A realidade paralela

Nova composición do Parlament catalán tras as eleccións do 14F CC-BY-NC-SA Praza Pública

Hoxe atraganteime co seguinte titular de Manuel Varela Fariña sobre as eleccións catalanas na Voz de Galicia: “O soberanismo toca mínimos históricos en Cataluña”.

Adóitase dicir que, tras unhas eleccións, todas as forzas concorrentes saen á palestra retorcendo os datos para vender a burra cun “nin tan mal”. Porén, este titular xa se adentra noutro nivel. Non imaxino a ningún dos editorialistas do rotativo coa ousadía ou o callo de asinar esa machada. Pero Manuel Varela estudou xornalismo de datos e visualización na excelsa universidade Rey Juan Carlos e sabe que, se ben os datos non hai que desprezalos, a maneira en que se visualizan é o definitivo.

Agora que o soberanismo catalán, que xa dispoñía de maioría absoluta, avanza catro escanos e nunca tantos tivera, a pesar de que case un 3% dos seus votos se perderon ao non obter o PdeCat representación parlamentaria. Cando por primeira vez os independentistas superan o 50% dos votos, dado que por mor da pandemia houbo unha abstención alta e o número total de votos se reducíu, ese pasa a ser o dato chave. En realidade, nin siquera lles queda acollerse á teoría conspirativa de que sabían do efecto que a pandemia ía ter porque foron os partidos soberanistas os que máis teimaron en aprazalas. Ou si, porque igual pediron o aprazamento como cebo, para que o PSOE, cegado polo efecto Illa, se opuxese e presionase os xuíces que tomaron a decisión de manter a convoccatoria, agochando así a súa verdadeira intención de que os comicios se celebrasen na data prevista pero podendo culpar o PSOE de que iso fose así. Unha situación de gañar ou gañar, que din os ingleses, unha performance, unha xogada mestra e diabólica que canxa coas malas artes ás que o separatismo nos ten afeitos.

Por que non se titula “O Unionismo toca mínimos históricos”? Está claro, porque para a Voz de Galicia, así o expresaría Roberto Blanco Valdés, é evidente que a abstención é unionista en bloque, como todo o mundo sabe. A maioría da xente razoábel, con sentido común, non é tan irresponsábel como para poñer en perigo a saúde pública “por un puñado de votos”. Só os independentistas fanáticos e rabiosos son capaces desa iniquidade.

O rotativo coruñés non chega aos extremos trumpistas de afirmar que gañaron por goleada ou protestar porque a elección estivo amañada. Confórmanse co negar a realidade. Aínda así, Manuel Varela toma os datos, chasca os dedos e dise: que non cunda o pánico, depende como se miren, ou se visualicen. Abre o portátil e teclea: “Os resultados, sobre o papel, deixan os soberanistas en posición de negociar o próximo goberno sen depender de forzas constitucionalistas... Ata aí, sen embargo, a lectura positiva”.

Sen embargo? Ata aí? Sobre o papel?

O papel é para o articulista papel mollado, aínda que sexa o das papeletas de voto. En democracia hai algo superior a iso, a vitoria moral, e agarrando o rábano pola parte que non pica, ou poñendo cara de pau, dixírese mellor. O sr. Varela parece estar a valorar enquisas, sempre máis benevolentes, non escrutinios que, tralo fragor da campaña, se convirten en datos fríos, pendentes dunha análise activa. O artigo, digno de figurar en calquera antoloxía do disparate, debería vir acompañado do algoritmo que empregan na redacción do xornal (se o xornal publica o artigo, algo del compartirán) para valorar os procesos electorais: un voto vale tanto pero débeselle aplicar un coeficiente corrector, ao xeito do voto censitario da época turnista ou da lei de propiedade horizontal, ou vertical. Algo.

Como se explica a diverxencia entre a unanimidade dos analistas de todas as cabeceiras de España e o reconto final nos colexios electorais? E noutra orde de cousas, tivo ese reconto todas as garantías? A que obedeceu o desbaraxuste previo na conformación das mesas? A quen se substituíu e quen ocupou finalmente esas mesas o día da votación? A estas, e moitas outras cuestións, están obrigados a dar unha explicación plausíbel e coherente os separatistas. Do contrario, serán unhas eleccións baixo sospeita, unha anomalía legal, e todo o que o goberno resultante, obscenamente espúreo como diría Blanco Valdés, acorde de agora en diante, carecerá de facto de toda credibilidade e validez. E con isto e un biscoito... 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.