidade alimentada polos fondos reservados do Ministerio do Interior; un caudal de diñeiro sen control parlamentario que serviu para recrutar mercenarios e mafiosos no sur de Francia co fin de rebentar o "santuario" de ETA. Amedo, coas súas conexións no submundo de Bilbao, e Domínguez, o seu fiel escudeiro, personificaron unha estrutura que diluía a fronteira entre a lei e o crime, operando baixo a supervisión dunha cúpula política composta por Rafael Vera, o cerebro loxístico, e Julián Sancristóbal.
Barrionuevo non foi un simple espectador desta reciclaxe; foi o seu comisario político e o seu protector. Baixo o seu mando, o Estado non só perseguiu o terrorismo, senón que institucionalizou unha "guerra sucia" que deixou 27 asasinatos e unha democracia ferida pola sombra do "Señor X". El transformou os residuos do anterior réxime nunha garda pretoriana que, convencida de estar por riba da lei pola graza do Ministro, acabaría inoculando o virus da extorsión e a espionaxe que hoxe asociamos ao comisario Villarejo.
A liñaxe continuou porque Barrionuevo lles asegurou, cunha autoridade case nobiliaria, que pasase o que pasase, eles sempre serian "os nosos". Esta escola de arbitrariedade e o uso de cloacas estatais foron o caldo de cultivo para un modelo de policía política que non desapareceu coas condenas; simplemente refinouse. Mesmo tras a caída de Amedo e Domínguez (quen acabarían confesando ao sentirse abandonados polo sistema), a súa estela serviu como prólogo dunha estratexia de control e sombras que seguiría servindo ao poder desde os sumidoiros do Estado.
A Liñaxe de Terror: Dos GAL a Villarejo
Esta xenealoxía policial é a que fía, sen fisuras, o terrorismo de Estado dos GAL coas modernas tramas de extorsión do comisario Villarejo. A filosofía de traballo é idéntica: a premisa de que o Estado posúe un "perímetro de excepción" onde a lei non ten xurisdición; un espazo de tebras onde a salvagarda das elites xustifica calquera crime.
A Brigada Político-Social nunca foi depurada; simplemente profesionalizouse. Privatizou as súas redes de influencia e converteuse nunha intelixencia paralela que hoxe opera, con igual comodidade, nos consellos de administración de grandes empresas que nos despachos de espionaxe política. A democracia non acabou coa "Social"; deulle un verniz de modernidade e un salvoconducto renovado.
O Relevo: Corcuera e a "Patada na Porta"
Tras a etapa de Barrionuevo, tomou o relevo José Luis Corcuera4. Se o primeiro representaba a impunidade señorial, Corcuera encarnaba o autoritarismo pragmático do sindicalista reconvertido en gardián da orde. A súa gran contribución a esta arquitectura na sombra foi a Lei de Seguridade Cidadá de 1992, a famosa "Lei da patada na porta". Coa escusa da loita contra o crime, o felipismo tentou legalizar o que a vella policía facía na escuridade: violar a intimidade do domicilio sen permiso xudicial, institucionalizando o "todo vale".
Hoxe, lonxe de retirarse ao silencio discreto que a prudencia ditaría, Corcuera habita os estudios de televisión e os faladoiros máis conservadores como un personaxe extemporáneo. Converteuse nunha sorte de oráculo espiritual onde, nas suas intervencións, arenga co seu ton rudo e sen concesións. Dedica o seu retiro a repartir carnés de constitucionalismo e a atacar calquera movemento que cheire a cambio, como se aínda portara aquela placa ministerial que lle permitía decidir quen era sospeitoso e quen non. O home que quixo abrir as portas das casas á forza agora intenta pechar as portas do futuro, con análises que destilan a mesma soberbia que os fondos reservados.
A Mutación Final: O Felipismo como Reserva Espiritual da Dereita
Esta casta ministerial e política non se extinguiu coas súas siglas; mudou nunha sorte de "consello de anciáns" que opera dende os debates televisivos e os foros de pensamento conservador. O que comezou como un pacto de pragmatismo para herdar o aparello do Estado franquista acabou converténdose nunha identidade política propia.
Hoxe, persoeiros como Corcuera, Barrionuevo, Vázquez, Leguina ou o propio Felipe González, actúan como unha garda de esencias dunha España inmobilista. É unha marca de autor do felipismo máis sombrío: homes que entraron no poder falando de modernización e hoxe, coas súas declaracións públicas, encarecen o pan.
