A confianza da cidadanía na situación económica de Galicia é a máis baixa dende o 2014

Mobilización en Xove polo futuro da planta de aluminio de San Cibrao © BNG Viveiro
Publicidade
Publicidade

O IGE publica trimestralmente a súa Enquisa conxuntural a fogares, que inclúe o coñocido como Índice de Confianza do Consumidor (ICC), un indicador que "permite obter un rápido coñecemento dos cambios na percepción do consumidor respecto ás súas expectativas de gasto e aforro así como da situación económica persoal e xeral da Comunidade Autónoma", en palabras do propio instituto estatístico.

A valoración da economía viuse abaixo no último trimestre, pasando dun valor de -11 a -19, sendo este o valor máis baixo en toda a actual lexislatura autonómica

O ICC constrúese coas respostas da poboación a catro preguntas, relacionadas coa súa percepción sobre a situación económica futura do fogar, a situación económica futura da Comunidade Autónoma, a capacidade futura de aforro do fogar e a evolución futura do número de parados. O resultado, entre -100 e +100, pode ser positivo (unha percepción de que a situación económica vai ser mellor no futuro) ou negativo (unha valoración pesimista, que pensa que a cousa vai empeorar nos meses seguintes.

A Enquisa conxuntural a fogares publicada este venres amosa os resultados máis negativos nos últimos seis anos. De feito, hai que viaxar ao primeiro trimestre do ano 2014 para atopar unha percepción máis pesimista. A valoración da economía viuse abaixo no último trimestre, pasando dun valor de -11 a -19, sendo este o valor máis baixo en toda a actual lexislatura autonómica, unha evolución negativa que chega a poucos meses da celebración de eleccións ao Parlamento galego.

No último trimestre empeorou notablemente a percepción sobre o futuro inmediato da situación económica en Galicia, presentando o seu valor máis reducido dende finais do ano 2013

Dentro das compoñentes que conforman o índice, a que presenta un valor máis negativo é a que se refire ao emprego, considerando os galegos e galegas que o desemprego e a precariedade van aumentar nos vindeiro meses. No último trimestre tamén empeorou notablemente a percepción sobre o futuro inmediato da situación económica en Galicia, presentando o seu valor máis reducido dende finais do ano 2013

Tamén se mantén en niveis moi baixos a percepción sobre a capacidade futura de aforro, un indicador que de forma invariable amosa unha opinión moi negativa entre os galegos e galegas dende hai unha década. O único indicador que se mantén en valores próximos a cero (nin optimismo nin pesimismo) é o referido á situación financeira persoal, aínda que tamén vén empeorando dende mediados do ano 2019.

Publicidade
Publicidade

Aqueles fogares con ingresos mensuais superiores aos 3.000 euros son os únicos que manteñen unha visión optimista (+2) da situación económica de Galicia

Hai, por suposto, grandes diferenzas na percepción que sobre a situación económica presente e futura teñen as persoas con distintos niveis de ingresos. Así, aqueles fogares con ingresos mensuais superiores aos 3.000 euros son os únicos que manteñen unha visión optimista (+2) da situación económica de Galicia e da súa evolución futura, aínda que nos últimos dous trimestres descendeu dende +14,5.

No resto de fogares, con menores ingresos, a valoración é negativa, especialmente nos que contan con menos cartos á súa disposición. As familias con ingresos inferiores aos 600 euros son especialmente pesimistas (-41) coa situación económica, o mesmo que os que ingresan entre 600 e 1000 euros cada mes (-32). A percepción da economía empeora nas seis categorías de ingresos, con caídas no último trimestre que se moven entre os seis e os oito puntos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.