A reconstrución sociocultural de Galicia pós-coronavirus: despois da pandemia, qué?

Moito se ten falado nestas semanas de confinamento desde tres grandes discursos ideolóxicos: o da saúde e a protección da vida da xente, o da produción económica e a crise, e o da psicoloxía como mecanismo de adaptación á situación de crise e pos-crise. Todos eles converxen ao meu ver nun outro grande discurso que é propio da biopolítica e do biopoder que tenta dominar actualmente o noso mundo, o noso corpo e a nosa mente. Isto é algo que podemos ver todos os días nas televisións e radios que nos sobre-informan con base no discurso “especialista” de médicos, psicólogos e economistas, asociado ao discurso da metáfora da guerra protagonizada polas forzas de seguridade do estado. Pero pouco se ten falado sobre a necesaria recuperación social e cultural despois do control do coronavirus, data sobre a cal aínda non temos certezas ata que a humanidade e a ciencia consigan unha vacina contra o COV-19. 

Pouco se ten falado sobre a necesaria recuperación social e cultural despois do control do coronavirus, data sobre a cal aínda non temos certezas ata que a humanidade e a ciencia consigan unha vacina contra o COV-19

Desde esta perspectiva, propomos a necesidade de pensar nunha recuperación e reconstrución sociocultural pós-coronavirus, e desde unha perspectiva antropolóxica, é necesario reflexionar sobre o que estamos a vivir pero tamén imaxinar o futuro en sociedade e comunidade. O que estamos a vivir pode ser entendido por medio do concepto antropolóxico de ritual de paso ou de transición. Nesta transición hai tres pasos ou etapas, na primeira houbo unha separación mental, física e social da nosa realidade cotiá, unha identificación do problema e a creación de solucións persoais, familiares e societais. 

Nunha segunda fase, a que estamos a viver, a de limiar ou marxen, é como se estivésemos nun limbo, é o que oficialmente se denominou como confinamento, unha forma do Estado intervir na nosa privacidade e nos nosos dereitos civís. Este é un espazo liminar, ambiguo, de sacrificio, e borroso, onde a maioría de nós estamos distantes do noso universo cotiá público e recluídos na casa conectados co mundo externo por medio da nova función social das varandas e das novas tecnoloxías de información e comunicación. Nesta fase vivimos fortes tensións emocionais e psíquicas fronte aos riscos e ameazas da pandemia, pero tamén fronte a outros problemas de convivencia social derivados das presións laborais e do intenso roce familiar ou ausencia del. Nesta fase, os políticos que nos gobernan aplicaran o que Foucault chamou de modelo social da peste, que representa unha reclusión inclusiva para a poboación. Nesta fase a nosa identidade está en redefinición e adaptación psico-socio-cultural a un problema pensado como colectivo, e que xera problemas económicos, sociais e emocionais, aínda por avaliar, pois o cambio sociocultural que se esixe a unha sociedade aberta e de espazo público como é a galega, vai ter un custo social importante, que convén non menosprezar desde o discurso higienista, economicista e psicologicista dominantes. 

Réstanos a fase de reintegración. Nesta fase, que está por chegar, e que non conseguimos adiviñar, só imaxinar, temos que pensar nunha reconstrución dos lazos sociais, non porque estiveran rotos, senón porque estaban estancos no espazo dixital comunmente

Pero o certo é que vivimos o confinamento de forma desigual e de forma diferente. Desigual do punto de vista da estructura social e territorial de Galicia, porque non é o mesmo pasar o confinamento nunha casa con xardín do periurbano das cidades galegas, do que un pequeno apartamento no centro da cidade, do que na rúa como o fan algunhas persoas que non teñen casa, do que nunha vila ou nunha aldea do interior de Galicia. E diferente porque non é o mesmo estar confinado en familia, do que só (cerca de 130.000 persoas viven soas en Galicia), ou nunha residencia da “terceira idade” (afectadas intensivamente pola pandemia). É diferente quen teña can ou non o teña, quen traballe na UCI dun hospital na liña da fronte, nun supermercado, na agricultura ou nunha empresa de transportes, por dar só algúns exemplos significativos. 