As súas diatribas destilan unha nostalxia autoritaria que, en moitas ocasións, parece máis ultra que a dos propios ultras. Non é unha deriva casual; é a consecuencia lóxica de ter gobernado, durante décadas, protexendo as sombras da ditadura. Nesta "vella garda" destacan perfís como:
Paco Vázquez: O embaixador eterno que transmutou nunha caricatura do nacional-catolicismo. Iniciou a súa andaina política no PSOE case por azar, como recoñeceu nunha entrevista en La Voz de Galicia: “Métete no PSOE, en Galicia non teñen cadros nin líderes, e aí vas poder chegar a onde queiras” e meteuse na UGT e no PSOE en decembro de 1975.
Joaquín Leguina: O que fose o primeiro presidente da Comunidade de Madrid, hoxe convertido nun "intelectual de garda" da dereita máis mediática. Leguina representa o resentimento do aparello que se sentía desprazado, prestando o seu vello carné socialista para validar as posicións máis reaccionarias mentres exerce de azoute de calquera avance progresista. En decembro de 2022 foi expulsado do PSOE por apoiar activamente a candidatura de Isabel Díaz Ayuso.
Rafael Vera: O que exerceu de Director Xeral de Seguridade e Subsecretario de Interior, condenado a raíz do GAL, non ten problemas en aparecer en programas de televisión, especialmente en canles de corte conservador como Trece5 ou a desaparecida 7NN6, ademais de ser un convidado recorrente nos faladoiros. Soe actuar como "testemuña da historia", reivindicando a súa xestión e cargando contra o que el considera a "degradación" do PSOE actual.
Felipe González: O director de orquestra que, dende os consellos de administración e os iates, exerce de conciencia crítica dun sistema que el mesmo axudou a blindar contra o cambio.
Este grupo de "baróns" xa non representan a un partido, senón a un réxime: o do 78 na súa versión máis esclerosada. A súa agresividade dialéctica actual é o eco daquela impunidade que sentiron nos oitenta; falan coa soberbia de quen sabe que os seus segredos están ben protexidos nas cloacas.
Outro que tamén merece un comentario é Ricardo García Damborenea, ex-secretario xeral do Partido Socialista Vasco, quen despois de pisar a cadea por recoñecer a súa participación nos GAL e ser expulsado do PSOE, acabou participando de forma insólita en mitins pedindo o voto para o PP de José María Aznar.
...continuará
Notas
1Segundo Marey (1932-2001): Cidadán de dobre nacionalidade hispano-francesa cuxo secuestro en Hendaya, o 4 de decembro de 1983, marcou o inicio das accións reivindicadas polos GAL. Vítima dun erro de identidade (los captores buscaban ao membro de ETA Mikel Lujua), o seu caso foi o fío do que tirou a xustiza para demostrar o financiamento con fondos reservados, culminando en 1998 coa condena da cúpula do Ministerio do Interior (Barrionuevo e Vera).
2José Amedo Fouce (1946): Exsubcomisario do Corpo Superior de Policía e rostro visible da trama operativa dos GAL. Simbolizou a violencia paraestatal e o uso opaco de fondos reservados para a contratación de mercenarios. A súa condena en 1991 e as súas posteriores confesións foron a peza clave que desarmou a estratexia de negación do Ministerio do Interior.
3Michel Domínguez Martínez (1957): Exinspector de policía e lugartenente de Amedo. O seu bilingüismo foi instrumental para coordinar a loxística e os contactos no submundo criminal de Francia. Condenado a máis de cen anos de cárcere no mesmo proceso que Amedo, obtivo a liberdade condicional no ano 2000. Posteriormente sería condenado por narcotráfico.
4José Luis Corcuera Cuesta (1945): Ministro do Interior entre 1988 e 1993. Promotor da polémica Lei Orgánica de Seguridade Cidadá de 1992, cuxo artigo central (que facultaba á policía a entrar en domicilios sen orde xudicial ante a sospeita de narcotráfico) foi declarado inconstitucional en 1993. Na actualidade opera como polemista de corte conservador en faladoiros televisivos e radiofónicos.
5 TRECE: Canle de televisión en aberto propiedade da Conferencia Episcopal Española. Alén dos seus contidos de carácter relixioso, a súa liña editorial e os seus espazos de debate destacan por un marcado perfil conservador, servindo habitualmente de altofalante e espazo de opinión para figuras políticas da vella garda.
67NN (Séptima Network): Proxecto televisivo de liña editorial aliñada coa extrema dereita que estivo operativo entre outubro de 2021 e abril de 2023. O medio buscou importar o modelo de axitación político-mediático estadounidense a través de faladoiros de marcado perfil ultraconservador. Pechou polas súas elevadas perdas económicas e os seus problemas de sustentabilidade financeira.