A traxectoria e as viaxes da guerrilleira Consuelo Rodríguez López

Aurora Marco, recollendo a súa historia na illa de Ré, en 2006 © Aurora Marco

Camilo de Dios –un guerrilleiro valente, entregado á causa antifranquista desde moi novo, ao que admiro e quero– e Consuelo Rodríguez López, a título póstumo, recibirán o próximo día 13 o Premio "Mártires da Liberdade", pola súa loita contra a ditadura e pola defensa da xustiza, a liberdade e a democracia. O acto desta 7ª edición dos premios, concedidos pola Asociación Cultural e Teatral "Abril de Lume e Ferro", será na Casa da Cultura de Carral. 

As actividades e as prácticas políticas das mulleres foron esenciais para a resistencia antifranquista, como puxen de relevo nunha investigación, que demorou cinco anos, materializada no libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega (Laiovento, 2011) e no documentario As silenciadas de Pablo Ces. Unha das guerrilleiras que figuran en ambos os formatos foi Consuelo Rodríguez López, Chelo, que morreu o pasado 18 de xullo, a tres meses de cumprir os 100 anos. Con tal motivo, vou lembrar, brevemente, a traxectoria da guerrilleira de Soulecín e a súa mobilidade. Porque as viaxes de Chelo non estiveron motivadas, como acontece con outras mulleres, pola súa formación, por temas profesionais, económicos, pola vivencia da estranxeiría, por lecer ou por outros motivos. A súa foi unha mobilidade forzada por mor das actividades como resistente e estivo motivada pola represión, polas mudanzas carcerarias, pola clandestinidade, polo exilio... Aquelas circunstancias deixaron na súa vida unha pegada inapagábel, igual que sucedeu a outras moitas vencidas.

 

Guerrilleira da chaira e do monte

En Soulecín (Barco de Valdeorras) aínda fican en pé os muros da casa da familia Rodríguez López,  coñecida entre os membros da guerrilla como "A Fortaleza", porque tanto o matrimonio formado por Domingo Rodríguez Fernández e Amalia López Ojea como a súa descendencia, cinco fillos e dúas fillas, colaboraron cos primeiros fuxidos e cos membros da guerrilla xa organizada, na que se integraron como enlaces e como combatentes. Tras os horrores da guerra e a represión posterior, só sobreviviron tres membros daquel grupo familiar: os pais foron fusilados o 18 de outubro de 1939 –o día do aniversario de Chelo– e catro irmáns foron caendo en diferentes momentos na década de 1940: Roxelio (1941), Sebastián (1942), Domingo (1946) e Alfonso, irmán xémeo de Chelo (1949). O fillo máis vello, Francisco, fixo labores de enlace desde Ponferrada. E Antonia, que morreu na súa casa de París en 2012, seguiu unha traxectoria semellante á de Chelo. 

A represión marcou a vida de Consuelo Rodríguez López (Soulecín, 18 de outubro de 1919- Ìle de Ré, 18 de xullo de 2019). A traxedia familiar, que se iniciou co fusilamento dos pais, inclinouna máis á loita a prol da liberdade e da causa do movemento guerrilleiro no que loitou no seo da "Federación de Guerrillas León-Galicia". Ela foi guerrilleira da chaira e posteriormente pasou á guerrilla do monte, cando xa estaba queimada como enlace. Fixo parte do SIR (Servizo de Información Republicano), prestou apoio loxístico aos seus compañeiros e irmáns e levou a cabo arriscadas misións, como introducir armas no cárcere de Ourense. Polo seu compromiso coa guerrilla estivo nos cárceres do Barco de Valdeorras, en Ponferrada e en León. En 1945 pasou á clandestinidade e con base na "Cidade da Selva", nos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras), seguiu a disciplina da Federación ao igual que os seus compañeiros: fixo gardas, cargou cos seus macutos nas longas marchas nocturnas; moveuse polos picos máis altos e por enormes desfiladeiros en noites de fuxida apresurada, agochouse en refuxios improvisados, en "chozos", en casas de apoio... E, como estaba armada –aprendera a tirar con Arcadio Ríos Rodríguez, o seu compañeiro sentimental– participou nalgúns combates nas Morteiras e na Bruña, nos montes de Casaio. Tamén aprendeu a ler e escribir naquela estadía clandestina. 

