Seica en Finlandia, o país cos mellores indicadores educativos do mundo, o 98% das escolas son públicas e non existen as veleidades privatizadoras que temos por aquí. Si, eu tamén vin o programa de Jordi Évole e tamén me aleda comprobar como unha solución pública non só garante unha maior xustiza social, senón que produce uns moi excelentes resultados en termos de calidade no ben (público) subministrado.
Mais das moitas cousas interesantes dese programa houbo unha que quizais pasou algo desapercibida pero que marca unha diferenza, ao meu ver de forte calado, entre o sistema educativo, e en xeral entre as institucións públicas daquel país, e ás doutros moitos países, entre eles o noso. Cando o presentador pregunta como é o proceso de contratación dos profesores na escola pública, a entrevistada contesta que é o propio director do centro o que decide a quen se contrata. A sorpresa é maiúscula, pero aí queda o conto. Pois ben, imaxinan vostedes como funcionaría iso mesmo en Galicia ou España? Enseguida lle virán á cabeza os problemas de arbitrariedade e amiguismo que xurdirían con este método de selección do persoal no noso país. Xa que logo, por que deciden en Finlandia usar un método que prescinde de “probas obxectivas” e que aquí sabemos que alentaría comportamentos arbitrarios?
por que deciden en Finlandia usar un método que prescinde de “probas obxectivas” e que aquí sabemos que alentaría comportamentos arbitrarios?
A explicación vai máis alá, ao meu ver, da existencia e calidade de leis e normas así como da necesaria observación das mesmas. Trátase dunha cuestión de ética social e da percepción que a maioría social ten ao respecto dos comportamentos dos cidadáns no exercicio das súas responsabilidades individuais. En Finlandia sería socialmente castigado que o director dunha escola pública, por seguir con este caso, utilizase esta potestade súa para empregar a un familiar ou amigo, ou a calquera outra persoa, que carecera das cualificacións adecuadas para un posto semellante. Isto fai innecesario poñer en marcha un custoso sistema de selección e a lexislación precedente, basta coas normas non escritas, tamén chamadas convencións ou institucións informais. Ao igual que tradicionalmente existiu en Galicia unha forte ética do sacrificio e do traballo e que penaliza socialmente a aqueles que non amosan esas cualidades, existen en Finlandia e noutros países nórdicos convencións sociais que actúan do mesmo xeito cando nos referimos a xestión dos asuntos públicos. Iso, xunto cun marco lexislativo avanzado e transparente, materialízase nunha maior calidade das institucións públicas en termos xerais. Non falamos de cuestións baladí e para mostra a relación directa entre os índices de benestar e riqueza e os índices de corrupción ou transparencia que cada ano se publican para os distintos países.
En Finlandia sería socialmente castigado que o director dunha escola pública utilizase esta potestade súa para empregar a un familiar ou amigo
Vén isto á conto, evidentemente, da que está a caer coa situación política no Reino de España e coa crise sistémica que estamos a vivir. Por suposto, non serei eu quen suxerindo que é un “problema social”, trate de desviar a atención á cerca das responsabilidades que presunta e claramente ostenta o Partido Popular, co presidente do goberno á cabeza, en materia de financiamento irregular e corruptelas varias. Pero estariamos enganándonos a nós mesmos se pensaramos que estamos só diante dun problema do Partido Popular ou da “clase política” en xeral. Ou que é un problema provocado en exclusiva pola deriva neoliberal e o grande capital, como acostuma a indicarse dende a esquerda de tradición marxista, da vella e da nova.
É necesario, en primeiro lugar, modificar o marco legal e se é preciso impulsar un novo que prime a transparencia no funcionamento de institucións públicas e do sistema político
Estamos tamén diante dun problema de valores sociais e culturais, de arranxos institucionais non escritos, e que actúan como freo para o progreso económico, social e democrático dun país. Por iso é necesario, en primeiro lugar, modificar o marco legal e se é preciso impulsar un novo que prime a transparencia no funcionamento de institucións públicas e do sistema político. E en segundo lugar, é necesaria unha transformación dos valores presentes na sociedade e en particular no xeito de ver a relación do individual co colectivo. Isto último é o máis complicado pois evidentemente non entra en vigor coa publicación no DOG. Só se me ocorre comezar por admitilo e dicilo, en plan sesión terapéutica ou, se queren, emulando ao neno do conto do Rei Espido.