A realidade non é como nola pintan

Alfonso Rueda e o seu conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, na sesión de control do 28 de setembro de 2022 CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Días atrás o Conselleiro de Facenda, señor Miguel Corgos, co gallo dunha intervención parlamentaria para dar contas do desempeño fiscal do ano 2022, presentaba unha visión da economía galega que nada ten que ver coa realidade como así o confirman as evidencias empíricas (*)

Evidencias que subliñan como o GASTO PRIVADO -que reflicte, por caso, a confianza das familias e as empresas na marcha da economía- non recupera os valores previos a crise bancaria (2007) a pesares do tempo transcorrido. Si a finais do ano 2022 o Consumo das familias equivalía -en termos reais- ao 78% do consumo no 2008, sen que ao longo de estes anos fora quen de recuperar nalgún momento os valores anteriores, peor lle vai ao Investimento privado quen logo da brutal caída derivada do estalido das burbullas inmobiliaria e crediticia -unha caída superior ao 75%- mantería un perfil moi baixo durante todos estes anos. 

Neste marcha depresiva do consumo das familias inflúen varios factores relacionados co mercado laboral: un emprego que se mantén en niveis moi baixos e en caída libre -54,4% no 2008, 52,7% no 2022- con valores que poñen de manifesto como en Galicia se crea moi pouco emprego, e unhas rendas do traballo que tamén se moven en valores moi baixos -46,4% do PIB no 2008, 44,7% no 2016, 42,5% no 2022- por mor dun salario real medio que está no furgón de cola en España -1.631.2 euros no 2022: 89,5% da media española-. Factores todos eles que condicionan o nivel de vida dos/as galegos/as cuxo indicador mais acaido é a renda per cápita quen, en termos reais, no ano 2021 (27.870 euros) aínda non recuperara os niveis previos a crise bancaria -2008: 100%, 2011: 87,1%, 2018: 89%, 2021: 87,1%- e seguía entre as mais baixas de España (a décima: 84,5% da media española) 

Si o consumo das familias da idea dunha economía deprimida o mesmo sucede co investimento privado quen -como xa subliñamos nestas páxinas- non levanta cabeza -2008: 100%, 2015: 45%, 2018: 48%, 2020: 44%, 2021: 41%, 2022: 39%-. Unha situación que leva a que a produtividade da economía galega non pare de caer (2008: 51,7, 2012: 47,7, 2016: 47,5; 2020: 47,2; 2022: 46, unha diminución do 10%) coas consecuencias coñecidas como, por caso, a perda de competitividade, o menor crecemento económico e a baixa creación de emprego. Esta caída do investimento privado prodúcese a pesares de que medra o nivel de aforro dos fogares galegos -un crecemento consecuencia da forte redución no consumo e froito dunha actitude de precaución diante do deterioro das rendas- o que pon en evidencia unhas expectativas moi negativas por parte dos axentes privados -se non esperan vender non invisten-, unha aposta pública por sectores baixos en capital como o turismo e un cativo investimento en I+D+i (un gasto que non chega ao 1% do PIB cando, por caso, en España está no 1,25%, 2,1% no Pais Vasco, 1,67% en Cataluña).

Cabría agardar dun goberno galego responsable que diante desta debilidade do gasto privado utilizara o GASTO PÚBLICO para recuperar a senda do crecemento económico e a creación de emprego quen, a continuación, turrarían do gasto privado. Cousa que non sucedeu así pois fronte a toda lóxica o goberno galego mantivo a austeridade fiscal como estratexia que pon en evidencia a evolución negativa do gasto público autonómico (de novo en valores reais)-100% (2008), 75,7% (2015), 78,9% (2018), 86,6% (2020), 89,4% (2021), 79,6% (2022): nunca recuperou os valores previos a crise bancaria-.Un gasto público onde o investimento sofre enormes recortes -100% (2008), 20% (2015), 27% (2018), 27,7% (2020), 46,6% (2021), 34,6% (2022)-. 

Para rematar este cadro compre comprobar como a debilidade da demanda interna repercutiu na DEMANDA EXTERNA. Para mellor visualizar esta realidade debemos saber que, contra o pensamento maioritario, para calquera país as importacións representan un beneficio e as exportacións un custo e que, por esta razón, as exportacións netas -exportacións menos importacións- se engaden a demanda agregada incrementando a produción, a renda e o emprego. As exportacións netas de Galicia -de novo en valores reais- confirman unha forte caída do déficit exterior -50%- debida a unha forte contracción das importacións -entre 25 e 30 puntos- que confirman a debilidade da demanda interna.

Con este marco macroeconómico, condicionado por unhas políticas públicas equivocadas, é IMPOSIBLE que a economía galega despegue, que se cree emprego e benestar. Algo que queda rotundamente de manifesto no dato de que Galicia mantén de forma regular uns niveis pobreza e exclusión social moi elevados: 20-25%. -Taxa AROPE-.

(*) Tódolos datos aquí utilizados proceden de fontes oficiais (IGE)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.