Unhas das maiores evidencias da debilidade económica de Galicia, da que falei nalgún artigo anterior é a fortísima caída, auténtico derrube, da inversión (pública e privada). Un derrube que recollen os informes mais serios (A ECONOMIA GALEGA. Informe Afundación) e que empezou a dispararse co gallo da crise financeira (2008) para manterse durante a grande recesión (2008-2014) sen que pareza ser quen de recuperarse debidamente nestes últimos anos (2015-2018). Un derrube que nalgúns momentos superou na súa caída o 10% anual, dato que cuestiona o destino final do aforro xerado en Galicia.
A inversión é unha variable macroeconómica fundamental xa que condiciona fortemente a situación da demanda agregada e, xa que logo, o crecemento económico e a creación de emprego. A inversión, polo seu efecto multiplicador sobre a renda, é unha variable que non so incide na conxuntura presente senón que tamén condiciona a situación futura pois é a base da acumulación de capital. Velaí que a actual conxuntura da economía galega, de atonía inversora, sexa moi preocupante dende o punto de vista da renda e o emprego. En definitiva, da saúde económica.
Aínda que a inversión ten un comportamento moi volátil, pois depende de moitos factores, hai condicionantes que son moi evidentes. Así, por caso, dous fenómenos ligados a mundialización capitalista neoliberal inflúen fortemente no destino da inversión. En primeiro lugar o predominio da economía financeira que cambiou o destino da inversión facendo que as actividades especulativas absorban mais do 90% da inversión total: bancos, fondos e grandes grupos industrias, buscando o maior e mais rápido beneficio no mais curto prazo, reinvisten as súas ganancias non na produción senón nos mercados financeiros. Ao mesmo tempo o libre movemento de capitais, que impulsa a mundialización neoliberal, facilita unha recolocación dos investimentos a nivel internacional, con un 85% dos mesmos ben no centro do capitalismo ben nos estados BRIC (con China a cabeza). Dous fenómenos que xogan en contra do investimento produtivo en periferias como Galicia (esta comunidade apenas absorbe o 0,5% do IDE de toda España cando o seu PIB supón o 5,2% do PIB español).
As evidencias empíricas desmontan rotundamente varios dos dogmas neoliberais mais utilizados sobre a marcha do investimento. Os gurus neoliberais (por caso FMI, BCE, CE…) xustifican as duras políticas de axuste fiscal en base ao criterio de que, as crises veñen provocadas polos elevados gastos públicos que retraen, substitúen, ao gasto privado debilitando a oferta. Ergo si, por caso, se quere recuperar o investimento privado para favorecer o crecemento económico habería que reducila inversión pública. Nembargante a evidencia científica mostra que o que realmente sucede é o efecto contrario: o gasto público turra, non substitúe, do gasto privado. Os axustes fiscais ao provocar unha moi forte contracción do gasto público, e dentro do mesmo da inversión, arrastran na súa caída ao investimento privado como non podía ser doutro xeito dado que practicamente en toda a economía mundo a produción de bens e servizos e maiormente privada. En Galicia podemos comprobar como se cumpre esta relación: os grandes recortes no investimento público autonómico (superior ao 45%) e español (20% de prometio anual) provocaron unha moi forte caída do investimento global (50%) debilitando a demanda agregada e favorecendo a grande recesión económica.
Unha caída da inversión que, por certo, tira por terra outro dogma neoliberal. Os profetas da austeridade citados defenden unha baixada de impostos as rendas de capital xa que unha presión fiscal elevada, afirman, frea a inversión. En Galicia, como en España, a pesares das rebaixas fiscais a inversión non medra senón que se derruba.
Os custos (xuros) si son unha variable relevante no investimento privado. Logo da crise financeira os bancos, a pesares da abondosa e moi barata liquidez subministrada pola autoridades públicas europeas, endureceron a súa política crediticia (elevando os tipos de interese) abandonando novamente a que debera ser a función primordial dun banco: dar préstamos a familias e a empresas. Realidade recoñecida polo propio BCE quen chegou a declarar que “os bancos da zona euro endureceron as condicións de crédito de maneira significativa e aumentaron os tipos de xuro dos préstamos as institucións non financeiras e as familias” e que tivo o seu efecto contrastivo no gasto privado: consumo e investimento.
Non menos decisiva para a caída inversión en Galicia resulta a nova situación do sistema bancario. Agora estamos comprobando algo que foi repetidamente denunciado dende distintos foros nos que se sinalou que a desfeita das caixas galegas ía a ter un impacto moi negativo sobre o mercado bancario galego. A pesares da evolución positiva dos depósitos a restrición do crédito acadou unha grande intensidade con caídas anuais superiores ao 20%. E mais que evidente que a nova situación dun mercado bancario galego no que o capital galego practicamente desapareceu como propietario está sendo moi negativa para a inversión.
Finalmente, ao igual que sucede con outras variables macroeconómicas, a inversión ven condicionada polas expectativas –presentes e futuras-. Parece lóxico pensar que a inversión depende tanto dos ingresos xerados pola actividade económica como das expectativas empresariais posto que a inversión tamén é unha aposta polo futuro. Unhas expectativas que no caso galego, como xa sinalamos en artigos anteriores, non permiten ser optimistas. Tanto a caída da produción como a pouca confianza do capital empresarial nunha posible recuperación da economía galega veñen a sumarse as variables citadas anteriormente como causas do derrube da inversión en Galicia. Variables todas relacionadas coas políticas de austeridade e a rebaixa salarial, políticas chamadas “austericidas” que castigan a demanda agregada freando o crecemento e a creación de emprego.