A ultima cita antes do test electoral de 2027

Juan Manuel Moreno Bonilla © PP-A

Un dos obxectivos que buscaba o PP coa planeada coordenación electoral nesas catro Comunidades nas que xa gobernaba (Extremadura, Aragón, Castela e León e Andalucía) era eliminar ou minimizar a hipoteca que representaba Vox. Resulta evidente que non conseguiu prescindir desa formación, nin sequera alí onde tiña unhas mellores condicións previas para facelo

As eleccións ao Parlamento de Andalucía celebradas este 17 de Maio pecharon a secuencia de citas coas urnas que comezou o pasado mes de Decembro en Estremadura. No caso andaluz, existían dúas circunstancias que tiñan unha relevancia indiscutíbel: o importante volume do corpo electoral que estaba convocado nesa Comunidade (case un 20% do total estatal) e a maioría absoluta que tiña o PP dende o ano 2022. A partir de aí as incógnitas afectaban a catro cuestións importantes: a capacidade de Moreno Bonilla para manter semellante hexemonía parlamentaria; a incidencia da presenza da ex-vicepresidenta Montero no cartel electoral do PSOE; a resposta dos potenciais votantes de Vox despois do acontecido nos últimos seis meses e, finalmente, o efecto da competencia entre as dúas candidaturas ("Por Andalucía" e "Adelante Andalucía") que buscaban o apoio dos sectores ubicados á esquerda do Partido Socialista.

As urnas proporcionaron xa unhas primeiras respostas. O presidente Moreno fracasou na súa pretensión de renovar a maioría absoluta. A pesar de que no ano 2022 o PP andaluz tirou beneficio dunha coincidencia azarosa na atribución dos últimos escanos dalgunhas circunscricións provinciais, a case totalidade dos inquéritos publicados nas últimas semanas apostaban pola continuidade da maioría parlamentaria. Asistiremos, nos vindeiros días, a algunha análise autocrítica das empresas demoscópicas concernidas ou teremos que pensar nunha deliberada operación destinada a crear un estado de opinión favorábel ao partido gobernante?

Como é sabido, un dos obxectivos que buscaba o PP coa planeada coordenación electoral nesas catro Comunidades nas que xa gobernaba (Extremadura, Aragón, Castela e León e Andalucía) era eliminar ou minimizar a hipoteca que representaba Vox. Resulta evidente que non conseguiu prescindir desa formación, nin sequera alí onde tiña unhas mellores condicións previas para facelo. O partido de Abascal estará presente nos gobernos ou condicionará decisivamente a folla de ruta da vindeira lexislatura. A conclusión está servida: Feijoo non poderá agachar con apelacións retóricas a evidencia de que a súa aposta para chegar á Moncloa implica compartir a viaxe coa organización que reivindica unha explícita involución autoritaria e antidemocrática. Aínda que Vox non ten medrado coa espectacularidade que algúns analistas prevían, dispón da fortaleza electoral suficiente para evitar que o PP prescinda dos seus escanos.

O devalo electoral do socialismo andaluz certifica que estamos ante un fenómeno non estritamente conxuntural. Despois de varias décadas de hexemonía continuada e a pesar de contar cunha candidata ben coñecida polas súas tarefas gobernamentais pasadas e recentes -na Junta e no Ministerio de Facenda-, o motor do PSOE semella estar seriamente avariado. Teñen mudado as preferencias dunha parte do corpo social que antes era extraordinariamente fiel a esa sigla? Hai unha notábel fatiga nos materiais humanos que veñen artellando o esqueleto organizado do Partido Socialista? Cal é o nivel de reversibilidade desa tendencia iniciada no ano 2018? Son algunhas das preguntas que poderán atopar respostas nos vindeiros anos.

Os meritorios resultados de "Adelante Andalucía" (AA) demostraron unha vitalidade electoral moi superior á que tivo "Por Andalucía". A combinación dun andalucismo de esquerdas e dunha linguaxe comunicativa renovada semella que conseguiu conectar con sectores da mocidade descontentos cos efectos provocados por algunhas políticas públicas. O éxito de AA demostra que, nalgunhas ocasións, non abonda con posuír unha desexábel rede organizada previa (coma, neste caso, ocorría con IU) para multiplicar os rendementos electorais. É necesario acertar nas persoas candidatas, nas mensaxes emitidas e nos formatos utilizados na comunicación co electorado. En todo caso, a porcentaxe conxunta obtida por ambas candidaturas (16%) constitúe unha solvente base de partida de cara ao futuro.

Dende o observatorio político galego, o resultado da cita electoral do 17-M permite achegar dúas consideracións. Constatase, por unha banda, a evidente revalorización indirecta da maioría absoluta que mantén, dende hai tempo, o PPdG na Cámara do Hórreo e, xa que logo, o potencial reforzamento que lle outorga a A. Rueda na estrutura estatal que lidera neste momento Alberto Núñez. E hai, tamén, unha segunda consideración que lle afecta prioritariamente á oposición (BNG e PSdG): é posíbel rematar cunha maioría absoluta aparentemente sólida se hai unha vontade contrastada de acadar ese obxectivo e unha estratexia integradora que sexa quen de mobilizar aos sectores que desexan propiciar a mudanza gobernamental.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.