Cando os campamentos da "Cidade da Selva" foron descubertos e desmantelados en xullo de 1946, abandonou o lugar, seguiu agachada por onde puido e máis tarde trasladouse a Madrid, onde estivo arredor de ano e medio. Nunha viaxe organizada polo seu cuñado César Ríos, e a través duns enlaces, chegou a San Sebastián coa pistola como única documentación. De alí foi a Hendaia onde a deixaron ao pé dunha rocha desde a que comezou a subir a montaña para se encontrar cos compañeiros que estaban agardando por ela. Era abril de 1949. 

Chelo Rodríguez López con Josefa Gómez Burgos, coa que viviu en Madrid © Aurora Marco

Tras unha breve estadía en Bédarieux coa familia do seu cuñado César Ríos e da súa irmá Antonia, traballou no campo en casa dunha refuxiada política, despois no servizo doméstico. Xa en París, entre 1950-1951, estivo de cociñeira na casa do secretario da Embaixada de Arxentina en Francia e cando a familia regresou ao seu país querían que Chelo os acompañase. Mais refugou o ofrecemento e seguiu na cidade da luz. Alí coñeceu o guerrilleiro asturiano Marino Montes, co que casou en 1953 e tivo dous fillos, Alphonse e Georges. A parella comezou a construír a vida de novo mais sen esquecer nunca os ideais polos que loitaron. En 1971 o matrimonio trasladouse a vivir a Île de Ré, fermosa illa fronte a La Rochelle, onde morreu Marino Montes en 1989. Chelo nunca quixo saír deste lugar. 

Muller de carácter forte, disciplinada, seguiu con paixón todo o que garda relación coa rehabilitación dos/as protagonistas da guerrilla e cada vez que falaba con ela repetíame: "Continúo na loita". A loita concretábase, nesa altura, no recoñecemento das actividades das e dos resistentes, na loita contra a desmemoria, na loita por facer desaparecer dos documentos oficiais a denominación de "bandoleiras/os" e para que ninguén tratase de desvirtuar e de denigrar a actividade das mulleres como resistentes, non como "as queridas de/as amantes de": “Sabes que o papel das mulleres na guerrilla foi fundamental e iso ten que contarse”, dicíame. 

Cando lle preguntei que significou para ela o movemento guerrilleiro, respondeu: "Foi unha etapa moi importante na miña vida. Estou orgullosa do que fixen e hoxe [ano 2006], de darse as circunstancias, volveríao facer. Queríamos a liberdade e loitábamos contra Franco. Eu estaba disposta a dar a miña vida polos compañeiros. Éramos como unha familia: a onde ían eles, ía eu e, se ían á morte, eu iría con eles. Por iso non admito que se diga de nós que éramos as queridas dos guerrilleiros. Iso o dicían os fascistas e a Garda Civil.”

As viaxes de Chelo

Neste contexto de resistencia hai que enmarcar a mobilidade de Chelo. Axiña de iniciar a actividade como enlace, comezaron as viaxes da represión polos cárceres franquistas: Barco de Valdeorras en dúas ocasións, Ponferrada, León… En cada viaxe de ida e volta a aqueles almacéns de mulleres o compromiso e a coraxe de Chelo ían en aumento. E de guerrilleira da chaira, de enlace, pasou á guerrilla do monte. Tivo que elixir: o monte ou a morte. Daquela viaxou á clandestinidade, de setembro de 1945 a abril de 1949. Desde a coñecida como “Cidade da Selva”, na Serra do Eixe, moveuse por Ricosende, Soutadoiro, polos montes das Morteiras e da Bruña, polos picos máis altos (O Maluro, O Parapeto), polo Teixadal, baixo Pena Survia; subiu e baixou por Pena Trevinca, con enormes desfiladeiros en noites de marcha ou de fuxida obrigada, porque a mobilidade era unha necesidade para sobrevivir. Andou por terras de Ourense e Lugo, chegou até Monforte, por León… E cando aqueles campamentos base da Federación de Guerrillas foron descubertos con motivo do Congreso de Reunificación, en xullo de 1946 –cando caeron na refrega Elvira Cuadrado e Arcadio Ríos, o seu compañeiro na loita e no sentimento–, tivo que ocultarse e continuou a mobilidade: unha casa de apoio en Correxais, primeiro, e despois outras casas para se refuxiar entre a Rúa e o Barco, en Carracedo, Cabañas Raras e Berlanga. Finalmente, tras diferentes xestións, acabou en Madrid na casa da viúva dun fusilado, Josefa Gómez Burgos, onde permaneceu arredor de ano e medio. 

