“Onde está o meu país? (...) Está nos que non están?", cuestionábase Mario Benedetti en Preguntas al azar. Un grupo de estudantes de Comunicación Audiovisual da UDC leva un ano traballando nun documental que, a través de Camilo de Dios (o derradeiro guerrilleiro vivo), busca recuperar a memoria histórica colectiva da guerrilla antifranquista en Galicia. O pasado 20 de agosto o equipo deu por finalizada a rodaxe do filme no propio concello ourensán de Sandiás de onde é orixinario Camilo de Dios. O colofón ao traballo foi a recollida das imaxes e as voces do acto de irmanamento entre Sandiás e a vila de Chaherrero (Crespos, Ávila) onde morreu o seu irmán, Perfecto de Dios, executado pola Garda Civil en 1950, con só 19 anos. Foi a primeira ocasión na que dous concellos se irmandan en España pola figura dun guerrilleiro
O filme, Camilo: o último guerrilleiro de Galicia, estrearase en outubro a través dunha web que permitirá acceder a completa información e contidos complementarios ás gravacións. Así, este documental interactivo, que aproveita as novas ferramentas dixitais, achega unha serie de elementos adicionais que permitirán completar conceptos e historias que se atopan na propia peza audiovisual. No sitio web do documental poderase reproducir este de forma lineal e dividido por capítulos, pero tamén se poderá acceder a unha sorte de arquivo con contidos adicionais relacionados cos distintos capítulos da peza: textos, vídeos, fotografías, infografías, etc. Así, poderase afondar "nas diferentes historias que forman parte e que se entrelazan coa vida de Camilo". O funcionamento e navegación da web, explican, será "o máis sinxelo posible", co obxectivo de que todo o público sexa capaz de entender e utilizar a ferramenta. Ademais, o portal funcionará como "un arquivo" no que atopar outros contidos sobre a vida de Camilo e a historia da guerrilla antifranquista.
"Cando veñen de facer 80 anos do comezo da Guerra Civil, atopámonos nun punto de inflexión no que os testemuños vivos desta guerra e da posterior resistencia antifranquista están a piques de desaparecer"
A utilización dos novos medios, destacan, "supón un intento de chegar á mocidade e de rematar co baleiro no ensino sobre a ditadura franquista e as persoas represaliadas por ela". "Cando veñen de facer 80 anos do comezo da Guerra Civil, atopámonos nun punto de inflexión no que os testemuños vivos desta guerra e da posterior resistencia antifranquista están a piques de desaparecer. Esta situación é dobremente delicada, xa que, despois de 40 anos de ditadura, nunca existiu unha vontade real por repensar a historia que esta ditadura escribiu", destacan. O guionista do filme, Miguel García, resalta neste senso “a pasividade histórica das institucións dende a Transición e a impunidade das culpables a pesar de ser o país con máis persoas desaparecidas despois de Camboxa”. O filme é responsabilidade de Alba Sánchez Botana, Juan Sebastián Pirola Lorenzo, Miguel García Valdeón, Pedro Iglesias Fernández, estudantes do 4º curso do Grao de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña
Camilo de Dios
Miguel García destaca “a pasividade histórica das institucións dende a Transición e a impunidade das culpables a pesar de ser o país con máis persoas desaparecidas despois de Camboxa”
O documental percorre a historia vital de Camilo de Dios, dende a súa integración na guerrilla antifranquista na Limia con tan só 15 anos, o seu encarceramento pola actividade guerrilleira e a morte do seu irmán ata a loita pola recuperación dos restos deste último, o que por fin conseguiu en 2014. O filme percorre algúns dos espazos e lugares que foron importantes na vida do guerrilleiro e incorpora entrevistas ao propio Camilo, a expertos e a outros militantes e loitadores antifranquistas de distintas xeracións. Por exemplo, o equipo falou co protagonista desta historia no lugar da Edreira, no Concello da Veiga, un dos espazos que servía como refuxio á guerrilla do sur da provincia de Ourense. "Foi unha xornada chea de emocións na que Camilo nos explicou a importancia dese refuxio para a guerrilla, ademais de contarnos anécdotas e historias que aconteceron nese lugar e nos seus arredores".
En 1948, Camilo tivo que fuxir ao monte, uníndose de forma definitiva á loita contra o réxime na 2ª Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia. Ferido e capturado en 1949, nun enfrontamento coa Garda Civil en Ourense, foi condenado á morte nun consello de guerra celebrado na Coruña; con todo, ao ser menor de idade e baixo a presión internacional, as autoridades conmutaron a súa pena por 30 anos de cárcere. A partir de aí, a vida de Camilo converteuse nun paso polos cárceres do Estado español, sendo a do Dueso (Santoña, Cantabria) onde pasou a maior parte da súa condena. Despois de ser liberado en 1959, participou na organización das Comisións Campesiñas na Limia (Ourense) e na reorganización do PCE en Ourense, ata que o detiveron de novo en 1971, acusado de propaganda ilegal.
"Atopamos en Camilo non só ao último guerrilleiro vivo de Galicia, senón a unha traxectoria histórica continua que vai desde a formación do movemento obreiro e campesiño na Limia até os nosos días"
"Atopamos en Camilo non só ao último guerrilleiro vivo de Galicia, senón a unha traxectoria histórica continua que vai desde a formación do movemento obreiro e campesiño na Limia até os nosos días: a persecución, a supervivencia e mesmo a morte forman parte dunha vida movida polo soño dun mundo mellor", subliñan. "Todo isto compón unha riqueza chea de interseccionalidades que fai que os límites do proxecto sexan difusos, o que require un formato que dea cabida á ampliación do mesmo. Apostamos, por tanto, por un documental acompañado de pequenas historias que complementen a linealidade do primeiro", engaden.