Finalmente réstanos a fase de reintegración, que é aquela onde me quero deter un pouco máis. Nesta fase, que está por chegar, e que non conseguimos adiviñar, só imaxinar, temos que pensar nunha reconstrución dos lazos sociais, non porque estiveran rotos, senón porque estaban estancos no espazo dixital comunmente. O primeiro será para moitos facer unha fase de loito, pois algúns non puideron despedirse dos seus familiares mortos, e a morte en Galicia ten moita importancia cultural. Do mesmo modo poderá haber nesta fase un conxunto de rituais de recoñecemento e agradecemento aos profesionais que loitaron directamente contra a pandemia. Estes serán importantes para reforzar o sentido de sociedade e de comunidade e construír cadros de convivencia igualitaria, máis alén do tratamento das persoas como estatísticas ou como categorías sociais estancas (susceptibles de risco, infectados, mortos, curados...). 

A reintegración prevese lenta do punto de vista político e sanitario, así que teremos que adaptarnos a un novo modo de vivir, defensivo e con precaución fronte a novos contaxios de virus. Vainos obrigar a interiorizar un novo ethos biomédico. Esta adaptación exixirá unha boa comunicación política e unha concienciación colectiva sobre a necesidade de medidas de protección e distanciamento social, algo que deberá ser temporal, e que obrigará a unha nova forma de relacionarnos socialmente, que non debe criar traumas nin unha ecoloxía do medo. A nosa linguaxe verbal e non verbal vai mudar substancialmente, pero pouco a pouco temos que recuperar as funcións, sentidos e significados dos espazos públicos. Temos pouco a pouco que recuperar os ciclos festivos, os eventos aínda que non tan masificados, os abrazos e os bicos, os agarimos e as comidas familiares e amicais. 

Nesta terceira fase do ritual de paso, teremos xa outro statuo quo, outra experiencia da vida, outra ganancia espiritual, que debe servir para reforzar solidariedades, fraternidades, redes sociais de apoio e sociabilidades entre veciños, amigos, parentes e cidadáns. Do modelo da peste temos que recuperar pouco a pouco un modelo antropolóxico inclusivo e intercultural, que asuma algunhas leccións da crise da pandemia. Por exemplo, o abandono do “idadismo” (etnocentrismo de idade) cos máis vellos e do darwinismo social. Terá que ser necesariamente un modelo social resiliente e adaptativo, a facer máis con menos recursos e con o obxectivo de voltar a amarnos e a “humanar” as relacións sociais e culturais superando o medo ao contaxio, algo que só cando a ciencia, tan maltratada no estado español, nos proporcione unha vacina eficaz contra o coronavirus. Pero obviamente non podemos ter a fantasía do regreso ou reintegración a unha anterior “normalidade”, pois considero que a pandemia pasará a producir unha “nova normalidade” en articulación con ela, polo menos nos primeiros tempos da reintegración. 

Temos que pensar en construír lugares pós-catástrofe, pós-pandemia, e pós-crise, pero tamén en conservar algunhas memorias de como temos vivido todo este proceso, para que nos sirvan de leccións para o futuro

Pero tamén é certo que nesta terceira fase, o hixienismo esaxerado e individualizante non deben ser as únicas medidas para combater o virus, tamén vamos necesitar outras vacinas, estas contra a exclusión social, a desconfianza do outro, a desigualdade económica que xa estaba e que se reforzará a seguir, e a falta de felicidade colectiva. Esas vacinas non poden servir para domesticar as persoas e precisarán dunha bioquímica cultural que reforce o sentido de comunidade como galegos e cidadáns non só dun estado como do mundo. Ademais esas vacinas deberán levar boa dose non só de diñeiro como de sociedade, educación e convivencia, para recuperar a o tecido social e a música na rúa, nos bares e nas casas. Para entón xa estaremos mellor preparados cognitivamente, cultural e emocionalmente falando, pero espero que tamén do punto de vista estrutural (destinar os recursos da guerra para a saúde pública, ciencia ao servizo da sociedade, educación pública, economía social, novo contrato social coa natureza). Necesariamente precisaremos de mediación antropolóxica, pedagoxía, comunicación dialóxica e unha antropoloxía da esperanza. Temos tamén que pensar en construír lugares pós-catástrofe, pós-pandemia, e pós-crise, pero tamén en conservar algunhas memorias de como temos vivido todo este proceso, para que nos sirvan de leccións para o futuro. 

 

NOTA E AGRADECIMENTOS

Este traballo encádrase nas liñas de investigación do CETRAD, un centro que é financiado por fundos nacionais portugueses a través da FCT – Fundação para a Ciência e a Tecnologia, I.P., no ámbito do projeto UIDB/04011/2020. . O texto foi escrito durante unha bolsa de licenza sabática na Universidade de Santiago de Compostela, máis concretamente no Departamento de Xeografía, financiada pola FCT (Fundação para a Ciência e a Tecnologia) e co nº SFR/BSAB/150447/2019. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.