San Sebastián, Hendaia, unha motora en noite pecha e agatuñar monte arriba para atopar, na baixada daquela montaña salvadora, a liberdade: “Traio un regueiro de sangue desde Galiza até Francia… Teño a liberdade e non sei para que a quero se deixo todo atrás”, así me transmitiu o que pensou ao pisar terra francesa. Aquela foi a viaxe da liberdade, mais tamén a viaxe da dor, dunha dor profunda que a acompañou sempre. Ela, como outras mulleres exiliadas, foi arrincada da terra, ficou coas raíces no ar e tivo que adaptarse ao país de acollida. Tras a inicial estadía en Bédarieux, do departamento de Hérault na Occitanis francesa, París foi o lugar de destino até 1971 en que recalou en Ìle de Ré: o "Chemin des Comtesses", perto de La Flotte, sabe das súas camiñadas cada día, durante anos. 

Chelo deixou a súa illa en catro ocasións para facer as viaxes da memoria. Após a morte de Franco, veu por primeira vez á aldea natal co seu home e un fillo para colocar, a título individual, unha lousa de pizarra no lugar en que fusilaron os pais. Naquela viaxe tamén pasaron por Asturias e foron ao Pozo Fumeres onde mataran moitos guerrilleiros. En novembro de 2003 viaxou a Ocero (León) para participar na inauguración do monolito erixido por subscrición popular en memoria dos guerrilleiros Alfonso Rodríguez López, o seu irmán xémeo, e Eduvige Orozco Palacín, asasinados o 24 de febreiro de 1949. En xullo de 2004 o concello do Barco de Valdeorras ergueu un monolito na paraxe coñecida como Sampaio, onde foran vilmente asasinados o pai e a nai, e alí estivo con outros membros da familia. 

Así estaba a casa de Soulecín hai algún tempo © Aurora Marco

Volveu a Galiza no 2007, na que sería a derradeira viaxe á súa terra. O 14 de abril dese ano viu cumprido un dos seus máis grandes desexos: que o seu irmán Domingo e Arcadio Ríos, o seu compañeiro, xunto con Francisco Elvira Cuadrado, recibiran a homenaxe coa que sempre soñou. Nun emotivo acto, organizado polo concello do Barco, colocouse unha placa no lugar onde se sabía repousaban os restos dos tres guerrilleiros dentro do cemiterio civil. Chelo depositou enriba dos restos de Arcadio un ramo de flores cuxa fita dicía: “A mi amor eterno”. A emoción apenas a deixou falar. O día anterior Consuelo Rodríguez López Chelo, a guerrilleira entregada a todo tipo de tarefas de axuda, de colaboración, como enlace no movemento de resistencia antifranquista, a muller que combateu nos vales de Casaio, foi recibida en Santiago de Compostela, na sede do goberno en San Caetano, polo vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e pola conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, nun xesto de recoñecemento, despois de tantos anos de esquecemento, que nunca se borrou da súa memoria.

Case a vin emprender a derradeira viaxe, hai apenas dous meses. Foi a viaxe ao alén. O pasado xuño, estiven cinco días en Île de Ré cun único obxectivo: estar con ela. Dixérame por teléfono varias veces que quería verme antes de morrer. Foron días de sentimentos encontrados: alegría por estar con ela; tristura por ver que eran os derradeiros días de vida dunha muller á que sempre, sempre, recordarei porque coñecela foi un privilexio que me deu a vida. Vinte días despois de despedírmonos nunha aperta interminábel, o 18 de xullo, morreu. Mais segue, seguirá sempre, viva no meu corazón.

Aurora Marco con Chelo Rodríguez López en 2006 © Aurora Marco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.