Unha persoa que nacera hai 30 anos pode ter un coñecemento da existencia e desaparición da URSS a través do contido dos currículos académicos, de calidade mais ou menos contrastada. Para quen dobramos -ou mais- ese horizonte vital, a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas foi moito mais que un capítulo na historia do século XX. Representou o primeiro intento de construción dun sistema social, económico e político alternativo ao que viña rexendo os destinos dos principais países do planeta. Tamén foi exemplo dunha destacada participación -pagada cun grande sacrificio en vidas humanas- na derrota militar do nazismo. E, complementariamente, suscitou moitas dúbidas e posteriores frustracións a respecto da non concordancia entre os principios proclamados e as prácticas vixentes naquel universo político e social.
En realidade, a experiencia soviética estivo atravesada, dende o comezo, por un paradoxo de complicada resolución. Os revolucionarios que conquistaron o poder en 1917 querían acometer o conxunto de transformacións que figuraban nos idearios dos fundadores do marxismo a pesar de que estes imaxinaban, para a súa aplicación, un cadro social que non se correspondía co que existía na vella Rusia zarista. Inglaterra ou Alemaña eran dous exemplos dos países que mellor encaixaban coas teses e as hipóteses baralladas por Carlos Marx. Chegados a esa circunstancia histórica, os dirixentes do PCUS decidiron facer da necesidade virtude e optaron por artellar un sistema que lles permitira conservar o poder aínda que non se cumpriran as condicións previstas nas teorías que fundamentaban a súa propia existencia como partido. Consolidouse, dese xeito, unha disociación entre o que realmente sucedía naquel Estado -sometido, durante anos, a unha forte belixerancia exterior- e os relatos que formulaban as súas autoridades.
A caída da URSS, a partir de 1991, provocou importantes mudanzas. Algunhas atinxiron ás lóxicas dominantes nas relacións internacionais. O remate do que se denominou -a partir de 1945- “guerra fría” entre o bloque liderado polos USA e o dirixido dende Moscova deu paso a unha situación moito mais incerta, menos controlada e, xa que logo, mais perigosa do punto de vista da militarización dos conflitos en distintas partes do mundo. O atentado das Torres Xemelgas en Nova Iorque e as intervencións militares da Administración norteamericana en Afganistán e Iraq constituíron episodios relevantes das novas dinámicas xurdidas nos primeiros anos deste século. O progresivo medre da influenza de China na area internacional certifica a presenza de importantes factores de multilateralidade que antes resultaban descoñecidos.
O derrubo do sistema soviético provocou un serio desconcerto na esquerda política e social que apostaba pola continuidade daqueles réximes aínda que fora pola aplicación da vella máxima de que “o inimigo do meu inimigo é o meu amigo”. Certamente, houbo diferenzas entre uns casos e outros. Non foi semellante o impacto que padeceu, por exemplo, o Partido Comunista de Cuba -que tivo que aturar o estrangulamento da economía do seu país por mor da progresiva eliminación das axudas recibidas dende a URSS- do que experimentaron os Partidos Comunistas de Portugal, Francia ou España. Naquelas organizacións que -no ámbito europeo- non ocupaban posicións de poder, as consecuencias situáronse no campo da necesidade dunha refundación da súa identidade ideolóxica e política. A desaparición das premisas identitarias conformadas a partir de 1917 requiría unha revisión a fondo dos postulados anteriores para crear novos referentes capaces de sintonizar coas enerxías transformadoras emerxentes nas distintas sociedades. Coa perspectiva que proporcionan os 30 anos transcorridos, pódese afirmar que na grande maioría deses partidos primou o conformismo ou a incapacidade para asumir o reto da súa reconstrución como formacións atractivas para sectores significativos do corpo electoral e, por tal motivo, pagaron o prezo correspondente en forma de esmorecemento ou desaparición da vida política.
O interese de afondar no estudo da experiencia do PCUS radica, entre outras cousas, no feito de que debeu afrontar algúns problemas que seguen sendo moi relevantes en calquera axenda de cambios transformadores: construír un modelo económico que posibilite unha maior igualdade entre as persoas; establecer unha arquitectura política democrática que permita a expresión da pluralidade existente no corpo social e acadar o recoñecemento das identidades nacionais a través de fórmulas constitucionais que aseguren a libre adhesión de todas as comunidades que conformen un espazo estatal común.