Se comprende e, incluso, se acepta que un xefe de goberno non ten por que seren un experto en economía aínda que sempre é mellor que saiba algo, cando menos o mais elemental. E para iso deberían estar os asesores que, polo que podemos ver no caso particular da Xunta de Galicia non parecen estar moi ao día das claves económicas mais elementais.
Ven isto a conto por que días atrás volvemos a asistir a un novo balbordo do presidente da Xunta de Galicia falando de economía. Tratando de xustificar o parálise do investimento privado en Galicia, neste caso na zona fronteiriza con Portugal, Alberto Nuñez Feijoo na mais pura liña neoliberal culpaba aos salarios e á presión fiscal de que non houbera investimentos nesa zona. Segundo o señor Feijoo que houbera mais investimentos en Portugal, na súa zona norte, que en Galicía debíase as vantaxes comparativas fiscais e salariais que ofrece Portugal.
Fronte ao populismo e a demagoxia non hai nada mellor que as evidencias empíricas e científicas. En Europa, na UE a que pertencemos, os estados cun un maior SMI son Luxemburgo (2.071,1 euros/mes), Irlanda (1.656,2), Países Baixos (1.635,6), Bélxica (1.593,8), Alamana (1.557), Francia (1.521,2), Gran Bretaña (1.524,5). Os países escandinavos non teñen SMI pero, como é ben sabido, teñen os salarios mais elevados de Europa (por caso, Suecia ten un salario medio de 3.684 euros/mes) Parecera, segundo as teses neoliberais, que con eses salarios debera resentirse o investimento. Pois non, resulta que entre os estados anteriormente citados cinco están entre os que mais IED reciben a nivel mundial: Francia (2º), Alamana (3º), Reino Unido (4º), Bélxica (5º) e Países Baixos (8º). Non parecera, xa que logo, que os altos salarios nestes estados tiveran un impacto negativo sobre o investimento privado algo que confirma, por caso, Suecia que ten o salario medio mais elevado do mundo e a pesar diso esta no número 14º en IED e no 1º en investimento per capitá. En sentido contrario si analizamos os estados da UE cuns SMI mais baixos vemos que están tamén entre os que menos IED reciben como sucede, por caso, con Portugal (30º), Eslovaquia (52º), Grecia (54º) i Estonia (68º).
As evidencias empíricas desmontan os argumentos demagóxicos e os dogmas neoliberais. Non se pode dicir que haxa unha relación inversa entre salarios e investimento privado. De habela é unha relación directa: a salarios mais elevados maior investimento. Son, xa que logo, outros factores os que retraen o investimento privado.
O mesmo sucede coa influencia da presión fiscal. Entre os estados europeos que maior IED reciben hai claras diferencias a nivel fiscal. Asi unha maioría de tales estados están no grupo de estados europeos con maior presión fiscal: Francia (48,4% do PIB), Bélxica (47,2%), Suecia (44,4%), Alamana (41,5%), Países Baixos (39,2%). Dato que volve a poñer en evidencia que non hai unha relación inversa entre presión fiscal e investimento privado. Por caso os estados europeos citados anteriormente entre os que menos IED reciben están tamén entre os de menor presión fiscal: Portugal (37,2%), Eslovaquia (37,9%), Grecia (41,5%), Estonia (33%). Todos agás Grecia teñen unha presión fiscal por baixo da media da UE (40,3%).
Como podemos ver as evidencias empíricas mostran que non son os salarios nin a presión fiscal quen condicionan o investimento privado na maioría dos países occidentais e, xa que logo, en Galicia. Deben ser outros os condicionantes, como xa temos subliñado nestas mesmas páxinas e que teñen que ver, por caso en Galicia, coa desfeita das caixas de aforro -tal que impide un control autonómico do aforro galego-, o axuste fiscal no investimento público –quen turraría de investimento privado– e a pouca confianza, as expectativas, dos axentes privados na recuperación da economía galega, en concreto da demanda. Factores que se suman aos negativos efectos que sobre o investimento privado en Galicia provoca a súa condición de economía periférica.