Nun intervalo de poucas semanas, cumpríronse catro e seis décadas, respectivamente, de dous acontecementos relevantes na historia do nacionalismo galego contemporáneo: o retorno dos restos de Castelao no mes de Xuño de 1984 e a fundación da Unión do Povo Galego (UPG) en Xullo de 1964
Nun intervalo de poucas semanas, cumpríronse catro e seis décadas, respectivamente, de dous acontecementos relevantes na historia do nacionalismo galego contemporáneo: o retorno dos restos de Castelao no mes de Xuño de 1984 e a fundación da Unión do Povo Galego (UPG) en Xullo de 1964. A pesar de que ten pouco sentido establecer unha avaliación comparativa de ambos feitos, non é aventurado afirmar que o nacemento e a posterior traxectoria da devandita organización tivo maior transcendencia que a chegada do histórico dirixente galeguista ao recinto de Santo Domingo de Bonaval.
Cando un grupo político é capaz de manter unha continuidade organizativa durante 60 anos sen perder unha influenza significativa sobre aquela parte do tecido social mais identificada co ideario defendido por ese partido hai que admitir que estamos ante un fenómeno moi importante na historia recente da Galiza.
Para explicar a longa permanencia da UPG no sistema político galego é necesario considerar a concorrencia de diversos factores. Un deles ten sido a notábel homoxeneidade ideolóxica construída por un grupo de cadros que posuían -dende os anos da clandestinidade antifranquista- unha forte autoridade moral sobre o conxunto da militancia organizada. Esa unidade interna foi realizada arredor dun ideario que combinaba os principios elaborados polas elites galeguistas durante a II República coas posicións formuladas dende os partidos comunistas adscritos á liña establecida polos dirixentes da URSS.
Para explicar a longa permanencia da UPG no sistema político galego é necesario considerar a concorrencia de diversos factores. Un deles ten sido a notábel homoxeneidade ideolóxica construída por un grupo de cadros que posuían -dende os anos da clandestinidade antifranquista- unha forte autoridade moral sobre o conxunto da militancia organizada
Poren, semellante unidade interna non abonda para dar conta, totalmente, da referida continuidade temporal. Outras organizacións de características análogas non foron quen de superar o tránsito da ditadura franquista ao réxime instaurado a partir dos anos 1977 e 1978. A pesar de que a UPG nunca compareceu como tal nos sucesivos escenarios electorais (aínda que formou parte de distintas siglas que si o fixeron: BNPG, Bloque-PSG e, finalmente, BNG) os resultados -durante os primeiros anos- foron claramente insatisfactorios, agás nas institucións municipais. Cunha moi baixa porcentaxe de votos obtida na cita coas urnas do ano 1977, con pouca representación no Parlamento galego até 1993 e sen presenza no Congreso estatal até 1996, foise alimentando unha reacción defensiva entre os núcleos activistas mais organizados. Xa que o corpo social galego -a diferenza do que acontecía en Cataluña e no País Vasco- non xeraba forzas políticas nacionalistas co apoio suficiente para xestionar as novas institucións creadas ao abeiro dos Estatutos de Autonomía, consolidouse un discurso vitimista que xustificaba determinadas inercias dogmáticas procedentes do pasado e que negaba a condición de nacionalista auténtico a quen non aceitase o ríxido perímetro establecido na liña oficial. Eran os tempos daquel "Estatuto nunca mais, Bases constitucionais" utilizado para descualificar ás correntes ("Esquerda Galega", entre elas) que postulaban traballar dende as novas institucións en favor dun afondamento do nivel de autogoberno existente. Durante os primeiros trinta anos da súa vida, a UPG priorizou o seu reforzamento como esquelete básico de calquera proxecto nacionalista no que participara: era mais importante asegurar a súa hexemonía sobre o conxunto do movemento xa organizado que apostar por unha maior ampliación do mesmo. Esta lóxica hexemonista estivo presente como causa determinante da grave crise padecida polo BNG no ano 2012 a partir da Asemblea de Amio.
Vai seguir cumprindo anos a UPG ou cabe pensar nunha futura desaparición do grupo dada a irreversíbel consolidación orgánica e a fortaleza electoral que posúe o BNG? Por que é necesario que este partido siga existindo? Que achegas pode realizar á desexábel actualización do ideario nacionalista para os vindeiros anos?
A pesar de que -dende o seu nacemento- expresaron a súa convicción de constituír a vangarda mais lúcida e consecuente do universo nacionalista galego, pódense citar algunhas temáticas nas que a UPG mostrou debilidades pouco compatíbeis con esa elevada consideración que tiña sobre o seu papel na historia. Por exemplo: a pesar do tempo transcorrido dende a caída do sistema soviético no ano 1991, non se coñece unha avaliación sistemática dun fenómeno que tivo consecuencias de tanta envergadura. Algo parecido cabe sinalar sobre os conflitos armados desenvolvidos no territorio da antiga Iugoslavia durante a primeira parte da década dos 90 do pasado século. Para unha formación nacionalista, a desaparición do Estado federal que encabezara o mariscal Tito proporcionaba unha oportunidade para facer pedagoxía sobre o xeito acaido de resolver conflitos nacionais complexos sen practicar o reducionismo de sinalar a Serbia como vítima dunha suposta conspiración dos Estados occidentais aliados con Eslovenia, Croacia ou Bosnia. Un terceiro caso que se pode anotar no capítulo das eivas protagonizadas por esta organización foi a demora na asunción da importancia do feminismo en calquera proxecto de transformación social: até ben entrada a década dos 90 non figuraron nun lugar destacado as análises e as propostas relativas a esta temática.
Vai seguir cumprindo anos a UPG ou cabe pensar nunha futura desaparición do grupo dada a irreversíbel consolidación orgánica e a fortaleza electoral que posúe o BNG? Por que é necesario que este partido siga existindo? Que achegas pode realizar á desexábel actualización do ideario nacionalista para os vindeiros anos? Nunha boa medida, as respostas a estas preguntas pódense atopar no catálogo das luces e das sombras rexistradas nestes 60 anos de vida da Unión do Povo Galego.