O neoliberalismo disolve os intereses colectivos en demandas individuais. A proliferación dos plurais avanza en paralelo, poñendo o foco nas diferenzas. As palabras reproducen o pensamento, pero non crean a realidade. Porén, a linguaxe tampouco é inocente, pois a forma de nomear o mundo contribúe a normalizar esa mirada fragmentada
Hai uns anos falabamos da maternidade, da pobreza, do feminismo ou da infancia. Hoxe proliferan as «maternidades», as «pobrezas», os «feminismos» ou as «infancias». O «Instituto da Muller» pasou a denominarse «Instituto das Mulleres» e «a muller» case desapareceu do discurso político. O cambio está tan normalizado que agora é o singular o que chama a atención.
O neoliberalismo disolve os intereses colectivos en demandas individuais. A proliferación dos plurais avanza en paralelo, poñendo o foco nas diferenzas. As palabras reproducen o pensamento, pero non crean a realidade. Porén, a linguaxe tampouco é inocente, pois a forma de nomear o mundo contribúe a normalizar esa mirada fragmentada.
Hai palabras nas que o singular nomea o grupo, a clase, o común, e o plural presenta esa unidade como unha suma de individualidades. Asentouse a idea de que o singular uniforma e que o plural recolle a diversidade, pero abstraer non é homoxeneizar. Toda categoría selecciona o relevante para explicar o conxunto. As diferenzas importan e cómpre analizalas, pero non todas deben converterse en criterios para dividir unha e outra vez, pois entón a categoría perde a súa razón de ser.
Por exemplo, a interseccionalidade, pensada para analizar a superposición de distintas formas de opresión sobre as mulleres, permite ter en conta as diferenzas de raza, clase ou procedencia. Porén, a medida que se cruzan máis eixes aparecen grupos cada vez máis específicos, o suxeito común esfarélase e a análise acaba pasando das estruturas de poder ás xerarquías entre grupos.
As categorías tamén poden fragmentarse indefinidamente ata disolverse nun continuo e acabar coincidindo coa biografía de cada individuo, como ocorre cando se presenta o sexo como un «espectro». Ao diluírse a categoría, dificúltase a análise das diferenzas entre mulleres e homes e das desigualdades baseadas no sexo.
Algo semellante ocorre coa discapacidade. Ao presentala como un continuo de diferenzas no que todo o mundo cabe, difumínase a liña entre ter e non ter unha discapacidade. «Diversidade funcional» expresa esa disolución. As barreiras materiais permanecen mentres se erosiona a categoría que delimita o dereito a recursos, apoios e proteccións específicas.
Cando o sexo deixa de delimitar a categoría, bórrase a diferenza conceptual e política entre mulleres e homes e concúlcanse os dereitos específicos das mulleres
O xénero —definido como os roles, comportamentos e atributos sociais asignados a mulleres e homes— sustenta a subordinación das mulleres. Presentalo como simple diversidade individual reduce unha relación de dominación a un catálogo de «xéneros» subxectivos e autodefinidos. Esmorece así unha categoría política necesaria para explicar a opresión e combater o patriarcado.
Unha muller rica e unha pobre, unha galega e unha afgá viven realidades moi diferentes, pero comparten un feito material: son do sexo feminino. Ese elemento común permite falar da muller como clase sexual e do feminismo como movemento político pola súa emancipación. Cando o sexo deixa de delimitar a categoría, bórrase a diferenza conceptual e política entre mulleres e homes e concúlcanse os dereitos específicos das mulleres. Na lingua, a pluralización de «feminismo» en «feminismos» dilúe a idea dun movemento político común. Xa non hai que discutir se unha postura é compatible co feminismo; abonda con chamala «outro feminismo» e listo. O plural resolve a contradición ideolóxica mediante a mera ampliación do catálogo.
Tamén a infancia se multiplica en «infancias» para recoller as distintas experiencias de nenas e nenos. Malia esas diferenzas, comparten unha vulnerabilidade que xustifica unha protección específica. Diluír a categoría pon en risco esa protección.
Esfarélanse tamén os problemas. A violencia machista responde a unha relación de dominación dos homes sobre as mulleres. Cando se perde de vista a causa e se analizan por separado as súas manifestacións, a violencia machista fragméntase en «violencias» autónomas e ábrese a porta a outros tipos de agresión. A Lei 17/2020 de Cataluña, por exemplo, incorpora á política contra as «violències masclistes» situacións alleas a esa relación de dominación, diluíndo a causa común.
Boa parte da esquerda está a asumir ideas compatibles co individualismo neoliberal. Construír categorías permite recoñecer o común sen negar as diferenzas; esfarelalas despolitiza. Sen esas categorías non hai estrutura que analizar, intereses comúns que defender nin suxeito político capaz de facelo. Cando xa ninguén poida nomear o conxunto, quen gaña?
A pobreza acabou dividida en «pobrezas», como a enerxética, a alimentaria, a menstrual ou a dixital. Proliferan as etiquetas mentres a análise de clase queda en segundo plano. Xa non se enfronta a concentración da riqueza, parchéanse as distintas manifestacións da pobreza.
Sigamos poñendo plurais: «feminismos», para que caiba tamén o antifeminismo; «masculinidades», para que cada home escolla o seu propio disfrace patriarcal; «cidadanías», para que cada individuo teña a súa; «xustizas», para que o xusto deixe de ser común; «igualdades», para falar de diversidade; «esquerdas», para que entre a dereita.
Boa parte da esquerda está a asumir ideas compatibles co individualismo neoliberal. «Conceptualizar é politizar», dicía Celia Amorós. Construír categorías permite recoñecer o común sen negar as diferenzas; esfarelalas despolitiza. Sen esas categorías non hai estrutura que analizar, intereses comúns que defender nin suxeito político capaz de facelo.
Cando xa ninguén poida nomear o conxunto, quen gaña?